Os mares e a saúde do planeta

Susana Pérez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Os ourizos teñen a vida máis difícil en mares cada vez máis acidificados
Os ourizos teñen a vida máis difícil en mares cada vez máis acidificados National Marine Sanctuaries

Uno dos obxectivos deste ano internacional é a protección do medio ambiente, considerado un dos alicerces da sustentabilidade

11 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada ano a Organización das Nacións Unidas elixe un tema sobre o que centrar a atención de cidadáns de todo o mundo e promover a concienciación e accións a nivel global. Así, declarou o 2017 Ano Internacional do Turismo Sostible para o Desenvolvemento, coa intención de brindar unha ocasión para que este sector económico potencie a súa contribución aos tres alicerces da sustentabilidade: o económico, o social e o medio ambiente.

Esta celebración prodúcese ademais nun ano no que a ONU aborda a nova Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, un plan de acción para a prosperidade e o benestar das persoas e do planeta. Esta Axenda inclúe 17 obxectivos, dos cales tres están relacionados precisamente co turismo e un deles, o número 14, está dedicado a conservar e utilizar sostiblemente os océanos, os mares e os recursos mariños.

 

PROTEXER OS OCÉANOS

O medio mariño ten unha importancia vital para o planeta e os seus habitantes. É unha fonte de alimentos, medicamentos e combustibles, e contribúe á eliminación de refugallos e de contaminantes. Ademais, participa na regulación do clima e absorbe parte do dióxido de carbono producido pola actividade humana, o que axuda a mitigar o quecemento global.

Por todo iso, os océanos desempeñan un papel esencial no mantemento da saúde do planeta, así como no desenvolvemento económico e social da poboación, especialmente para as persoas que viven en rexións costeiras, que representan arredor dun 37 por cento da poboación mundial. O mar é, con todo, un medio moi vulnerable, que está ameazado por diversos factores.

Un deles é a acidificación das augas mariñas, causada pola disolución do dióxido de carbono na auga, un proceso químico do que resulta un incremento da acidez. Calcúlase que desde a revolución industrial, a constante e exponencial emisión de dióxido de carbono, derivada especialmente do uso dos combustibles fósiles, ocasionou un incremento de arredor dun 30 % na acidez do mar.

Os efectos da acidificación sobre a vida mariña afectan especialmente a especies que constrúen esqueletos ou cubertas calcarias, como os corais, os moluscos bivalvos ou os ourizos de mar, xa que a acidez dificulta a calcificación. O seu impacto sobre ecosistemas tan singulares e belos como os arrecifes de coral chamou a atención entre os científicos e a sociedade, por casos como o da Gran Barreira de Australia, que perdeu nos últimos 30 anos arredor da metade da súa extensión. Segundo informes de expertos, a acidificación e o quecemento das augas serían as causas principais.

Outro dos factores que está prexudicando a sustentabilidade do océano é a sobreexplotación dos recursos pesqueiros, unha actividade económica da que dependen, directa ou indirectamente, uns 200 millóns de persoas en todo o mundo e que tamén afecta á biodiversidade e funcionamento dos ecosistemas mariños. Segundo un informe da FAO, no ano 1974 a porcentaxe de bancos de peixes explotados de forma sostible era do 90 por cento, pero esta porcentaxe descendera a un 69 por cento no ano 2003 e estímase que preto dun 31 por cento destes bancos están a ser sobreexplotados.

actividades

Día mundial dos océanos

Promovido pola ONU, celébrase cada ano o 8 de xuño. Esta data serve para promover actividades e accións para concienciar á poboación sobre a necesidade de conservar e xestionar de forma sostible esa parte fundamental da biosfera. A páxina do Día Mundial dos Océanos contén información e recursos entre os que se inclúe unha pequena colección de vídeos que tratan sobre a importancia dos ecosistemas mariños, os problemas aos que se enfrontan e o noso papel na súa conservación: goo.gl/bY0DGk

Oceanía

Esta organización internacional dedicada á conservación dos océanos e á protección dos ecosistemas mariños e das especies ameazadas ofrece na súa páxina web información ampla sobre o problema da acidificación do mar. Está dispoñible na dirección: goo.gl/fBWZa

Mr. Goodfish 

É o nome dunha campaña europea para a conservación do océano, liderada en España polo Aquarium Finisterrae, baseada en propostas de consumo sostible de peixes e mariscos, co obxectivo de contribuír a solucionar a sobreexplotación pesqueira, o esgotamento dos caladoiros e a deterioración do equilibrio ecolóxico de moitos ecosistemas mariños.

A páxina web de Mr. Goodfish contén a lista de especies recomendadas en España para contribuír ao consumo sostible de produtos mariños. Podes consultala na seguinte dirección e comprobar cantas delas son habituais na túa dieta: goo.gl/uNnT9f