Os neandertais veganos do Paleolítico probablemente se automedicaban

Marcos Pérez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Unha das mandíbulas da cova asturiana de O Sidrón
Unha das mandíbulas da cova asturiana de O Sidrón Antonio Rosas

O sarrio dos seus dentes presenta restos dun analxésico natural similar á aspirina

22 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un grupo de investigadores do que forman parte un amplo número de españois vén de publicar a análise do sarrio dos dentes de dous grupos de neandertais que habitaron nas covas de Spy (Bélxica) e El Sidrón (Asturias). O sarrio ou cálculo dental forma depósitos minerais que conteñen microorganismos, saliva e restos de alimentos. Nós combatémolo mediante o cepillado diario e as limpezas anuais no dentista, pero non así os neandertais que habitaron Europa ata hai uns 40.000 anos. O sarrio presente nas súas dentaduras aínda contén restos de ADN do que podemos deducir como se alimentaban, que enfermidades lles afectaban ou como as combatían.

Sabemos por exemplo que os neandertais de Spy eran consumidores habituais de carne, incluíndo a de rinocerontes laúdos e muflóns propios dos ecosistemas esteparios que predominaban nos actuais Países Baixos. Por contra, a dieta dos seus parentes asturianos era moito máis frugal e baseábase en diversos vexetais (algúns posiblemente cociñados), piñóns, carriza e cogomelos. Máis aínda, no sarrio dun dos individuos do Sidrón apareceron restos de ácido salicílico (o principio activo da aspirina), que se atopa nas cortizas de chopos, salgueiros e mirtos. A suposición de que o consumo de ácido salicílico tiña fins médicos baséase en que este individuo padecía un absceso na boca que chegou a perforarlle a mandíbula, ademais dunha infección gastrointestinal crónica asociada a un microorganismo presente nos seus dentes. O feito de que tamén se atoparon restos de penicilina, un antibiótico producido por algúns fungos, suxire que os membros deste grupo practicaban unha forma primitiva de medicina baseada nos recursos naturais ao seu alcance. En realidade, son moitas as especies que consumen principios activos da súa contorna para protexer a súa saúde. Nalgunhas este comportamento é instintivo, como ocorre coas moscas da froita que incrementan o consumo de froita fermentada rica en alcol cando son parasitadas por avespas que pon ovos no seu interior. Noutros casos, como o dos chimpancés que cando se senten enfermos inxiren follas de arbustos moi específicos, parece tratarse de comportamentos sociais transmitidos dentro do grupo.

PARENTES NO TAN AFASTADOS

Cando os humanos modernos chegaron a Europa procedentes de África atopáronse cos neandertais, e algún daqueles contactos foi tan íntimo que chegou a producir descendencia. Por iso quen pertencemos á estirpe daqueles primeiros emigrantes levamos unha pequena porcentaxe do xenoma neandertal en cada unha das nosas células. Hai uns anos este descubrimento cambiou notablemente a imaxe que tiñamos dos que agora identificamos como os nosos antepasados. E en certo xeito fai menos sorprendente o descubrimento de que tamén eles practicaban a medicina e eran capaces de adaptarse aos recursos que en cada lugar a natureza puña ao seu alcance. Ata é posible que cando os antigos sumerios e exipcios comezaron a utilizar a cortiza do salgueiro para tratar a dor ou a febre só estivesen a botar man do vello remedio dos avós neandertais.

 Actividades

O natural e o artificial

Por que cres que hoxe tomamos aspirinas elaboradas en fábricas no canto de mastigar cortiza de salgueiro? É só por comodidade ou porque así podemos controlar mellor a dose de analxésico que inxerimos? Busca en Internet os efectos secundarios do ácido salicílico (natural) e do ácido acetilsalicílico (sintetizado no laboratorio). É o natural sempre mellor que o artificial? Busca exemplos nos que sexa preferible o natural e outros no que é mellor o artificial.

Herbas medicinais, ou todo o contrario

Busca nas lacenas da cociña e fai unha lista con todas as infusións, especias e outros condimentos de orixe vexetal que atopes. Localiza o nome científico e a orixe xeográfica da planta da que proceden. Moitas se toman por costume ou polo seu sabor agradable, pero outras teñen efectos sobre o noso organismo e facilitan a dixestión (manzanilla), combaten a fatiga (café) ou alivian o nerviosismo (tila). De todos os xeitos, é importante saber que algunhas herbas poden interactuar cos medicamentos e é mellor consultar co médico antes de combinar un tratamento con remedios naturais, sobre todo en caso de enfermidades graves.