Papá, mamá... e a pantalla

Ana T. Jack

LA VOZ DE LA ESCUELA

As pantallas tamén ofrecen excelentes oportunidades educativas, usada con moderación e sentido
As pantallas tamén ofrecen excelentes oportunidades educativas, usada con moderación e sentido M.MORALEJO

Os menores de 6 anos pasan demasiado tempo ante móbiles, tabletas e televisión

04 may 2016 . Actualizado a las 22:30 h.

A sala de espera de calquera pediatra adoita estar dividida en tres tipos de nenos: os que estiran ben o pescozo para ver e escoitar os debuxos animados que pon na televisión colgada da parede, os que se entreteñen coas aplicacións do teléfono móbil da súa nai e os que corrican rebuldeiros de acó para aló, para desesperación dos seus proxenitores: «Vén, cariño, non molestes. Senta ao meu lado e póñoche a Patrulla canina na tableta». Os que son un pouco máis maiorciños levan a súa propia consola. Á fin e ao cabo, as esperas son moi aburridas. ¿Como faciamos cando, hai non tantos anos, non tiñamos acceso a toda esta tecnoloxía? ¿E cales son as consecuencias de expor aos nosos fillos a todo este bombardeo multimedia?

Este fenómeno do enganche tecnolóxico desde practicamente o primeiro ano de vida é algo moi recente. Pero xa se comezaron a estudar os seus efectos a medio e longo prazo. Para empezar, a Asociación Americana de Psiquiatría desaconsella totalmente o uso de pantallas en menores de 2 anos. E en nenos de 3 a 5 recomenda un máximo dunha hora ao día. A razón é que está demostrado que abusar delas nos primeiros anos de vida provoca consecuencias negativas no desenvolvemento. As máis frecuentes:

? Hiperestimulación. Os contidos da pantalla adoitan aos nenos a ritmos trepidantes moi diferentes aos que lles ofrece a vida real. Por iso a vida cotiá pódelles chegar a parecer moi aburrida e necesitan estímulos cada vez máis intensos para sentirse motivados. Ademais, provocan nos nenos estados de excitación permanente e moita ansiedade cando toca apagar o dispositivo.

? Problemas de atención. Dimitri Cristackis é o autor dun exhaustivo estudo sobre as consecuencias de expor de forma habitual aos nenos de 0-3 anos ás pantallas. Na súa investigación concluíu que cada hora de televisión diaria en menores de 3 anos aumenta nun 10 % o risco de que presenten trastornos de atención na idade escolar.

? Dificultades de aprendizaxe. Cristackis tamén analizou o efecto dos debuxos animados nunha mostra de nenos de 4 anos. Demostrou que os filmes de ritmo moi rápido (tipo Bob Esponxa) prexudican máis a capacidade de aprendizaxe que os debuxos máis lentos (tipo Pocoyó).

? Falta de autocontrol. Hoxe en día temos un medo absurdo a que os nosos nenos se aburran. No canto de ensinarlles a ter paciencia, a aprazar a recompensa ou a esperar con calma a súa quenda, enseguida lles facilitamos unha pantalla para que se tranquilicen. E así se chegan a converter en persoíñas impacientes, dispersas ou con atención difusa.

En definitiva, nativos dixitais, si. Pero non a calquera prezo.

Decálogo de sentido común

As pantallas son tan efectivas cos nenos, captan a súa atención con tanta intensidade que chegamos a utilizalas como cómodos mecanismos apaganenos que en cuestión de segundos devolven a tranquilidade ás nosas vidas: xa non se oen choros, xa non hai protestas, déixase de escoitar o queixoso «¿falta moito?» ou o pousado «¡abúrrome!».

Pero se como pai queres protexer o desenvolvemento do cerebro do teu fillo, podes ter en conta este decálogo do sentido común:

1. Ten claro que a pantalla non é a baby-sitter do teu fillo. Recorre a ela só en momentos puntuais: un intre despois de comer, nunha viaxe longa en coche...

2. Controla sempre a calidade dos contidos. E fala con el acerca dos personaxes, do seu significado... É dicir: supervisa.

3. No caso da televisión, revisa a programación antes de enchufalo a ela e escolle canles sen publicidade. Sempre que poidas, senta ao seu lado a velos (aínda que botes unha soneca de cando en vez...). É dicir: acompaña.

4. Asegúrate de que as pantallas non estean presentes nas horas das comidas (é cómodo, si, pero así non aprenden a comer nin a estar na mesa) nin en momentos inadecuados (cando hai visitas, cando se vai a un concerto).

5. Atrévete a ofrecer alternativas á pantalla, poida que che sorprenda o resultado: xogos de lapis e papel, o vexo vexo, imaxinar historias, mirar con atención polo portelo do coche...

6. Controla a omnipresenza das pantallas en casa. O feito de ter a televisión posta de forma permanente, por exemplo, é un ruído de fondo innecesario e perturbador.

7. Recorda que o que necesita o teu fillo menor de 6 anos é, sobre todo, interactuar co mundo (de verdade, non co virtual): correr, rubir, cheirar, tocar, experimentar, abrazar, descubrir cousas en por si, estar con outros nenos.

8. Evita utilizar a pantalla como premio por portarse ben e menos aínda como solución para que deixe de portarse mal.

9. Asegúrate de que, polo menos dúas horas antes de ir durmir, deixou de utilizar a pantalla. O cerebro necesita un tempo para volver á normalidade tras os estímulos recibidos.

10. Non che deixes convencer por debuxos animados que incitan ao soño nin por aplicacións móbiles ideais para o momento de irse á cama. Como un conto lido por mamá ou papá non hai nada mellor.

 

Escuela de padres

? Tema do mes: Uso e abuso de pantallas.

? Etapa: Infancia.

? O dato: España é o país da Unión Europea con máis uso de dispositivos móbiles e onde os nenos empezan a utilizalo a idades máis temperás (Estudo Protéxelles).

? Algunhas claves: Decidir cando, como e en que circunstancias váiselles a permitir estar expostos ás pantallas.

? Erros que evitar: Utilizar a pantalla como aia dos fillos.

? Para saber máis: «A novas tecnoloxías en nenos e adolescentes. Guía para educar saudablemente nunha sociedade dixital». «Cuaderno Faros», n.º 9. http://goo.gl/FtbtE6