Durham volve a Santiago

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Os profesores visitantes do St. John?s intercambian impresións cos alumnos do CEIP Camiño Inglés, de Oroso
Os profesores visitantes do St. John?s intercambian impresións cos alumnos do CEIP Camiño Inglés, de Oroso cedida

Trala recuperación por parte do Xacobeo das peregrinacións nese condado británico, seis profesores visitaron Galicia para traballar con dous colexios e coñecer o Camiño Inglés

28 oct 2016 . Actualizado a las 10:15 h.

Seis profesores británicos viaxaron desde Bishop Auckland, condado de Durham (norte de Inglaterra) para coñecer in situ centros de ensino galegos. E nese contexto, acompañados por colegas seus do colexio Cristo Rey de Oleiros, xiraron unha visita de traballo a un dos CEIP do concello coruñés de Oroso, chamado precisamente Camiño Inglés, co que chegaron a acordos para traballar conxuntamente tanto na aprendizaxe dos idiomas inglés e español como para intercambiar información sobre esa ruta xacobea. Ademais, aproveitaron para coñecer o Camiño Inglés á altura do dito municipio.

 O St. John’s, centro ao que pertencen os visitantes e que ten 1.500 alumnos e un claustro de case cen docentes, apostou pola súa internacionalización como medio para salvar o obstáculo que significa estar afastados dos puntos neurálxicos europeos e só cun aeroporto mediano non lonxe, o de Newcastle. Así, ten contactos con outros colexios dende Bagladesh a Oleiros, pasando polo sur de Francia.

Como primeira experiencia pedagóxica, ademais de estar preparando intercambio epistolar sobre os distintos xeitos de celebrar o Nadal en Galicia e en Gran Bretaña, o St. John’s propuxo o intercambio dunha «caixa cultural». Trátase do envío mutuo dunha caixa que conteña elementos que representen a cultura dun pais e doutro, loxicamente coas correspondentes explicacións dos obxectos, a súa historia, a súa persistencia e a súa utilidade.

Francisco Ávila, o director do CEIP Camiño Inglés, fala de que ese encontro foi «ilusionante, posto que se estableceron unhas bases de colaboración para o futuro que responden ao interese que o centro ten manifestado de converter o traballo en linguas estranxeiras e a multiculturalidade en parte da súa idiosincrasia», e cualifica o acordo acadado de «unha gran oportunidade». O outro colexio de infantil e primaria do concello, o CEIP Sigüeiro, xa comezou tamén a traballar con outro do condado de Durham, o Saint Godric, que lles mandou un power point e os galegos responderon remitíndolles un vídeo. Representantes de Saint Godric estiveran na primavera en Oroso para, entre outras cosas, establecer ese contacto co CEIP.

O condado de Durham atópase no norte de Inglaterra, non lonxe da fronteira con Escocia. Alí, a pouco máis de media ducia de quilómetros da súa catedral, se erguen os restos da gran abadía de Finchale, punto de partida do Camiño Inglés. O pasado 11 de xuño o Xacobeo recuperou aló a peregrinación despois de que tivese lugar a última medio milenio antes.

«Non vin na miña vida xente tan acolledora, aberta e agarimosa coma a galega»

Entrevista

Philip Robertson, á fronte do grupo de profesores do colexio británico St. John’s desprazados a Galicia, pasou dous anos en Asturias e, agás a confusión de techo con tejado, o seu español é de sobresaliente. Mesmo comprende sen dificultade o galego nunha conversa informal. El é o responsable da internacionalización do seu centro.

?MáIs de mil anos despois, seguen os pasos de saint Godric.

?Si, si, temos esa oportunidade, e agora estamos moito máis informados do que é ser peregrino. Eu quero volver e facer o meu propio Camiño de Santiago cando os meus fillos medren.

?¿Que opinión leva dos colexios que visitou en Galicia?

?Non importa se son centros grandes ou pequenos, aquí están moi orgullosos deles. E vexo profesionalidade nos ensinantes e na xestión.

?¿Que aporta a internacionalización a un colexio?

?¡É o máis importante! Xa sabe como é a situación no noso país co do brexit, pero temos que deixar as portas abertas para todo o mundo. Eu vou continuar tendo a mesma relación con España, pero o importante é abrir os ollos aos nosos alumnos e aos galegos. Na vida hai máis cousas co pequeno condado de Durham, onde vivimos. Os alumnos teñen que seguir o seu propio paso, non se poden pechar portas.

?Aparte do mundo educativo, ¿que lle chamou máis a atención?

 ?Coñecía a boa sona da gastronomía, xa me falaran dela en Asturias, pero sen dúbida o que máis me asombrou foi a xente. Non vin na miña vida xente tan acolledora, aberta e agarimosa. Recibimos non só agasallos, senón tamén moito cariño.

 Actividades

1. Google Maps é moi útil nestes casos porque permite localizar Durham (ollo, hai outra localidade que se chama así en Estados Unidos) e Bishop Auckland, ademais da abadía de Finchale. Tamén, claro está, Oroso, Oleiros, Escocia, Bangladesh, Francia e Newcastle, os outros topónimos desta páxina.

2. Para nome estraño, o do outro centro británico citado: Saint Godric. ¿Quen foi? ¿Sabías que estivo en Santiago como peregrino no século XI? Aquí tes unha curta e clara información sobre el: catholicsaints.info/saint-godric-of-finchale/.

3. ¿Queres mellorar o teu inglés? Esta é a páxina web do St. John’s: www.stjohnsrc.org.uk.

4. Olla unha das fotos na que se ve a estudantes cun uniforme. En España hai centros que o teñen, hai centros que non. En Inglaterra todos os nenos van cada día a clase con garabata e cun uniforme (azul escuro nas escolas públicas). ¿Ten vantaxes? ¿Ten inconvenientes?

5. ¿Qué cousa (unha soa) meterías ti nesa caixa cultural que van intercambiar Bishop Auckland e Oroso? ¿Por que esa e non outra?

6. Un toque de idiomas: Philip Robertson confunde «techo» con «tejado». ¿Como se din esas palabras en galego? ¿E en inglés?