Miles de refuxiados chaman ás portas de Europa

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

As fronteiras dalgúns países europeos convertéronse en lugares de concentración de refuxiados
As fronteiras dalgúns países europeos convertéronse en lugares de concentración de refuxiados GEORGI LICOVSKI

Saen da súa terra fuxindo das guerras de Oriente Medio

07 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Riadas de refuxiados procedentes de Siria, Iraq e Afganistán invaden Europa. É a noticia de cada día. Chegan ás portas de Europa e atópanas ás veces pechadas, ás veces medio entornadas. A vida na súa patria fíxose insoportable, pero admitilos nas nosas é complicado porque ameazan a nosa vida confortable. Non temos traballo para todos nós, ¿como imos buscarlles traballo a eles? ¿Como imos darlles educación, sanidade ou servizos sociais? Á crise económica que padecemos úneselle agora este trasfegar de persoas que se estende por Europa como unha mancha de aceite. Familias enteiras, con nenos, novos e anciáns que chegan co posto e o pouco que poden traer con eles.

Historias de exilios e desprazados

Non é nada novo na historia. Esta situación repetiuse en distintas épocas e territorios. Por iso propómosvos recordar algúns destes episodios para ver o fenómeno cunha maior perspectiva.

O ÉXODO BÍBLICO

A Biblia conta que os descendentes de José e os demais fillos de Xacob que se instalaron en Exipto creceron e multiplicáronse cos anos e convertéronse nun grupo étnico molesto que non se mesturaba co resto dos exipcios. Por iso foron sometidos á escravitude. De entre eles xurdiu un caudillo, Moisés, que se propuxo liberalos, sacalos de Exipto e devolvelos á terra prometida, de onde saíran. A Biblia fala de 600.000 homes, sen contar mulleres e nenos. Vagaron polo deserto durante 40 anos ata que morreron Moisés e os membros da súa xeración. Despois atravesaron o Xordán e entraron a ocupar a terra prometida.

AS INVASIÓNS BÁRBARAS

O Imperio romano viviu sempre baixo a ameaza dos pobos do norte das súas fronteiras do Danubio e do Rin, aos que eles chamaban bárbaros. Durante séculos foron capaces de contelos grazas á súa capacidade organizativa e á súa superioridade tecnolóxica para a construción de defensas, fortificacións e pontes. Pero co tempo as fronteiras fóronse esfumando. A situación debilitouse aínda máis desde que Roma comezou a contratar como soldados mercenarios a grupos de guerreiros de pobos do norte. Os pobos bárbaros fóronse filtrando polas fronteiras e establecéndose en terras de Roma, mentres os seus homes ían integrándose nas lexións romanas e ían chegando a postos de mando. Tras sufrir distintas fragmentacións, o imperio dividiuse definitivamente no século IV en dúas zonas: a de Occidente e a de Oriente, pero as confrontacións e divisións sucedíanse continuamente entre os dispersos exércitos. No ano 410 Roma foi saqueada por Alarico e as súas tropas. Durante algúns anos seguiu existindo un arremedo de imperio ata que no ano 476 foi deposto o último emperador romano, Rómulo Augusto, que tiña 15 anos.

OS IRLANDESES A EE.UU.

En 1845 unha praga arrasou as plantacións de patacas de Irlanda. A principal fonte de alimentación dos campesiños era a pataca e todas as colleitas dese ano e os seguintes perdéronse sen remedio. A miseria de estendeu por toda a illa. Morreron de fame entre dous millóns e dous millóns e medio de persoas. Pero outros dous millóns emigraron, principalmente a Estados Unidos. En menos dunha década Irlanda perdeu unha cuarta parte da poboación.

AMÉRICA

A gran emigración a América tivo lugar entre 1800 e 1940. Calcúlase que 55 millóns de europeos chegaron aos países americanos buscando un lugar onde vivir e superar as súas miserias: 15 millóns de ingleses e irlandeses, 10 millóns de italianos, 6 millóns de españois, 1 millón de alemáns, outro de gregos, entre outros. A maior parte dos españois e moitos italianos foron a América do Sur e Central. Bastantes alemáns a Brasil. Pero o principal receptor de emigración foron os Estados Unidos, que a principios do século XX recibían 1.300.000 emigrantes cada ano.

O EXILIO ESPAÑOL

Na Guerra Civil Española, cando as tropas franquistas comezaron a entrar en Cataluña a finais de xaneiro de 1939, unha vez terminada a batalla do Ebro, produciuse un éxodo incontido de combatentes e persoas comprometidas coa República que entraron en Francia polos postos fronteirizos e atravesando os pasos montañosos dos Pireneos. Calcúlase que pasaron ata o 12 de febreiro 550.000 persoas, a maior parte homes. Case todos eles foron internados en campos de concentración, nos que pasaron miserias sen conto. Algúns eran políticos famosos, como o presidente da República, Manuel Azaña, outros intelectuais ou escritores, como Antonio Machado, que faleceu aos poucos días de chegar a Francia.

A GUERRA DOS BALCÁNS

Durante a década de 1990 producíronse máis de 3.000.000 de refuxiados na península dos Balcáns. A guerra que se desencadeou alí foi especialmente cruel neste sentido, porque na antiga Iugoslavia convivían diversas etnias, culturas e relixións. Durante ela producíronse grandes matanzas e moitos movementos de poboacións que fuxían aterradas dos pobos e cidades nos que naceran por temor ao que puidesen facerlles os seus veciños. Con todo, acabada a guerra e debuxadas novas fronteiras, na década seguinte, sobre todo nos primeiros anos do século XXI, produciuse un fluxo de retorno de refuxiados importante. No ano 2003 regresaran aos seus fogares 1.300.000 e produciuse unha recuperación alentadora da convivencia entre culturas e relixións diferentes.

REFUXIADOS EN ÁFRICA

As guerras en África nos últimos anos foron unha fonte continua de grandes movementos de refuxiados. Miles de persoas, principalmente mulleres e nenos, víronse obrigados a abandonar os seus pobos perseguidos por soldados e mercenarios encerellados en guerras tribais. No ano 2008, Acnur e outras axencias internacionais calculaban que había en África 11 millóns de persoas expulsadas das súas terras, que vivían en campos de refuxiados, a maior parte en Sudán, a República do Congo, Somalia e Uganda. A situación non mellorou na actualidade.

ACTIVIDADES

1. Investigade sobre cada un dos acontecementos históricos resumidos. Todos teñen en común o esencial: xentes que ven obrigadas a abandonar os seus fogares para facer a súa vida noutras terras.

2. Pero todos son distintos porque son distintas as causas que os provocan. ¿Poderían ter outra solución? Se puidésemos dar marcha atrás á historia, ¿poderiamos contar eses acontecementos con outro final? Escollede un caso, estudalo a fondo e proponde as medidas que sería necesario tomar para cambiar o curso da historia.