Imagen:Algúns xa estarán traballando en subir a nota para obter unha bolsa de estudos

Estratexias para remontar o curso

Puntos básicos para planificar unha melloría na terceira avaliación


¿Comezamos o último trimestre do curso con enerxía e dispostos a dalo todo? Claro que si, así gozaremos con máis intensidade do verán. Para iso o primeiro paso é marcarse obxectivos, que serán diferentes para cada caso en particular. Talvez para Elena unha boa meta sexa a de intentar elevar a súa nota media a notable para poder pedir unha bolsa o próximo curso e irse a estudar ao estranxeiro. Pero para Nico un bo obxectivo sería conseguir aprobar todas as materias, aínda que sexa con cincos raspados. No caso de Noelia sería máis intelixente decidir que materias vai deixar (que non abandonar) para sacar en setembro e cales vai intentar aprobar en xuño. Está claro que as oito que arrastra de avaliacións anteriores van ser imposibles de sacar en tres meses que quedan de curso, así que divide e vencerás.

Xa que logo, se temos pensado unha boa estratexia aínda queda moito por facer. As familias poden axudar neste proceso seguindo as orientacións deste decálogo básico:

1. Ante todo, manter unha actitude positiva e de respecto cara ao profesorado, mesmo que se considere que as notas foron inxustas. Ante desacordos entre a familia e o centro educativo é mellor expor estas discrepancias en privado ao profesor en cuestión, ao que se lle pode pedir información e aclaración sobre a cualificación obtida.

 

2. Pactar o tempo de estudo diario (de estudo activo, non de pasmar diante dos libros) que se vai necesitar investir neste último trimestre do curso para mellorar os resultados. Este acordo debe incluír a cláusula (salvo excepcións) de que o teléfono móbil se manterá apagado e a unha distancia prudencial da zona de traballo.

 

3. Asegurarnos de que o noso fillo ten un espazo de estudo fixo, funcional e confortable. Que sexa sempre o mesmo, cómodo, silencioso, que invite ao estudo e afastado das distraccións.

 

4. Axudarlle a organizarse e a planificarse. Por exemplo, elaborando un horario semanal cos tres meses que quedan, exames previstos, entregas de traballos...

 

5. Darlle autonomía. É necesario que os rapaces teñan claro que son eles os responsables dos seus estudos, deberes e exames. Que nós, os seus pais, xa estudamos cando nos tocou.

 

6. Supervisar o seu traballo e mostrar dispoñibilidade. Unha cousa é esixirlles autonomía e outra deixalos ao seu aire sen un mínimo control. É verdade que a certas idades se presupón a responsabilidade e madurez suficiente para sacar adiante os estudos sen axuda de papá e mamá. Pero cando esa madurez brilla pola súa ausencia é mellor non deixalos á súa sorte. Xa que logo, debe haber un equilibrio entre fomentar a responsabilidade e a supervisión.

 

7. Controlar as horas de soño e de alimentación. Os nenos de entre 6 e 12 anos necesitan durmir entre 8 e 10 horas, os da ESO entre 7 e 9. A falta de soño afecta negativamente ao rendemento escolar, ao estado de ánimo e ao desenvolvemento. De igual modo unha dieta inadecuada (na que o almorzo ten especial relevancia) prexudica o progreso escolar.

 

8. Atopar xeitos de motivar. Falando do seu futuro inmediato (como vai ser o verán se aproba ou se non, o acceso á formación que lle interesa…). E, a partir de aí, establecer pequenas metas.

 

9. Reforzar o seu esforzo. Funcionan moi ben os eloxios e as críticas construtivas. Tamén é bo transformar os fracasos en oportunidades de crecemento.

 

10. Manter entrevistas co titor e cos profesores das áreas nas que ten máis dificultades. Eles son os que mellor poden orientar a estratexia para alcanzar o éxito nas súas materias.

 

Algúns erros comúns

Estes son algúns erros que, incluso coa mellor das intencións, poden cometer os pais a estas alturas do curso:

 

1 Pensar que suspendeu sete materias porque os profesores lle teñen teima.

 

2 Montar en cólera ante o titor dando por certa a versión do rapaz («Suspendéronme cun 4,5») sen contrastala coa do profesor («Si, suspendinlle cun 4,5 nun exame e un 0,5 no outro, así que a media como que non dá»).

 

3 Delegar toda a responsabilidade dos malos resultados no profesor particular («¡Co diñeiral que nos estamos deixando con el!»).

 

4 A pesar das malas notas seguir coa estratexia de máis do mesmo: as mesmas esixencias, a mesma planificación, as mesmas horas dedicadas a estudar, as mesmas horas na pasantía... sen cambiar nada.

 

5 Dar por perdido o curso e xa que logo deixar que o rapaz siga de vacacións os meses que quedan.

 

6 Caer na sobreprotección evitándolle que asuma a responsabilidade da súa falta de esforzo e desculpándoo ante os profesores («É que faltou moito porque estivo malo», «A culpa foi nosa porque non estivemos encima»).

Escuela de padres

? TEMA DO MES: Planificar a terceira avaliación.

? ETAPA: Educación obrigatoria.

? A FRASE: «Debemos usar o tempo sabiamente e darnos conta de que sempre é o momento oportuno para facer as cousas ben» (Nelson Mandela).

? COMPORTAMENTOS QUE SE DEBEN EVITAR: Atribuír exclusivamente a causas externas o baixo rendemento nas notas da segunda avaliación (profesores pouco eficaces, mala influencia dos amigos, mala sorte cos exames...).

? ALGUNHAS CLAVES: Analizar o que fallou ou o que pode mellorarse, e propor un plan.

? PARA SABER MÁIS: «¿Cómo podemos ayudar a nuestros hijos e hijas en los estudios? Propuestas para ayudarles a mejorar su rendimiento escolar». Ceapa. https://goo.gl/FS6tI1

 

Votación
6 votos
Etiquetas
Xunta de Galicia Nelson Mandela
Comentarios