Para que serve un teléfono móbil?

Ana T. Jack

LA VOZ DE LA ESCUELA

MARCOS MÍGUEZ

Só o 29 % dos menores o utiliza para realizar chamadas

17 mar 2015 . Actualizado a las 23:28 h.

«Incrible. Os meus pais só usan o smartphone para chamar por teléfono», coméntalle Rubén ao seu mellor amigo á hora do recreo. Máis ou menos ao mesmo tempo, a súa nai estalle dicindo á súa compañeira de oficina: «Alucinante. O meu fillo non utiliza nunca o móbil para chamar por teléfono. Pero non o apaga nin para durmir. Para que o usa... non o teño claro».

Os menores non fan o mesmo uso dos teléfonos intelixentes que os seus pais. En España, o 30 % dos nenos de 10 anos xa dispoñen do seu propio móbil. Aos 12, esta cifra sobe ao 70 %. Aos 14 anos, o 80 % dos nenos gardan no seu peto o seu propio dispositivo. A cuestión é: para que os utilizan? O estudo Menores de edad y conectividad móvil en España: Tablets y Smartphones, realizado pola asociación Protégeles, analizou unha ampla mostra de menores españois de entre 11 e 14 anos para conseguir responder de forma axustada a esa pregunta. Estes son os datos que obtivo.

1. Xogan. Os xogos, as aplicacións de televisión e YouTube son as aplicacións coas que se inician os nenos no uso de smastphones e tabletas, normalmente con 2 ou 3 anos de idade. Na adolescencia, o 88 % dos menores continúan facéndoo (o 52,5 % de forma habitual e o 35,5 % nalgunha ocasión). Só o 11 % afirman non facelo nunca.

2. Escoitan música. Case o 80 % dos menores utilizan os seus teléfonos móbiles intelixentes para descargar e escoitar música.

3. Usan WhatsApp ou algún outro sistema de mensaxería instantánea. A ferramenta máis utilizada por nenos e adolescentes que manexan smartphones é, sen dúbida, WhatsApp. Non ter esta aplicación e estar fóra dos grupos. É para eles o arma de presión que utilizan para convencer aos seus pais de que necesitan un teléfono móbil con conexión a Internet: «Mamá, dáte conta de que si non estou no grupo de amigos vou ser un marxinado». O 76 % dos menores de entre 11 e 14 anos usan WhatsApp.

4. Acceden a redes sociais. O 72 % dos usuarios de 11 a 14 anos con smartphones acceden a redes sociais. Este acceso aumenta coa idade.

5. Navegan por Internet. A procura de información e a visita de páxinas web é cada día máis frecuente entre os usuarios máis novos de móbiles e tabletas. Aínda que ata hai pouco este era un uso pouco frecuente entre os menores, o maior tamaño das pantallas e o desenvolvemento de webs móbiles conseguiu que o 60 % dos menores se conecten de forma habitual aos seus dispositivos para buscar en Google ou visitar páxinas web.

6. Publican fotos e vídeos. Esta é o outro uso máis utilizado polos menores: fano o 56 %. Na maioría das ocasións a realización das fotos vai ligada á súa publicación. O 23 % publican fotos e vídeos de forma habitual, normalmente en contornas privadas de Instagram, Facebook ou Tuenti. Un 33 % fano de cando en vez, e un 44 % non o fan nunca.

7. Utilizan o correo electrónico. Só o 38 % dos nenos e adolescentes utilizan o seu móbil para enviar ou recibir correos electrónicos.

8. Fan perdidas... ou ata algunha vez chaman telefonean. Apenas o 29 % dos menores utilízano con regularidade para facer chamadas. Curiosamente, o 43 % úsano para avisar sobre a súa chegada chamando e cortando antes de tempo, malia que moitos dispoñen de tarifa plana. A expresión clásica é: «Cando chegue fágoche unha perdida».

Que podemos facer os pais?

A. Utilizar os contrassinais. Para controlar o uso que dan os nenos máis pequenos ao smartphone dos seus pais ou á tableta familiar, é imprescindible poñer un contrasinal (¡e non darlla!) para controlar o seu acceso. En nenos máis maiores polo menos debería poñerse un contrasinal previo á descarga de aplicacións.

B. Recordarlles que deben ler a letra pequena. O 92,5 % dos menores de entre 11 e 14 anos descárganse aplicacións móbiles (apps). Nun altísimo porcentaxe de casos (do mesmo xeito que ocorre cos adultos), non se len as condicións de uso antes de autorizar a súa instalación. Moitas delas acceden ao listado de contactos, mensaxes e galería de fotos, aínda que non concretan o uso que despois van facer con toda esa información.

C. Esixirlles responsabilidade co que envían a través do móbil. Deben extremar o coidado co tipo de información que envían en forma de mensaxes de texto, fotografías e vídeos, sobre eles mesmos ou sobre terceiras persoas.

D. Ensinarlles a usar o teléfono de forma intelixente. Dando prioridade ás persoas coas que se está de forma física ou pedindo desculpas cando se ten que coller unha chamada nun momento determinado. Utilizalo de forma intelixente supón saber apagalo cando é necesario. Por exemplo: en clase, á hora de estudar ou no momento de irse a durmir.

ESCUELA DE PADRES

  • Tema do mes: Os menores e Internet.
  • Etapa: Infancia e adolescencia.
  • O dato: O 27 % dos nenos de 11 a 14 anos recoñecen que non apagan nunca o seu teléfono móbil. O 60 % dos que o levan ao cole confesan que o teñen acendido en clase.
  • Comportamentos que se deben evitar: Prohibir o seu uso para evitar as situacións de risco. Tarde ou cedo vai caer un teléfono de última xeración nas súas mans. Cando iso ocorra, será mellor que xa adquirira algunhas condutas responsables.
  • Algunhas claves: Establecer unhas normas en relación cos tempos de conexión, límite mensual de gasto, uso que se lle vai a dar e espazos de utilización.
  • Para saber máis: «Menores de edad y conectividad móvil en España: Tablets e smartphones». Centro de Seguridade en Internet para os Menores en España, Protégelles. O manual descárgase neste enlace: http://bit.ly/1bR5KCU.