Biodiversidade

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

Actividade de limpeza de espazos naturais na Illa, desenvolvida dentro do concurso Voz Natura
Actividade de limpeza de espazos naturais na Illa, desenvolvida dentro do concurso Voz Natura MARTINA MISER

18 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O plan estratéxico para a diversidade biolóxica 2011-2020 adoptouse na conferencia de Aichi, Xapón, celebrada en outubro do 2010. Inclúe 20 metas que se resumen en 5 obxectivos xerais, e cada un deles está dividido en 4 obxectivos concretos que podes consultar nesta dirección: https://www.cbd.int/sp/targets/.

Como sempre, buscamos algunhas noticias de La Voz que teñan relación co documento ou tema que estudamos. Neste caso, a biodiversidade, cuxo día celebramos. ¿Soan, recórdannos algo que está xa sucedendo entre nós e, neste caso, con reaccións positivas ao que nos indican nas estratexias para salvar a biodiversidade propostas polas Nacións Unidas? Pois claro que si, e alá imos conectando en clase con noticias que suceden por aquí.

1. OBXECTIVO ESTRATÉXICO A

Abordar as causas subxacentes da perda da diversidade biolóxica mediante a súa incorporación en todo o goberno e a sociedade.

* A Universidade estrea un vídeo sobre o perigo das mascotas en ecosistemas insulares como Cíes (La Voz, 15/3/2016). A canle de divulgación científica da Universidade de Vigo, Divulgar, estrea hoxe o vídeo O perigo das mascotas nas illas. «Fala dos problemas que, desde o ámbito científico, están a detectarse en relación á posesión e tráfico de mascotas. Neste vídeo facemos mención expresa ao problema dos gatos en ecosistemas insulares», indica Luis Navarro, profesor do departamento de Bioloxía Vexetal. E os exemplos están moi preto, tanto que as illas se poden ver desde calquera miradoiro con vistas á ría de Vigo, porque no parque nacional das Illas Atlánticas, aínda que poida soar raro, hai felinos domésticos, asilvestrados polas circunstancias da vida, que converteron as paradisíacas illas no seu fogar de adopción. Pero hai outros animais que non levan tan ben a presenza destes inquilinos, como os anfibios ou as aves.

2. OBXECTIVO ESTRATÉXICO B

Reducir as presións directas sobre a diversidade biolóxica e promover a utilización sostible

* O chan de Galicia (La Voz, 3/6/2015). Os chans galegos son en xeral pouco profundos, de textura areosa ou limosa, ácidos e con abundante materia orgánica, que lle dá a súa típica cor escura á capa superior. Como consecuencia das choivas, sofren un forte lavado que causa a súa acidificación e a carencia de elementos necesarios para as plantas. Por iso adoitan presentar limitacións para o cultivo, por ser pouco profundos e escasos en nutrientes. Nas zonas en pendente desenvólvese principalmente unha vexetación de matogueira ou especies forestais pouco esixentes, que teñen un importante papel no desenvolvemento e conservación do chan, porque atenúan os procesos erosivos. O home actuou frecuentemente nestas zonas en pendente, construíndo terrazas e bancais que reteñen o chan e permiten o cultivo.

3. OBXECTIVO ESTRATÉXICO C

Mellorar a situación da diversidade biolóxica salvagardando os ecosistemas, as especies e a diversidade xenética

* Problema global: Solución global (La Voz 20/3/2016). As poboacións de corvo mariño grande, con dúas subespecies, Phalacrocorax carbo sinesis e Phalacrocorax carbo carbo, moi similares entre si, ás que só un ollo ducho na materia é capaz de diferenciar claramente, están nos últimos 25 anos incrementando desproporcionadamente o seu número de individuos, chegando a multiplicar por 20 a súa poboación en toda Europa, o que está a provocar importantes desequilibrios en moitos ecosistemas nos que a sobreabundancia deste depredador provoca marcadas variacións no resto da cadea trófica. Non se trata nin moito menos de culpar a esta singular especie de todos os problemas da xestión e da ordenación da pesca fluvial, xa que isto sería fariña doutro costal. O problema existe, é importante e é necesario afrontalo canto antes para volver a acadar o equilibrio e a sostibilidade dos ecosistemas fluviais do noso entorno.

4. OBXECTIVO ESTRATÉXICO D

Aumentar os beneficios dos servizos da diversidade biolóxica e os ecosistemas para todos

* O lago de Meirama e a súa contorna son xa un referente en biodiversidade (La Voz, 23/5/2015). Un total de 839 especies zoolóxicas e botánicas foron identificadas e inventariadas no lago da mina de Meirama (Cerceda) e a súa contorna, tras a rehabilitación ambiental que Gas Natural está a levar a cabo na súa antiga explotación mineira de lignito, Limeisa (a actividade extractiva concluíu en xaneiro do 2008). Este elevado número de especies quedou recollido no libro A biodiversidade no lago da mina de Meirama e a súa contorna, unha obra presentada onte con motivo do Día Internacional da Diversidade Biolóxica.

5. OBXECTIVO ESTRATÉXICO E

Mellorar a aplicación a través da planificación participativa, a xestión dos coñecementos e a creación de capacidade

* Alumnos, profesores e veciños da Illa limpan o espazo natural de punta Carreirón (La Voz 16/3/2016). O IES Illa de Arousa, gañador da última edición do premio Galicia Voz Natura, púxose o mono e declarou a guerra ao lixo nas praias da illa. Alumnos, profesores e veciños da localidade pontevedresa uniron esforzos para conservar unha xoia natural como é o espazo de punta Carreirón e devolver á vida a costa. Máis de 300 persoas participaron onte pola tarde na macrolimpeza da zona, na que se involucraron, ademais de alumnos e profesores do centro escolar, a Asociación Piragüilla, o colectivo Ao Xeito, a Asociación Bata, Igafe, Escola Infantil Aralde, Greenpeace e o propio Concello. A implicación foi total, con piraguas recollendo do mar plásticos. Incluso os veciños se sumaron ás tarefas de recollida de lixo en Carreirón, espazo no que se suceden belas calas de area e pedra e piñeirais.