A paisaxe entra nas aulas

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Todo o mundo pode suxerir ideas para o catálogo de paisaxe que elabora  o Instituto de Estudos do Territorio
Todo o mundo pode suxerir ideas para o catálogo de paisaxe que elabora o Instituto de Estudos do Territorio ANGEL MANSO

Os centros de toda Galicia están invitados a un «mapeo participativo»

30 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Paisaxe, gastronomía e novas experiencias. Así, por esta orde, son os intereses dos turistas que recibe Galicia. Ou polo menos así o creron e repetiron sempre os hostaleiros. O primeiro deses elementos, a paisaxe, de seren considerada un mero elemento puramente estético e estático pasouse a ensinar nalgúns colexios por mor dunha iniciativa da Consellería de Medio Ambiente e a Fundación Juana de Vega, aló polo 2012. E xa antes, no 2008, a Xunta aprobara a Lei de Protección da Paisaxe. O deterioro debido ás grandes infraestruturas ?autovías, pontes, AVE...- e mais o fenómeno chamado vulgarmente feísmo son os aspectos negativos, a outra cara da moeda.

Agora mesmo, dende o Instituto de Estudos do Territorio está en marcha unha campaña para elaborar un catálogo das paisaxes, campaña na que pode intervir todo o mundo dende unha páxina web (http://somospaisaxe.org). Para iso se lle pide ao cidadán de calquera idade que identifique tres capítulos: lugares de interese paisaxística (todas as paisaxes que contan cunha certa singularidade ou, por dicilo dun xeito máis coloquial, aqueles sitios a onde é probable que un leve a algún amigo que estea de visita), valores (paisaxes identificadas por un valor concreto que poidan ter para a sociedade: natural, ecolóxico, patrimonial, cultural, panorámico, estético...) e áreas degradadas (que se se puidesen revitalizar sería apreciadas de novo).

É o que os técnicos chaman un «mapeo participativo». É dicir, a elaboración dun mapa coa participación ilimitada de todos, incluíndo clases enteiras que poden aportar as súas opinións e propostas antes de que remate o mes de outubro. E é que, segundo unha fonte oficial, do que se trata é de «asegurar o carácter democrático que deben posuír os procesos de planificación da paisaxe».

A opinión de moitos profesores coincide coa que con claridade expresa un deles, Xan Guillén, de La Salle de Santiago: «A favor de que entre a paisaxe na aula está que é necesario que a nosa sociedade loite contra o feísmo; e en contra, que a escola está cargada de contidos e de cando en vez se engaden novos, e por exemplo tamén se fala de educación viaria. Todos os contidos son importantes, pero ¿onde poñemos o límite?».

A reflexión final é de Phillip Parry, un especialista británico en intelixencia artificial admirador das montañas dos Ancares e da Costa da Morte: «A paisaxe está relacionada con algo que apreciamos na nosa infancia, unha tradición influída pola apreciación artística, pero tamén pola necesidade de distanciarnos un pouco nós mesmos da industria».

Así fan noutras partes do mundo

¿Protéxese a paisaxe noutros países? Cada un ten as súas peculiaridades, por suposto. Nos nórdicos, onde escolas e institutos teñen unha grande autonomía desde a contratación do profesorado ata a especialización dos contidos, a protección da paisaxe adoita entrar nas aulas en forma de charlas e cursiños. Nalgúns casos son unidades didácticas concretas. E sempre os cidadáns están orgullos desta ou daqueloutra paisaxe. Por exemplo, a muller do vicario dunha igrexa preto de Turku (antiga localidade finlandesa) amosaba aos xornalistas un pequeno val como outros moitos, con escasas vivendas, e tras uns segundos de silencio espetaba: «Dende hai douscentos anos aquí non houbo cambio algún, están vostedes ollando o mesmo que se ollaba hai dous séculos». ¿E os cables? Por suposto, baixo terra.

Sen saír de Finlandia, a profesora Tarja Belleveglia reflexiona: «Penso que protexemos a paisaxe porque aquí somos amantes da natureza, gústanos vivir cerca dela, e case todos nós, ou polo menos os nosos pais, naceron en vilas». E remata: «As nosas cidades son relativamente pequenas aquí... ¡No fondo somos campesiños!». E a hispanista Tuula Wright remata: «Amamos a paisaxe porque contemplándoa nos tranquilizamos, é unha forma de relaxarse».

En Gran Bretaña, o National Trust preocúpase non só de edificios, senón tamén de paisaxes. Cando o actual primeiro ministro, o conservador David Cameron, intentou sacar adiante unha lei que permitía edificar preto da costa, a directora xeral dese organismo privado mandou unha carta aos seus catro millóns de socios chamando á acción para impedir tal atentado estético. Conclusión: a lei nunca saíu adiante tal e como estaba concibida.

ACTIVIDADES

1. Mira pola ventá da clase. ¿Que paisaxe se ve?¿E dende o comedor? ¿E dende a porta de entrada do centro? ¿Son paisaxes homoxéneas? ¿Que as caracteriza? ¿O ceo forma parte da paisaxe?

2. No texto fálase do ?feísmo?. Esa verba, ¿está no dicionario? ¿Qué cres que significa? ¿Hai algún exemplo de feísmo na túa cidade, parroquia ou concello?

3. ¿Gustaríache participar? Pois vai á web indicada e pica no botón Portal do Catálogo. Aí hai uns sinxelos pasos que cómpre seguir.

4. Pero o máis importante é como o ves ti. ¿Que elementos incluirías nun debuxo dunha paisaxe que imaxines?

5. Por certo, ¿hai paisaxes no fondo do mar? ¿Atreveríaste a debuxalos? ¿E os da Lúa?