Imaxe e son nas campañas da OIT

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

2013. Non ao traballo infantil no ámbito doméstico.
2013. Non ao traballo infantil no ámbito doméstico.

05 may 2015 . Actualizado a las 22:43 h.

«Pido a todo o mundo que participe nunha marcha que vaia da explotación á educación, da pobreza a unha prosperidade compartida, da escravitude á liberdade, da violencia cara á paz» (Kailash Satyarthi)

Para a imaxe recollemos as portadas dos últimos anos nos que se conmemorou o Día Mundial contra o Traballo Infantil, que ten a súa data habitual o 12 de xuño e que, co gallo da visita de Kailash Satyarthi a Santiago e á Coruña, adiantamos hoxe aquí. Cada portada vai acompañada dun informe que explica o seu motivo e razón da súa insistencia ese ano.

Para o son propomos a reprodución de dúas cancións: unha, «Til Everyone Can See», elixida pola Organización Internacional do Traballo (OIT) para recordar ese día; e a segunda, a nana «Para durmir a un neno que non descansa», interpretada por Isabel Jurado e a Orquesta Ciudad de Almería.

1. IMAXES

Segundo as estimacións mundiais máis recentes, millóns de nenos de 5 a 14 anos de idade atópanse en situación de traballo infantil. Neste grupo de idade, os nenos de ambos os sexos son afectados case por igual. A persistencia do traballo infantil ten as súas raíces na pobreza, a falta de traballo decente para os adultos, a falta de protección social e a incapacidade para asegurar a asistencia dos nenos á escola ata a idade mínima legal de admisión ao emprego. Así o afirma a Organización Internacional do Traballo (http://goo.gl/DOFOQK).

Cartel

  • 2015. ¡Non ao traballo infantil! ¡Si a unha educación de calidade! Unha educación de calidade, gratuíta e obrigatoria para todos os nenos ata polo menos a idade mínima de admisión ao emprego e emprender accións para chegar a aqueles nenos actualmente en situación de traballo infantil.
  • 2014. Actividades ao redor do mundo. Estender a protección social dos nenos: axudas para as familias con nenos, pensións, coidado da maternidade, protección aos nenos con problemas, protección ás familias en paro, coidar a saúde.
  • 2013. Non ao traballo infantil no ámbito doméstico. Uns 10,5 millóns de nenos de todo o mundo traballan como empregados domésticos nos fogares doutras persoas, en condicións perigosas e nalgúns casos análogas á escravitude.
  • 2012. Dereitos humanos e xustiza social. Erradiquemos o traballo infantil. Os convenios da OIT buscan protexer aos nenos da exposición ao traballo infantil. Estes convenios, xunto con outros instrumentos internacionais relativos aos dereitos do neno, dos traballadores e os dereitos humanos, proporcionan un marco importante para a lexislación establecida polos gobernos. Con todo, as estimacións globais máis recentes da OIT indican que no mundo hai 215 millóns de nenos vítimas do traballo infantil, e que máis da metade destes están involucrados nas súas peores formas.
  • 2011. Nenos en traballos perigosos. O que sabemos, o que queremos facer. A OIT pediu tomar medidas urxentes para erradicar o traballo infantil perigoso que no 2011 afecta a uns 115 millóns de nenos en todo o mundo. A OIT destaca que ese número representa máis da metade de todos os traballadores infantís no mundo, que se estiman en 215 millóns.
  • 2010. Metamos un gol e saquemos cartón vermello ao traballo infantil. O día mundial do 2010 coincidía coa Copa Mundial de fútbol en Sudáfrica. No mundo hai millóns de nenos traballadores. Máis da metade deles realizan actividades que pon en perigo a súa saúde e a súa seguridade. Isto é inaceptable. Participe no movemento mundial «sácalle o cartón vermello ao traballo infantil» e axude a ofrecer un novo comezo aos nenos en todo o mundo. 

?

Portada

  • 2009. Demos unha oportunidade ás nenas. Loitar contra o traballo infantil: unha clave para o futuro. A OIT estima nuns 100 millóns o número de nenas afectadas pola explotación infantil en todo o mundo. Moitas delas teñen difícil o acceso á educación, ou non teñen acceso a ela, e moitas traballan en condicións que pon en grave perigo a súa saúde, a súa seguridade e a súa moralidade.

2. PALABRAS E CANCIÓNS

A iniciativa A música contra o traballo infantil, lanzada no 2013 pola OIT e algúns dos mellores compositores do mundo, invita a participar a todos os músicos e pídelles que dediquen un concerto ou unha canción á loita contra o traballo infantil.

«Til Everyone Can See»

O 12 de xuño, Día Mundial contra o Traballo Infantil, foi lanzada a campaña Cartón Vermello da OIT cunha canción orixinal, Til Everyone Can See, composta polo guitarrista Mike Einziger, de Incubus, e a violinista Ann Marie Simpson, coa participación de Travis Barker, Minh Dang, Dominic Lewis, LIZ, Pharrell Williams e Hans Zimmer.

Nana «Para durmir a un neno que non descansa»

Himno: Pilar Jurado, colaboradora especial da OIT, Orquesta Ciudad de Almería, Coro Infantil Pedro Mena. A gravación pódela baixar de YouTube: (http://goo.gl/D1GLXV).

Dorme, dorme pequeno, / que a lúa che leve a ser feliz. / Dorme, dorme pequeno, / que o vento che eleve / como un copo de neve. / Que poidas elixir o teu camiño / e vivas ese mundo de nenos / onde ninguén che impida xogar. // Dorme, dorme pequeno, / xa é hora de descansar, / soñar con pupitres, / poder debuxar / o teu nome e o teu riso,  / vivir en liberdade. / Dorme, dorme, dorme...