A recuperación é fácil, algunha vez

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

Cría de lontra atopada en Ribeira
Cría de lontra atopada en Ribeira CEDIDA

28 abr 2015 . Actualizado a las 17:11 h.

O cal se demostra con exemplos da vida práctica: recuperación dun castro, dun encoro, de muros e viñedos, da memoria, dunha persoa anciá, dunha lontra. Ánimo, pois! E apliquemos, no que podamos, as súas estratexias ao noso quefacer de aprendizaxe na escola. Non te esquezas de ler a noticia enteira en www.lavozdegalicia.es escribindo o título no cadriño lupa. E a recuperarse tocan!

1. Estudantes de Mos impulsan a recuperación do castro do Torroso

(La Voz, 20/1/2015) O goberno de Mos estuda a posta en valor do castro do Torroso grazas á iniciativa dun grupo de estudantes de ciencias sociais do instituto da localidade. A alcaldesa, Nidia Arévalo, recibiu esta mañá a un grupo de alumnos, que lle expuxeron a necesidade de recuperar e promocionar un dos elementos patrimoniais máis interesantes do municipio. O castro data do século VII antes de Cristo e é un dos máis antigos de Galicia. Tanto a alcaldesa, como a concelleira de Educación, Kely Monzón, que tamén participou no encontro, acolleron con entusiasmo a iniciativa e anunciaron que desde o Concello iniciaranse inmediatamente os trámites para optimizar o castro, xa que unha parte do xacemento atópase en terreos que non son de dominio público.

  • ACTIVIDADE: Todo isto porá en funcionamento aos do terceiro curso da ESO-Diver en varias actividades: unha, limpar as herbas; dous, ir visitar no Museo de Pontevedra moitos obxectos que xa foron exhumados anteriormente nos anos 1984-1990. E, despois, servir de guías ao resto de alumnos do colexio. E, por que non?, aos seus mesmos pais, que a todos lles vén moi ben ver aos fillos vestidos de arqueólogos. Moi ben por Mos!

2. O caudal da presa Barrié de la Maza, en Negreira, empeza a recuperar o seu nivel

(La Voz, 29/1/2015) O caudal encorado na presa Barrié de la Maza, entre os concellos de Brión e Negreira, empeza a dar síntomas de recuperación despois das choivas da pasada semana. Nun dos invernos máis secos dos últimos anos, os últimos datos indican que a presa experimentou un incremento de auga encorada dun 12,90 % na última semana, situándose en 15 hectómetros cúbicos, ou o que é o mesmo, a un 48,39 % da súa capacidade. Iso permitiu que melloren as condicións para a práctica do piragüismo por parte do club Ribeiras do Tambre, aínda que o seu nivel segue estando moi por baixo do normal nesta época.

  • ACTIVIDADE: En maio de 1950 encheuse por primeira vez o encoro, que ten dúas comportas de 14 metros de ancho cada unha delas. Unha investigación importante é coñecer os encoros que existen en Galicia, a súa capacidade, o nivel de encoro en cada momento e o seu ritmo de recuperación en diversos momentos do ano. Podes velo en: http://bit.ly/1zFuhnj

3. A Deputación dará axudas para recuperar terras e potenciar hortas e viñedos

(La Voz, 4/2/2015) A recuperación de terras abandonadas e a potenciación de hortas e de viñedos son medidas que se poderán realizar dentro dun plan de axudas ao sector primario impulsado pola Deputación. A contía do plan, cuxas liñas básicas se presentaron onte, é de 2,2 millóns de euros. As axudas á recuperación de leiras abandonadas convócanse por segundo ano. Campesiños, agrupacións de produtores ou sociedades agrarias poderán aspirar ás axudas, que teñen unha contía de 500 euros por hectárea e que non poden superar os 9.000 euros por solicitante.

  • ACTIVIDADE: Unha imaxe preciosa do que representan os viñedos galegos pódela obter así: picas en Google «viñedos galegos» e ábrense en todo o seu colorido e formación. E tamén obtés así os «invernadoiros galegos». E muros de pedras?: pois aquí os tes: «tipos de muros de pedra». Hoxe imos de fotos. E ánimo: a conseguir esas axudas.

4. Maiores de 60 anos participan nun taller de recuperación da memoria

(La Voz, 18/3/2015) Esta semana comezou en Salceda de Caselas un novo taller de recuperación da memoria para persoas da terceira idade. Nesta ocasión, son 17 veciños maiores de 60 anos os que recibirán as clases. A presentación dos talleres tivo lugar no centro social A Devesa, onde acudiu a tenente alcalde, Mariña Cabaleiro. «É moi importante axudar a manter a capacidade psicolóxica e tamén o estado físico dos nosos maiores», explicou a concelleira.

  • ACTIVIDADE: Non che sucedeu nunca iso de que o tes «na punta da lingua», de que «a túa cara paréceme coñecida», o de «esquecín o teu nome», e cousas así? O tema e os exercicios de recuperación son difíciles e complicados; pero hai quen se serve da mnemotecnia para lembrar datos dos exames. Buf! Mira en http://es.wikipedia.org/wiki/mnemotecnia. Atréveste con algo diso? Mira tamén fotos en Google: «recuperación da memoria anciáns».

5. A policía recupera unha cría de lontra en Camariñas

(La Voz, 9/4/2015) Axentes da Policía Local de Camariñas recuperaron sobre as dez da mañá de onte unha cría de lontra que se atopaba escondida debaixo dun vehículo estacionado á altura do número 8 da avenida dá Coruña. Os policías localizaron ao mamífero desorientado e trasladárono ao posto. Unha vez alí, os axentes alertaron aos responsables do Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Santa Cruz (Oleiros), que se fixeron cargo da lontra.

  • ACTIVIDADE: Catro conexións inmediatas:
    • Camariñas: https://gl.wikipedia.org/wiki/Camariñas
    • Lontra galega: http://bit.ly/1J5wO2F
    • Lontra mariña bebé: http://bit.ly/1DHtHcx
    • http://bit.ly/1QdFFRZ