Todos os alumnos de primaria do CEIP Os Casais, de Maniños-Fene, aprenden o idioma estranxeiro practicando con colegas de Grecia, Polonia, Francia e Italia
25 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O calendario marcaba setembro do 2013. Comezaba o curso e a profesora Ainhoa Carballo percorreu todas as aulas do CEIP Os Casais, en Maniños, concello de Fene, un centro escolar aberto hai catro decenios non moi lonxe dun castro e que por entón acollía a catrocentos alumnos. O certo é que entón o paseo se lle fixo curto a esa profesora de Inglés: esas paredes só albergan a 65 rapaces («Isto foise despoboando pola crise do naval»), o os de primaria, que suman 39, repártense en tan só tres aulas.
O que ía propoñer era traballar co portal chamado eTwinning, unha plataforma de comunicación entre centros escolares de toda Europa. A resposta foi unánime: afirmativa. E aí comezaron e aquí continúan, porque se o ano pasado a profesora Carballo empregou poucos libros de texto, este curso, ningún. A pregunta é, entón, como traballan: «Pois por tarefas ou proxectos, tratando de empregar sempre materiais o máis realistas posible para facer entender ao alumnado a necesidade de aprender unha segunda lingua». E os nenos, asegura, están «contentísimos». Quizais tamén porque non hai exames: o que se avalía é o desenvolvemento e o resultado deses proxectos, e no centro destacan que iso «resulta menos estresante para eles».
Os rapaces coinciden. Isaac, de 6º, non dubida ao afirmar que «comunicándose se aprende máis inglés que estudando», e Paula, do seu mesmo curso, engade que aprende máis inglés porque ten «ilusión» por comunicarse. Xoel, dous cursos menos, reflexiona: «A min gústame coñecer a outra xente, contarlles como é a nosa escola, presentármonos...».
¿Que é eTwinning? «O primeiro é dicir que non é un invento noso, senón que é un portal para profes. Digamos que como Facebook, pero con seguridade, non entra calquera, compróbase que en efecto é quen debe ser». eTwinning dá a súa aprobación e concede un espazo para subir o que fan nese centro. E Os Casais están agora mergullados nel con outros alumnos de Italia, Grecia, Polonia e Francia.
Non todos con todos, claro está, que iso é moito rebumbio. O primeiro ciclo desenvolve o Hello there con Italia e Francia (agora están cun vídeo para explicar as comidas típicas de cada país). Os do segundo ciclo andan a voltas con Around the world xunto con Grecia e Italia, metidos noutro vídeo no que contan como é a súa escola. E os de terceiro ciclo non paran con Penpals, o carteo cun centro da polaca Gdansk.
Os Casais está tamén no proxecto Abalar, así que non amosan escaseza de novas tecnoloxías. Pero é ela quen teclea no ordenador subindo fotos, vídeos ou o que sexa, agás no caso do carteo dos do terceiro ciclo.
Á pregunta de se iso non é moito xogo e os rapaces poden pasalo ben pero se cadra aprender menos, Ainhoa Carballo responde que «é un xeito de empregar a linguaxe dunha maneira real». Pero non parece contenta: quere pisar o acelerador e ampliar actividades para os meses vindeiros e o ano que vén, porque «os resultados son bos».
Creappcuentos, unha aplicación para a escola que permite desenvolver a imaxinación
Iso podía ficar como algo familiar, pero nunca se sabe onde están as sorpresas: a algúns centros a idea lles entrou polo ollo e traballan coa app, como desde hai máis de un mes o CEIP Corión, de Dena (Meaño). Alí a profesora Cuca da Silva, tras informar que son cen os alumnos implicados («de 2.º a 6.º») e que andan co invento unha hora á semana, asegura que «é moi chula e a eles gústanlle moito».
ACTIVIDADES
- ¿Queres practicar inglés? Pois aquí tes o blogue que están facendo os alumnos do CEIP Os Casais: letsgooscasais.blogspot.com.es
- Falando de idiomas, ¿ cal é a lista dos máis falados no mundo? Vaite á Wikipedia en español e busca «Idiomas más hablados». ¿Atreveríaste ti a facer unha lista dos cinco primeiros? ¿Acertaches? Fíxate no número 10. ¿Sabías que existía o que ocupa o lugar 13 desa clasificación?
- A «app» á que se refire esta páxina é de balde. Seguro que no centro poderedes baixala nalgún dispositivo e practicar con ela.
- Pero se non tes tempo, polo menos olla a súa web: www.creappcuentos.com