¿Que é un poema? 

LA VOZ DE LA ESCUELA

Un momento do obradoiro poético que a poeta Dores Tembrás impartiu a semana pasada no CPI Cruz do Sar, de Bergondo
Un momento do obradoiro poético que a poeta Dores Tembrás impartiu a semana pasada no CPI Cruz do Sar, de Bergondo CÉSAR DELGADO

A literatura medra nas aulas da man de escritores galegos

25 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha palabra pode ser un poema, di Celso Fernández Sanmartín. É un dos escritores que están espallando a curiosidade pola poesía nas aulas galegas. A súa experiencia conflúe no manual Poesía hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas (Apiario) coas doutros cinco autores decididos a reactivar o amor pola literatura.

Creatividade é un dos termos chave neste empeño por varrer vellos estereotipos en torno á poesía, que mesmo pode estar na túa mesa de traballo, na mochila ou na cunca da túa man... sen que te deas de conta. ¿Non a ves?

Nunha ollada, na ciencia, nun vídeo, nas estrelas que miramos fascinados, envoltos na luz do misterio, hai poesía.

Os grafittis son unha das linguaxes que te poden facer sentir «o chispazo» do poético, achega Dores Tembrás, coeditora de Apiario xunto a Antía Otero. A arte medra libre nas aulas da súa man, cun proxecto en torno á poesía que se prolonga no tempo. Tembrás impartirá todo o curso obradoiros literarios no CPI Cruz do Sar, en Bergondo, un paso máis na iniciativa  que recollen os seis ensaios do volume Poesía hexágono.

atopa a túa palabra

A autora de O peizoque Roque propón nos seus talleres o reto de dar coas palabras máis nosas. ¿Como atopalas? Ela ofrece tres consellos aos lectores de La Voz de la Escuela: 1. Fuxir das grandes palabras e procurar as pequenas. 2. Dedicarlle tempo á procura. 3. Non esforzarnos demasiado, pois «nós somos as nosas palabras. E se afinamos o ouvido, acabamos por descubrilas».

Como contar estrelas ou comer chocolate

Non sabemos se foi antes a galiña ou o ovo, pero si que nun ovo pode agocharse a poesía. Nun Kinder Sorpresa atópaa o autor Carlos Negro, que advirte: «Para un adolescente, calquera actividade relacionada coa poesía ten que ser, ante todo, unha sorpresa, unha fenda, un ir contracorrente». No ensaio que recolle Poesía hexágono, o autor de Penúltimas tendencias cita ao poeta vasco Kirmen Uribe, autor de esta saborosa apreciación: 

  Un poema é unha onza de chocolate: algo pequeno, escuro e o máis bo do mundo.

un animal que non morde

Co seu natural camaleónico, a poesía pode ser tamén un animal, un animal que ¡non morde! Así a ve a escritora e dinamizadora cultural Yolanda Castaño, finalista con A Segunda Lingua do Premio Nacional. 

«Na poesía as palabras amplían o seu círculo de amizades», di esta autora, que está levando a literatura galega por todo o mundo. Ela propón obradoiros en torno á metáfora, «a figura estrela do código poético». Castaño repara na importancia de limpar a visión da poesía como algo cursi, aburrido ou pasivo, para o que propón nas aulas diversas actividades, como o intercambio de substantivos de adxectivos cos compañeiros ou a creación de metáforas sobre unha realidade, como a noite.

é ciencia

Na ciencia tamén vive moi a gusto a poesía. Diso dá conta a poeta Estíbaliz Espinosa, a piques de estrear libro no selo Apiario. (Sssssh, que aínda é un segredo...). No Facebook da editorial puidemos participar nun xogo de pistas sobre esta novidade poética, Caer de cu polo universo, un conto con ilustracións de Lucía Cobo (autora do blog Pinta que te Pinta).

Na suposta diferenza entre pintar e colorear, e máis en todo o mundo  de cousas que iso conleva, repara a poeta Antía Otero. ¿Pensas ou non que os dous verbos significan o mesmo?  A autora de O son da Xordeira, editora de Apiario, déixanos entrar no espazo da súa propia creación, e propón nos seus talleres atopar a poesía en gravacións de vídeo.

... e pinta muros

Nos grafittis do movemento Acción Poética atopou Dores Tembrás unha vía de aproximación para o traballo coa teoría e a creación poética nas aulas. «Eu queríate / e ti botáchelo todo a perder». É unha das pintadas que a escritora levou dun muro de cidade a ese espazo cheo de materia luminosa que poder ser a aula.