A primavera busca xornalistas

> Antonio Sandoval Rey

LA VOZ DE LA ESCUELA

ANGEL MANSO

A estación con máis novidades do ano invita os estudantes a saír da aula en busca de novas

08 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde un punto de vista exclusivamente astronómico, este ano 2017 a primavera comezará o próximo día 20 de marzo ás 11.29 (hora oficial). En moitos outros calendarios, con todo, a data que aparece, de forma tradicional, é o 21 deste mesmo mes, en coincidencia co Día da Árbore, tamén chamado Día Forestal Mundial. Haberá moitas actividades e celebracións con este motivo.

Pero se a quen preguntas é á natureza, entón caben case todas as datas posibles entre febreiro e xuño. Dous exemplos: hai xa semanas que os tordos comúns cantan por case todas partes a chegada da nova estación, pero ata principios de xuño non chegarán os últimos falcóns abelleiros, unhas aves rapaces dos nosos bosques especializadas en devorar niños de avespas. O 21 dese mes comezará o verán, de novo segundo o calendario astronómico. Pero aínda queda moito ata entón. Polo momento toca gozar da primavera. Un estupendo xeito de facelo é convertela en noticia. Mellor aínda: en noticias.

E é que ningunha estación do ano trae consigo tantas novidades como a primavera. E de todo tipo. Aproveitando que estamos en plena Semana da Prensa na Escola, nestas dúas páxinas propómosvos diversas ideas para estudar cunha mirada xornalística, desde clase, os cambios que teñen lugar ao noso redor.

Imaxinarvos que sodes o mellor equipo de redactores dun xornal chamado, por exemplo, A Voz da Primavera. O director, voso profe, comezará por dividirvos en grupos, un por cada unha das seccións que aparecen nestas dúas páxinas. Cada grupo deberá ir en busca de noticias como as que se propoñen no espazo dedicado a cada sección. Ou se lle apetece, e sempre de acordo coa dirección do xornal, doutras parecidas.

O traballo de cada grupo consistirá primeiro en decidir a información ou informacións sobre as que vai traballar. A continuación documentarase a través da biblioteca do centro educativo, en Internet ou por entrevistas a quen se considere oportuno. En último lugar, tocará redactar a información e acompañala con fotografías, ilustracións ou gráficas: como mellor consideredes. A continuación, o resultado conxunto de todas as seccións do voso xornal poderá ter a forma que máis vos guste, sexa un mural na parede da aula, unha páxina web ou uns folios impresos e grampados.

Con todo isto listo, xa só quedará presentar o xornal aos seus lectores: o resto do colexio, a vosa familia, amigos, veciños… E aproveitar para celebrar así este momento tan especial do ano, no que se renovan os ciclos da vida.

 Sección Internacional 

  • Mentres a primavera chega ao noso hemisferio norte, ¿que sucede no hemisferio sur? ¿Cando comeza e termina a primavera por exemplo en Arxentina?
  • En Galicia, o 21 de marzo teremos un pouco máis de 12 horas de luz. O sol sairá arredor das 7.30 e porase ás 19,45. ¿Canto durará a luz solar esa mesma data noutros lugares de Europa? Buscade esta información e facede unha comparativa de sur a norte, por exemplo.
  • A escala global, o cambio climático vén provocando un adianto na floración de moitas plantas e a chegada ao norte de distintos animais migratorios. Atopade algúns exemplos destacados destes cambios na fenoloxía de moitas especies e escribide sobre eles.

 

 Sección España

  •  Temos a sorte de vivir no país con maior diversidade de paisaxes de toda Europa. Hai aquí desertos, illas, altas montañas, mesetas, bosques de todo tipo… ¿A que lugares de España chega antes a primavera, e a cales máis tarde? ¿Por que?
  •   Proponde aos vosos lectores unha viaxe aos mellores destinos de España para gozar da chegada da primavera. ¿De que depende vosa elección?
  •   O próximo 26 de marzo cambiarase a hora. Ás 2.00 da mañá o reloxo marcará as 3.00. ¿A que hora amencerá e porase o sol entón nas illas Baleares e en Cataluña? ¿E en Galicia e nas illas Canarias?

Sección Galicia 

  •   Elixide a especie de animal e de planta que ao voso xuízo mellor representa a primavera na nosa comunidade autónoma, e dedicade unha reportaxe a ambas.
  •   Buscade información acerca da Festa dos Maios, que se celebra a principios de maio en moitos lugares de Galicia. ¿Cal é a súa orixe? ¿En que consiste? ¿En que lugares conta con maior tradición? ¿Animariádesvos a facer unha festa dos maios na vosa clase ou no voso colexio?
  •  Buscade cal é a temperatura media en diferentes lugares de Galicia en marzo, abril e maio. Podedes elixir, por exemplo, un lugar das Rías Baixas, outro do interior de Ourense, outro da montaña de Lugo e outro da costa norte da Coruña. Apuntade tamén canto chove de media e comparade os resultados. ¡Tamén aquí hai primaveras moi diferentes!

Sección Local 

  • Entrevistade o xardineiro do colexio ou a persoa responsable da xardinería do voso concello. Recordade que antes de charlar con eles debedes ter as preguntas ben preparadas, e que todas elas deben ter que ver á vez co seu traballo e coa primavera.
  • Outra entrevista moi interesante podédeslla facer a calquera profesional do campo. ¿Que especies ou variedades se sementan ou recollen nestes meses? ¿Que tipo de meteoroloxía élles máis favorable? ¿Por que?
  • Apuntade nun caderno a data de chegada á vosa localidade do primeiro cuco e da primeira andoriña. Tamén a da aparición baixo o sol das primeiras lagartas, e das primeiras bolboretas pavo real.

Sección Deportes 

  • Buscade algunhas marcas relacionadas coa primavera. Por exemplo, cantos quilómetros percorren os cirrios para voar desde África ata aquí, cantas especies de bolboretas diúrnas voan polos campos de Galicia, cantas follas chega a ter un carballo centenario…
  •  Identificade e describide a mellor ruta de sendeirismo ou de bicicleta para gozar a primavera preto do voso centro escolar. ¿Cal é a súa lonxitude e dificultade? ¿Canto se tarda de media en percorrela? ¿Que paisaxes atravesa?
  •  Facede unha lista xustificada dos que ao voso xuízo son os mellores deportes para practicar na primavera.

Sección Economía e Sociedade 

  • ¿Canta xente do voso municipio traballa en profesións relacionadas de forma directa ou indirecta coa primavera e co resto da estacións do ano?
  • ¿Cales son os principais produtos da terra do voso municipio?
  • Unha parte fundamental do cultivo de moitas especies das hortas e terras de labor realízana de forma gratuíta un tipo de traballadores aos que non adoitamos prestar demasiada atención. Trátase dos polinizadores: abellas, abellóns, bolboretas e outros insectos. Investigade por que hai en Europa menos deles que antes. ¿Cales poden ser as consecuencias se esa diminución continúa?

Sección Cultura   

  • Buscade na vosa contorna, e na biblioteca, refráns e poemas galegos relacionados coa chegada da primavera. Facede unha selección daqueles que vos resulten máis representativos.
  • Creade unha lista de temas musicais relacionados con esta estación do ano, que inclúa melodías tradicionais, obras clásicas e composicións actuais.
  • A lenda de Perséfone, a deusa da primavera na antiga Grecia, explica cun relato a orixe da natureza. ¿Que tal inventar unha lenda completamente brotada da vosa imaxinación?

 

ALGUNHAS LIGAZÓNS ÚTILES

  •  As datas de inicio das estacións, na web do Instituto geográfico Español: goo.gl/6HA7UL
  •  «Manual da horta ecolóxica en Galicia» (Xunta de Galicia), cun calendario de sementeira para cada especie: goo.gl/iqZLvV
  •   Refráns galegos relacionados co mes de marzo: goo.gl/8PaMT3
  •   Instituto Galego de Estatística, para buscar o número de profesionais de cada sector no voso municipio: goo.gl/2zKfNr
  •   Atlas Climático de Galicia (Xunta de Galicia): goo.gl/kwuYSd