A Xungla de Calais ten os días contados
28 sep 2016 . Actualizado a las 20:27 h.O calendario marcaba o ano 2009; mes: setembro. No Elíseo, a residencia oficial do xefe de Estado de Francia, residía o conservador Nicolas Sarkozy. Ao norte do país, na pequena cidade de Calais, centos de emigrantes malvivían nun poboado chamado en argot, desde o ano pasado, a Xungla. Ese mesmo mes, mentres no sur comezaban a vendima, a policía desmantelaba a Xungla e apresaba a case 300 inmigrantes, sobre todo iraquís e afgáns.
Xusto sete anos despois, a historia repítese. Pero xa non hai uns centos de inmigrantes ilegais na Xungla, senón milleiros e milleiros. Xa non ocupa Sarkozy a presidencia do país, senón o socialista François Hollande, e os métodos son diferentes. En vez de destruír o poboado e espallar sen control aos residentes nel ?co agravamento dos pequenos roubos nas localidades preto de Calais e a alarma social que iso suscitou-, agora a proposta da Administración e pechar a Xungla pero repartindo aos seus ocupantes por toda Francia.
Nesa liña, Hollande anunciou hai dúas semanas a creación de 12.000 prazas nos chamados centros de acollida e orientación, e nun tempo mínimo quedaron preparadas as primeiras 9.000. Pero non o vai ter doado: a dereita, aglutinada agora no partido Os Republicanos saíron sen perda de tempo á palestra denunciando que «o Goberno di que vai crear mini-Calais en toda Francia». Tamén as rexións puxeron o grito no ceo, como fixo por exemplo a de Provence-Alpes-Costa Azul, que anunciou a súa «total oposición», mentres algúns deputados falaban de «tolería» e «provocación».
Por suposto, houbo un efecto chamada. O Goberno estimaba en 6.900 as persoas que residían na Xungla esperando cruzar o canal da Mancha polo Eurotúnel ?algún xa morreu electrocutado no intento- ou agochados en camións ou outros vehículos que soben constantemente aos transbordadores. Os sindicatos policiais aseguran que agora mesmo hai polo menos 10.000. E é que ninguén quere perder a oportunidade de atopar un sitio onde residir e ter o xantar garantido: peor non vai ser.
Pero si pode ser. O ministro do Interior, Bernard Cazeneuve, comunicou aos prefectos de todo o país que a quen estea en situación irregular e non presente unha demanda de asilo «se lle aplicará os dispositivos de expulsión ou de axuda á volta voluntaria ao seu país de orixe». O problema para Francia radica en que a gran maioría dos que esta mesma noite van durmir na Xungla romperon, ou están a piques de facelo, toda a súa documentación precisamente porque se non se sabe de onde veñen non hai a onde expulsalos.
«A situación é insostible por motivos humanitarios e de orde pública»
PHILIPPE RICHOU, CONSELLEIRO DA EMBAIXADA DE FRANCIA EN MADRIDPhilippe Richou, máster en Dereito Internacional Público, é conselleiro de prensa e comunicación da Embaixada de Francia en Madrid, á que chegou no 2013. Procedía da legación diplomática do seu país en Bos Aires, onde era conselleiro político. Richou tivo a deferencia de respondernos o 21 de setembro, é dicir, unha semana antes da visita do presidente francés, François Hollande, a Calais.
?Por que cre o seu goberno que desmantelar a Xungla de Calais é a mellor opción?
?A situación en Calais é insostible por motivos humanitarios: Francia non se pode resignar a que seres humanos vivan en condicións de extrema precariedade social e sanitaria no seu territorio; e de orde pública: a poboación de Calais e dos seus arredores aguantou demasiado soa, desde hai moito tempo, as consecuencias dunha crise internacional. Por iso, a vontade do Goberno é desmantelar o campamento, unha vez se reúnan as condicións para propor a cada un dos ocupantes unha solución individual.
?Repartir a eses inmigrantes por Francia, non é repartir o conflito?
?Primeiro hai que distinguir os candidatos ao asilo en Francia dos demais. Os migrantes que non queren pedir asilo en Francia ou que non poden aspirar a esta protección terán que saír, non poderán establecerse de xeito duradeiro en Francia. E, asumindo con responsabilidade os seus compromisos internacionais, Francia tampouco considera a posibilidade de permitir a súa entrada irregular no Reino Unido. Segundo, trátase de dar vida á solidariedade nacional: un municipio só non pode asumir unha crise destas proporcións, para iso existe a comunidade nacional. Hai tamén un elemento humanitario de orde práctica, a vontade de Francia de ofrecer condicións de vida e integración satisfactorias aos que van solicitar asilo, e isto require unha mobilización a nivel nacional. Cabe recordar, finalmente, que a orientación dun solicitante de asilo cara a un lugar en particular do territorio nacional faise en base ao voluntariado.
?Ten o seu Goberno algunha estimación de cantos inmigrantes ilegais hai agora mesmo no seu país?
?Precisamente por se atopar en situación irregular, resulta difícil dar unha cifra fidedigna. O que sabemos, porque é prioritario para as forzas de seguridade, é que hai un gran número de organizacións de trata que instrumentalizan a dor humana. No ano 2015, 251 organizacións deste tipo foron desmanteladas en Francia. Avogamos por unha mellor administración das fronteiras comúns de Europa, que debería ser máis solidaria. A maior protección das fronteiras e o control da inmigración son requisitos fundamentais para que Europa poida acoller con dignidade a parte que lle corresponde do fluxo de refuxiados xerado polas guerras en Oriente Medio, Asia ou África. Francia asume plenamente a súa responsabilidade nesta materia con máis de 25.000 estranxeiros que recibiron protección no 2015, amais dos 200.000 refuxiados xa presentes no seu chan. O meu país, en aplicación dos compromisos solidarios cos seus socios europeos, propuxo ata agora 3.400 recolocacións, é dicir, acoller a solicitantes de asilo situados en Grecia ou en Italia. Neste marco, 1.300 persoas xa chegaron ao territorio nacional. Por outra banda, case 2.000 xa se fixeron reasentamentos, é dicir, que Francia acolleu a case 2.000 candidatos ao asilo que se atopaban noutros países. A meta dos reasentamentos é aliviar o peso soportado por destinos como Líbano, Xordania ou Turquía. Finalmente, quero mencionar que Francia, cun dispositivo nacional único en Europa, outorgou a 2.000 sirios e 1.200 iraquís en situación de vulnerabilidade visados que lles permiten entrar en Francia para solicitar asilo directamente.
ACTIVIDADES
- Mira nun mapa onde está Calais. ¿A que país cres que queren pasar eses inmigrantes?
- ¿Ti que farías? ¿Os deixarías así ou estás de acordo coa iniciativa do Goberno francés? ¿Algunha outra idea?
- Para comprender a situación quizais axude elaborar por grupos un mural. ¿De onde vas sacar as fotos? De Internet. Se pos en Google «Xungla Calais» atoparás centos delas.
- Hai tres palabras que debemos coñecer: «Eurotúnel» (¿que quere dicir iso de «euro», que hai que pagar para ir por el, de onde a onde vai; sabías que é unha idea de 1802 (na Wikipedia tes máis información)?; «prefecto « (tamén está na Wikipedia) e «oposición» (refírese á oposición política).
- Este tema vai dar de si, porque xa existía o problema hai sete anos e non se avanzou moito. Ségueo nas páxinas do xornal día a día.