É listo coma un allo!

Ana T. Jack

LA VOZ DE LA ESCUELA

A creatividade musical ten unha compoñente xenética, pero outra estimulada
A creatividade musical ten unha compoñente xenética, pero outra estimulada EDUARDO PEREZ

A estimulación educativa é fundamental para desenvolver o potencial xenético

10 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os xenes condicionan, pero non determinan a intelixencia, a sociabilidade, a empatía nin a creatividade dos nosos fillos. A interacción co ambiente (familiar, social e educativo) desde o minuto cero de vida, e incluso antes, é fundamental no desenvolvemento (ou non) desas potencialidades que xa veñen de serie. Desta forma, se o noso descendente ten a sorte de nacer con predisposición xenética cara á creatividade musical, pero non lle damos a oportunidade de desenvolvela, é posible que chegue a adulto sen ser sequera consciente de posuíla. Pola contra, un neno que naza con menores dotes nesa mesma área, pero que reciba máis estimulación de forma continuada, poderá manifestar un maior desenvolvemento das súas habelencias musicais ata alcanzar o grao da excelencia.

Esta é unha das ideas principais que as familias poden aproveitar das achegadas nos últimos anos pola neuroeducación xunto con estas outras tres evidencias:

1 O cerebro dos nenos é como unha esponxa que absorbe todo o que o rodea. Por iso o modelo que ofrezamos aos nosos fillos, por encima do que lles intentemos transmitir coas nosas palabras, vai moldear a súa forma de ser e relacionarse co mundo.

2 A estimulación é un elemento crucial para a formación e desenvolvemento do cerebro. Todo o que os pais ofrecemos aos nosos fillos, desde a máis sutil das miradas ata as cóxegas máis aloucadas, ou desde o xogo máis divertido á conversación máis fonda, inflúe en como se constrúe o seu cerebro a base de novas conexións neuronais.

3 A sobreestimulación, pola contra, é o inimigo número un do cerebro. O estrés e a saturación que provoca un exceso de estímulos (en non poucas ocasións recibidos a través do bombardeo das pantallas) xera cortisol, unha hormona que inflúe de forma negativa na conduta (reaccións agresivas), na aprendizaxe (a través de bloqueos ou problemas para memorizar) e nos aspectos emocionais (altas doses de frustración, menor autoestima e autoconfianza).

Non se pode dicir que estas ideas sexan novas. A intuición e a experiencia dos pais hai xa varias décadas que deixaron claro que os fillos cun mellor desenvolvemento intelectual, emocional e social non son os que foron educados nos colexios máis caros e elitistas nin tampouco os que tiveron máis actividades extraescolares. Os segredos dunha educación de éxito son sinxelos, aínda que en xeral esixen un maior compromiso persoal. Trátase de ofrecer afecto incondicional e de crear un vínculo seguro cos fillos, de fomentar a autonomía e axudar a superar os medos, de establecer normas claras e de reforzar os comportamentos positivos. De dar exemplo e de cultivar a paciencia e o autocontrol. De fomentar a empatía… e de gozar educando.

escuela de familias

? TEMA DO MES: Que é a neuroeducación.

 

? ETAPA: Infancia e adolescencia.

 

? A FRASE: «Se queres que o teu fillo sexa intelixente, lelle contos. Se queres que sexa máis intelixente, lelle máis contos» (Albert Einstein).

 

? ALGUNHAS CLAVES: Ofrecer ambientes ricos en estímulos variados, pero sen caer na saturación.

 

? PARA SABER MÁIS: «5 principios de la neuroeducación que la familia debería saber y poner en práctica», de David Bueno e Anna Forés (Universidade de Barcelona). «Revista Iberoamericana de Educación»: https://rieoei.org/RIE/issue/view/282

Principios básicos da neuroeducación

Álvaro Bilbao, neuropsicólogo e autor de O cerebro do neno explicado aos pais, expón tres ideas sinxelas que todo pai debe coñecer:

 

 

1 Conexións neuronais. Un bebé, ao nacer, conta con case a totalidade dos cen mil millóns de neuronas que terá cando sexa maior. A diferenza entre o seu cerebro e o do adulto é que no seu caso aínda están por desenvolver trillóns de conexións (sinapses) entre si. Cada unha destas conexións é unha aprendizaxe. Cando un pai fala, bica ou simplemente observa ao seu pequeno, o seu cerebro realiza conexións que lle condicionarán a forma de enfrontarse á vida como adulto. Todo queda gravado, nada se esquece.

 

 

 

2 Dous hemisferios. A parte máis externa do cerebro, chamada cortiza cerebral, está dividida en dous hemisferios interconectados entre si a través do corpo caloso. O esquerdo controla os movementos da man dereita e é o dominante na maioría das persoas. As funcións propias desta parte do cerebro son a fala, a lectura e a escritura, o autocontrol e a capacidade de ser optimista ante a vida, entre outras. O hemisferio dereito leva o control da man esquerda e o seu carácter é máis intuitivo, artístico e emocional. Representa a linguaxe non verbal, ten visión de conxunto e é capaz de detectar pequenos erros e corrixilos sobre a marcha. Isto non significa que os destros sexan máis lóxicos e os zurdos máis intuitivos: todas as persoas necesitan o funcionamento de ambos os hemisferios para un desenvolvemento cerebral pleno.

 

 

 

3 Tres cerebros nun. De xeito puramente metafórico (está claro que só temos un!), Álvaro Bilbao distingue tres cerebros. O reptiliano, que explica as condutas básicas que nos levan a loitar pola nosa supervivencia. O emocional, que permite distinguir entre emocións agradables (busca o alimento, o cariño…) e desagradables (lévanos a fuxir de perigos e ameazas). E o cerebro racional ou superior, que é o que nos permite ter conciencia de nós mesmos, comunicarnos, razoar, ser empáticos ou tomar decisións lóxicas.

 

 

Ollo! Na infancia, as reaccións de tipo reptiliano e emocional tenden a levar a voz cantante…