Experiencias innovadoras enchen escolas da nosa comunidade

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Os finalistas da sétima edición de Parlamento Xove, na Cámara galega
Os finalistas da sétima edición de Parlamento Xove, na Cámara galega SANDRA ALONSO

O Parlamento de Galicia acolleu a final dunha liga de debate gañada por Becerreá

27 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os colexios e institutos galegos son niños de experiencias. Non ducias, non centos, senón miles se levan a cabo cada curso académico de Fisterra ao Courel e de Estaca de Bares á serra do Xurés. E resaltar unhas sobre outras sempre leva implícito o risco de cometer unha inxustiza. Con esa prevención por diante, aquí amosamos unha ínfima parte delas. Poucas, certo, pero dignas de louvanza.

Hai dez días se poñía punto final á sétima edición do Parlamento Xove, unha liga de debate na que participaron 47 equipos de 39 centros de toda Galicia, incluíndo as dúas categorías, ESO e bacharelato. En total, 168 estudantes e medio cento de profesores metidos en faena. O sistema é tan simple como atractivo: tanto na fase eliminatoria ?que este ano foi en Culleredo (A Coruña)- como na final en Santiago, nun hotel un día e no Parlamento galego á hora da verdade, se propón un tema. En cada enfrontamento se leva a cabo un sorteo, de tal maneira que o azar decide que equipo está a favor no tema proposto e cal en contra. Tralo debate, uns xuíces avalían e deciden o gañador. Este ano os triunfadores nas dúas categorías foron Becerreá e... Becerreá, coa puntualización de que o derrotado na final de bacharelato foi... o instituto de Becerreá. É dicir, pleno e consolación. Cecilia Vázquez, directora xeral de Xuventude ?o organismo que organiza o Parlamento Xove-, resumíao, sorrindo, con tres verbas: «¡Nunca tal vin!».

Unha con premio

Moitas experiencias merécense premio, pero non todas o acadan. Unha das que recibiu o galardón europeo Star Project é a que baixo o título de My Community and my Historia in Openstreetmap levou a cabo o IES A Sangriña, da Guarda (Pontevedra). O programa desenvolveuse entre setembro do 2013 e xuño do 2015. Baixo a coordinación de Alemaña participaron como socios a Archbishop Sentamu Academy de Hull (Gran Bretaña), o Liceo Sair Abay Konanbay de Estambul e o IES A Sangriña. Os vinte alumnos galegos que participaron, co profesor de Xeografía e Historia Carlos Alonso ao mando, aprenderon a interpretar e manexarse no entorno de OpenSteetMap (OMS).

Cómpre dicir que OMS é unha base de datos colaborativa que permite achegas libres e altruístas de calquera dos seus usuarios, permitindo cartografar calquera zona do planeta. Neste caso o obxectivo era empregar OMS para que os membros do proxecto cartografasen puntos históricos e arqueolóxicos especialmente importantes nas súas comunidades.

Isabel Rodríguez, profesora de A Sangriña, asegura que «os nosos alumnos que neses momentos cursaban 1.º de bacharelato levaron a cabo un traballo serio e exhaustivo, en continua comunicación cos dos outros centros europeos que participaban na iniciativa».

¡A relaxarse!

Montse Barros, a orientadora do colexio de Caión, concello coruñés de Laracha, tivo unha idea á quen ninguén lle pode negar a orixinalidade, polo menos no nome: A Respiración das Baleas. Ela mesma o explica: «É un proxecto no que os nenos se identifican coas baleas, e non hai que esquecer que Caión foi porto baleeiro hai tempo». E non parece irlle mal: este é o segundo ano con este programa de enriquecemento curricular centrado no Mindfulness. Ou sexa, meditación e relaxación, que practican ?«voluntariamente», aclara Montse Barros- na casa ou no colexio, cando eles mesmos cren que a necesitan.

ENTREVISTA

Cecilia Vázquez | Directora xeral de Xuventude

«No Parlamento Xove os alumnos aprenden democracia»

Cecilia Vázquez é a directora xeral de Xuventude, organismo de onde saíu a idea de organizar o Parlamento Xove.

-¿Que aprenden aí os alumnos?

-O debate de ideas a través da palabra, a confrontación de opinións e o diálogo. En definitiva, aprenden democracia.

-Dígame tres cousas que deberían copiar os deputados.

-A frescura e audacia das argumentacións, o exquisito respecto polas ideas alleas e a paixón en cada un dos debates.

-¿Nos centros non hai demasiadas clases e poucos debates?

-Sen dúbida, os debates axudan a asumir competencias esenciais para o futuro laboral dos mozos e mozas, como o traballo en grupo, a responsabilidade, a comunicación, o sentido da iniciativa e a autoconfianza.