Educar en igualdade os fillos e as fillas

> Ana T. Jack

LA VOZ DE LA ESCUELA

Ofrecer todo tipo de xogos aos rapaces serve para rachar cos estereotipos
Ofrecer todo tipo de xogos aos rapaces serve para rachar cos estereotipos Michael Coghlan

Na loita contra a violencia machista é fundamental a implicación activa das familias

25 ene 2017 . Actualizado a las 10:07 h.

Nos últimos 14 anos en España foron asasinadas 870 mulleres a mans das súas parellas ou ex parellas. Ante este arrepiante dato, que ofrece a Delegación del Goberno para la Violencia de Género do Ministerio de Sanidad, a maioría de nós facémonos unha pregunta: «¿Como é posible que isto ocorra en pleno século XXI? ¡Pero se hoxe en día educamos en igualdade os nenos e as nenas!».

O certo é que non, non os educamos igual. As nosas expectativas, como futuros pais ou futuras nais, xa son diferentes no momento que sabemos o sexo do noso bebé. Para ela preparamos un dormitorio de cor pastel, pode que rosa, decorado con bolboretas, flores, princesiñas de conto e quizais un gran espello. E uns bonitos pendentes para as súas orelliñas. Para eles acondicionamos un espazo en tons máis neutros, pode que azul, con debuxos de astronautas, animais ou personaxes aventureiros… E quizais xa lle teñamos preparado o carné de socio do club de fútbol. Estes estereotipos (pensar que elas son máis coquetas e delicadas e eles máis fortes e aventureiros) son só o principio da desigualdade. Sexamos conscientes de que (a pesar dos indubidables avances) aínda vivimos nunha sociedade machista, chea de inxustizas en canto a oportunidades laborais, retribucións económicas, repartición de tarefas domésticas ou asunción do coidado das persoas dependentes.

E sería unha grandísima equivocación seguir asociando a violencia sexista con tempos pasados ou con mulleres maiores e sen formación. De feito, nos últimos anos vese un preocupante aumento das situacións de machismo e mesmo maltrato en parellas adolescentes.

Dende a casa, pois, debemos facer un esforzo por coeducar, que significa educar tendo en conta todos aqueles aspectos que se consideran positivos e necesarios para a formación dunha persoa, á marxe do seu sexo. Por exemplo, tendo en conta estas 12 claves básicas:

1. Indumentaria. Non inmobilizar as nenas cos típicos modeliños que impiden moverse con liberdade, correr, subirse aos tobogáns, ensuciarse, trepar…

 

2. Xogos e xoguetes. Ofrecer todo tipo de xogos a nenos e nenas, non só os que se corresponden cos estereotipos femininos e masculinos.

 

 

3. Comunicación. Dirixirse a ambos da mesma forma (ton de voz, contacto corporal…).

 

 

4. Educar en parella. A educación dos fillos non é só labor da nai. Ambos proxenitores deben implicarse por igual.

 

5. O traballo doméstico. Corresponsabilizar a nenos e nenas na realización de tarefas domésticas.

 

6. Resolución de conflitos. Transmitirlles a idea de que a familia non tolera as actitudes irrespectuosas ou discriminatorias nas súas relacións con outras persoas.

 

7. Romper cos estereotipos. Por exemplo: valorar a sensibilidade nos nenos e a valentía e a independencia nas nenas.

 

8. Ensinarlles a ser críticos. Axudarlles a detectar o sexismo nos medios de comunicación, nas páxinas de Internet, nas series…

 

9. Non desculpar nin pasar por alto as bromas ou fanfurriñas «sen importancia» de corte machista. Coa linguaxe reflectimos as nosas crenzas e interiorizamos actitudes.

 

10. Vixiar a influencia dos medios de comunicación, en especial a televisión, Internet e os videoxogos, controlando os contidos aos que acceden.

 

11. Expectativas de futuro. Evitar caer nos tópicos con respecto ás capacidades dun e outro sexo (eles mellor dotados para as disciplinas científicas e elas para as humanidades).

 

12. Dar exemplo. A situación que observen os fillos na casa interiorizarana con naturalidade (por exemplo, a repartición de tarefas domésticas).

 

 escuela de padres

? TEMA DO MES: Como previr a desigualdade de sexo e a violencia machista desde a familia.

 

? ETAPA: Infancia e adolescencia.

 

? A FRASE: «A brecha de xénero é profunda e require sutura urxente» (Informe Desenvolvemento Humano 2015, da ONU).

 

? O DATO: Do 2012 ao 2016 aumentou o número de menores xulgados ao ano por violencia machista de 114 a 162 (Observatorio contra a Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial).

 

? ALGUNHAS CLAVES: A implicación das familias é fundamental para seguir acadando avances no terreo da igualdade e evitar o estancamento (e por suposto o retroceso).

 

? PARA SABER MÁIS: http://bit.ly/2jQClBm

Un manual práctico para pais

A orientadora educativa e redactora desta sección, Ana Torres Jack, é a autora do manual Máis aló do azul e do rosa. Como previr a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia, publicado pola Editorial Galaxia. Nel ofrece estratexias concretas para poñer en marcha no contexto familiar dunha maneira sinxela.

 A autora parte da base de que, malia todo o que se avanzou nos últimos anos en cuestión de igualdade entre homes e mulleres, queda aínda moito camiño por andar. E boa parte desa andaina ten que facerse dende o ámbito doméstico, dende as casas, dende a acción educativa dos pais. Non é un labor doado, porque os medios de comunicación insisten en perpetuar unha imaxe estereotipada da muller, idealizando a súa beleza e cousificando a súa sexualidade. Mais dende o fogar pódese facer moito.

O libro está dividido en cinco partes:

1. ¿De que estamos a falar? ¿Seica non vivimos nunha sociedade igual para mulleres e homes?

2. ¿Que podemos facer como pais e nais para educar en igualdade e previr a violencia machista dende a casa? 

3. O meu home maltrátame, pero é un bo pai para os seus fillos… ¿non si? 

4. ¡Socorro, teño adolescentes machistas na casa!

5. En resumo: dez características das familias que educan en igualdade.

A presentación do libro farase na librería Moito Conto, da Coruña, o vindeiro mércores 1 de febreiro ás 19.30; e o día 8 na libraría Biblos de Betanzos ás 20.00 horas.