Algún día Marte terá aneis

Marcos Pérez

LA VOZ DE LA ESCUELA

x

E ao mesmo tempo perderá a Phobos, que é a máis grande das lúas do planeta vermello

02 dic 2015 . Actualizado a las 06:05 h.

Serán os fragmentos do satélite Phobos os que alimenten o anel de Marte, un círculo de rocas e po escuro que apenas reflectirá a luz do Sol e que, xa que logo, dificilmente será visible desde a Terra. 

x

A causa da destrución de Phobos serán as tensións gravitatorias que sofre debido a que en cada órbita se achega un pouco máis a Marte, describindo unha espiral que se vai pechando lentamente. Para entender as tensións gravitatorias que padece Phobos podemos pensar nas que experimenta o noso propio planeta por mor da atracción da Lúa. Dúas veces ao día os océanos se abomban varios metros cando pasan baixo a vertical do noso satélite. E non só hai mareas nos océanos, senón tamén nos continentes, aínda que dada a rixidez do chan estas se limitan a uns cantos centímetros. As deformacións de marea son moito máis acusadas en Phobos debido a que se atopa corenta veces máis preto de Marte que a Lúa da Terra. Por outra banda, hai indicios de que, malia a súa aparencia de roca firme, Phobos se parece máis a un agregado pouco compacto de escombros. Tanto é así que estudos recentes suxiren que o estrés gravitatorio é a causa de parte das estrías que xa se aprecian na superficie do satélite.

Planetas con aneis

Saturno posúe os aneis máis brillantes e mellor coñecidos do Sistema Solar. Están formados por fragmentos de xeo de diferentes tamaños dispostos nunha estrutura incriblemente fina. Cun diámetro de 160.000 km, o grosor medio dos aneis principais de Saturno é de só 10 metros. É dicir, si os reducísemos a un tamaño igual ao da folla na que está impresa este artigo, o seu grosor sería moito menor que o do papel.

Urano, Neptuno e Xúpiter, tamén posúen aneis, aínda que moito máis escuros e discretos que os de Saturno. Tamén se observaron en Chariklo, un asteroide de 250 km de diámetro cuxa órbita se atopa entre as de Saturno e Urano. E fóra do Sistema Solar, xa detectaron planetas como o denominado 1SWASP J1407b, cun impresionante sistema de aneis que parece alcanzar os 90 millóns de quilómetros de diámetro.

Actividades

Dos números ás imaxes

Máis que un disco continuo, Saturno está rodeado por unha serie de aneis concéntricos separados por divisións escuras. Na entrada que a Wikipedia dedica a este planeta podes atopar unha táboa co diámetro de cada anel e o seu anchura. Fai os cálculos necesarios e debuxa os aneis principais a escala nun folio. ¿Es capaz de interpretar os datos da táboa? ¿Cal é o anel máis próximo ao planeta? ¿E cal o máis ancho? En que anel se atoparía a Lúa se puxésemos á Terra no centro de Saturno?

E despois dos aneis, ¡cráteres!

Os fragmentos dos futuros aneis de Marte acabarán por caer sobre o planeta, e algúns poderían ter un diámetro superior aos dous quilómetros. ¿Que efecto crees que terán estes impactos sobre Marte? ¿Como se compara un fragmento deste tamaño co asteroide que fai 65 millóns de anos propiciou o fin da era dos dinosauros? ¿Cres que caerán en vertical ou seguirán unha traxectoria rasante?