Vinte primaveras de romaría científica

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

A edición deste ano bateu rércords de participación
A edición deste ano bateu rércords de participación CEDIDA

20 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O XX Día da Ciencia na Rúa bateu récord de participantes, con 43 tendas, e sorprendeu coa presentación da súa mascota tecnolóxica, Medusa. Os escolares de 29 centros educativos de Galicia desembarcaron na Coruña para marabillar con experimentos preparados durante meses.

Un encontro pioneiro

O pasado sábado 9 de maio, o parque de Santa Margarita da Coruña foi de novo o verde escenario da máis antiga feira científica de Europa. Aos arredores da Casa das Ciencias, o primeiro dos museos científicos coruñeses, chegan todos os anos desde 1996 decenas de miles de persoas para celebrar o Día da Ciencia na Rúa, unha actividade organizada pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e o Concello da Coruña.

Na actualidade son numerosas as actividades deste tipo que se celebran por toda España (Feira da Ciencia en Sevilla ou Granada, Finde Científico en Madrid...) e tamén en todo o mundo. O mesmo día 9 tivo lugar en Varsovia a 19,ª edición do Piknik Naukowy, ou Picnic da Ciencia, organizado polo Copernicus Science Centre e a Radio de Polonia, que constitúe neste momento o maior evento europeo ao aire libre para promocionar a ciencia, e ao que acudiron unhas 120.000 persoas.

ECO EN TODA GALICIA

O Día da Ciencia na Rúa combina desde a súa primeira edición facianas propias das feiras de ciencia (aínda que non ten carácter competitivo), de expoñer proxectos realizados por escolares, con outros aspectos máis festivos e lúdicos, como o concerto de música da Banda Municipal, os pasacalles, a presenza de cabezudos de científicos históricos e a celebración de talleres, xogos e concursos singulares (fundir un cubo de xeo no menor tempo posible, carreiras de caracois e de globos, voo de avións de papel...). Así, Santa Margarita convértese no epicentro dunha gran celebración que se percibe en toda a cidade e ten eco en toda Galicia. É unha gran romaría da ciencia.

Nesta ocasión, as 43 tendas que bateron un novo récord de participación, das cales 29 foron de centros escolares, rodearon a Casa das Ciencias baixo un brillante sol que tampouco quixo perderse o 20.º aniversario desta festa. Dentro de cada tenda, montaxes realizadas sobre todo por estudantes de centros da contorna coruñesa, onde se responden (con nervios e alegría) as preguntas das miles de persoas que chegaron interesadas nos pormenores dos proxectos. Estas actividades, froito dun traballo previo co que os participantes viviron a experiencia de facer ciencia, serven para mostrar a creatividade e demais actitudes científicas dos estudantes. Ademais, potencian o seu comportamento social, fortalecen os vínculos entre escola e comunidade, estimulan vocacións científicas, serven para difundir coñecementos e son escaparate do bo facer de profesores e centros docentes.

OUTRAS INICIATIVAS

A consolidación do Día da Ciencia na Rúa súmase a outras razóns para considerar A Coruña como capital española da educación científica. A realidade dos seus catro museos nesas áreas da cultura (aos tres de titularidade municipal uniuse hai tres anos a sé do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología, Muncyt) súmanse outras iniciativas de amplo impacto, como a convocatoria dos premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación Científica, o Premio Luís Freire de Investigación Científica na Escola, o programa Voz Natura ou a propia edición deste suplemento La Voz de la Escuela. Un luxo do que se benefician cada ano varios centos de miles as persoas, especialmente profesores e estudantes de Galicia.

Un «scalextric» a pedais

No «scalextric» tamén hai que ter coidado de non saírse das voltas
No «scalextric» tamén hai que ter coidado de non saírse das voltas

Os alumnos e profesores do departamento de electricidade do IES Calvo Sotelo montaron un scalextric onde o impulso das pernas era clave para gañar ou non a carreira. Cantas máis pedaladas por minuto lograsen os participantes máis rápido ía o coche. Aínda que como en todo scaletrix había que ir con coidado de que o exceso de velocidade non fixese saír o coche dos raís.

Nesta tenda tamén iluminaron a costa norte galega co mapa dos faros de Galicia, aínda que a maioría deles xa non contan con fareiros. En toda a comunidade autónoma apenas quedan 20 persoas dedicadas a esta profesión.

Ciencia a rebordar

Os escolares son os divulgadores
Os escolares son os divulgadores

A xornada sobordou ciencia no Parque de Santa Margarita desde as 11.00 ata as 19.00. Unha das tendas onde se trataron máis temas científicos foi a do Colexio Internacional Eirís. Desde as clásicas torres de Hanoi ata talleres de caleidoscopios, instrumentos reciclados ou mandis do corpo humano copaban o seu espazo. Tamén explicaban que é unha ilusión visual, a que se debe a cor dos lumes artificiais e ata canta radioactividade temos no noso corpo.

Un recreo científico onde os escolares, como no resto das tendas, eran os divulgadores do día que se apoian en maquetas, telescopios e outros recursos que inundaban o lugar.

«Medusa», a mascota tecnolóxica

A 20.ª edición estreou mascota, «Medusa»
A 20.ª edición estreou mascota, «Medusa»

E co 20 aniversario chegou a mascota do Día da Ciencia na Rúa. Unha robot de nome Medusa que visitou durante toda a xornada as tendas e se fixo fotos con moitos dos participantes. Unha foi cos voluntarios da Cruz Vermella Española, que un ano máis tamén acudiron a esta celebración.

Nesta ocasión, ademais de dar cobertura preventivo-sanitaria ao evento, a Cruz Vermella organizou actividades para nenos e mozos co fin de promover entre eles hábitos de vida saudables, así como a importancia da prevención en educación sexual ou en consumo de drogas.

Enxeño para gañar nos xogos

Carreras de caracois
Carreras de caracois

A carreira de caracois, a construción de resistentes avións de papel, a rapidez para derretir un cubo de xeo ou a habilidade para fabricar figuras de papel foron outra vez algunhas das propostas que animaron a competitividade entre os participantes no Día da Ciencia na Rúa.

As estratexias resultaron variadas e algúns desenlaces sorprendentes: cada ano son máis elaboradas as técnicas para alzarse cos premios. A mesa onde se levaba a cabo a fundición de xeo era un verdadeiro espectáculo. Golpes contra o taboleiro, bocas aguantando o frío, bafo a todo trapo e axilas apertadas repetíronse durante toda a xornada. Para os que se quedaron con ganas, xa hai data para o XXI Día da Ciencia na Rúa, o sábado 7 de maio de 2016.