A paisaxe galega recolle a auga das abundantes choivas e transfórmaa en innumerables ríos, arroios e mananciais. Son parte esencial do seu patrimonio natural e fonte de tradicións e lendas. En Galicia cada aldea, lugar, pobo ou cidade ten un vínculo co seu río
22 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.A paisaxe galega recolle a auga das abundantes choivas e transfórmaa en innumerables ríos, arroios e mananciais. Son parte esencial do seu patrimonio natural e fonte de tradicións e lendas. En Galicia cada aldea, lugar, pobo ou cidade ten un vínculo co seu río
As características dos ríos galegos dependen de varios factores. O clima, de abundantes precipitacións, fai que a maioría teñan un caudal abundante e regular, con augas altas en invernos e unha baixada moderada no verán. Como o chan galego está intensamente fracturado, os desniveis que xorden propician que a auga discorra en todas direccións. Ademais, a presenza de serras próximas á costa provoca que sexan ríos de curso curto. A excepción é o Miño, que aínda así ten un percorrido de 310 quilómetros.
Os ríos son tamén espazos para disfrutar. As súas ribeiras son lugares idóneos para a práctica do sendeirismo e as súas praias, unha oportunidade para bañarse e relaxarse na natureza. Tamén se practican deportes como o piragüismo, a pesca, o rafting, o barranquismo ou o hidrospeed.
Moitas festas galegas están unidas aos ríos. Algunhas teñen un compoñente gastronómico, como as da lamprea, a troita, o salmón ou a anguía. Outras son de carácter lúdico, como os Caneiros no río Mandeo ou o Naseiro, no Landro.
Rede Natura 2000
Natura 2000 é unha rede de espazos naturais protexidos pola Unión Europea con obxecto de salvagardar os máis importantes de Europa. Estes enclaves recollen os ecosistemas máis representativos e significativos do territorio: ecosistemas fluviais, costas e rías, lagoas, serras, bosques...
Por pór un exemplo, un dos espazos incluídos na rede é o río Tea. O motivo, ser un curso fluvial de importancia para o salmón atlántico e contar cun bosque de ribeira ben conservado. O Tea é o afluente máis importante do curso baixo do Miño e discorre por un precioso val. Nace no monte Mancelo e nos seus 50 quilómetros de percorrido forma numerosas praias fluviais idóneas para o baño. É un río de augas limpas e osixenadas, carentes de contaminación ambiental e de gran riqueza piscícola. Nas proximidades do río, á altura de Mondariz, xorden augas subterráneas en forma de manancial. Estes mananciais están salvagardados por un perímetro de protección mineira, o que significa que hai que controlar a actividade humana que se desenvolve. Deste xeito, mantense a calidade da auga para o seu consumo.
actividades
A vista de paxaro
Hoxe podemos explorar o percorrido do río que queiramos a través de Internet. Busca en Google, por exemplo, o río Tea. Localiza as fontes nas que nace, os mananciais, os tramos máis encaixados, as súas fervenzas, as súas praias fluviais, as zonas propicias para facer piragüismo, para pescar, a súa desembocadura no río Miño?
Exploradores nocturnos
Tal como sucede coas couzas, algúns habitantes acuáticos séntense atraídos pola luz. Podes elaborar unha trampa luminosa e colocala nun arroio ata as últimas horas da noite. Despois, retíraa e examina as túas capturas.
Cómo fabricar unha trampa luminosa. Consegue un frasco con tapa e introduce no seu interior unha lanterna. Coloca o frasco dentro dunha tubaxe ou algo parecido que poidas atopar. Pecha un dos extremos do tubo e coloca no outro un embude de tea metálica fina. Cunha corda, suxeita o tubo de modo que poidas subir e baixar a trampa. Cando o leves ao río, sitúa o extremo do embude sempre ao contraxeito.
Augas veloces
¿A que velocidade flúe a auga dun río? Unha forma de medila é cronometrando o tempo que tarda un obxecto flotante en percorrer unha distancia determinada. Unha laranxa é unha boa elección como elemento para medir, xa que flota xusto por baixo da superficie da auga.
Lanza a laranxa ao río e cronometra o tempo que tarda en percorrer a distancia que teñas determinado. Podes realizar varias medidas, unhas máis preto da beira e outras máis lonxe. ¿A velocidade de fluxo da auga é sempre a mesma?