Enganchados ás pantallas

Ana T. Jack

LA VOZ DE LA ESCUELA

O acceso ás tecnoloxías da información e comunicación pode enfocarse como unha oportunidade para educar
O acceso ás tecnoloxías da información e comunicación pode enfocarse como unha oportunidade para educar

Dez cuestións para saber se o estamos facendo ben cos nosos fillos

04 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Irene aínda non cumpriu os 3 anos, pero manexa a tableta e o teléfono móbil da súa nai que dá gusto. Sabe entrar na galería de fotos e revisar cada unha das imaxes que ten gardadas, presionar co dediño para abrir as aplicacións que máis lle gustan, e incluso entrar en YouTube e entreterse coa súa serie de debuxos favorita. Aos seus pais failles graza ver a súa desenvoltura con estes dispositivos. Ademais, recoñecen que lles facilita moito as cousas ("para que non dea a lata") á hora de botar unha cabezadiña ou cando saen a un bar a tomar algo cos amigos. É pórlle diante a pantalla e quédase enganchada. Outra cousa é cando chega o momento de sacarlla: ¡ ponse como unha fera!

O acceso ás tecnoloxías da información e comunicación (TIC) prodúcese cada vez a idades máis temperás. É un fenómeno imparable que pode enfocarse como unha oportunidade para educar no uso responsable das novas tecnoloxías. O problema é cando as manexan sen a supervisión dos adultos ou se recorre a elas como modo fácil de desenchufar aos nenos (así non preguntan, non cantan, non falan, non corren, non choran, non saltan no sofá... ¡non molestan!).

As dez preguntas seguintes poden servir para que pais e nais reflexionemos acerca do manexo responsable de Internet no ámbito familiar.

1. ¿Enchufas ao teu fillo diante da pantalla sempre que podes?

É cómodo... pero non compensa. O seu desenvolvemento cerebral verase prexudicado. O tempo que dedica ás pantallas réstallo á súa interacción co medio, absolutamente necesaria para desenvolver o seu físico, a súa intelixencia e a súa estabilidade emocional.

2. ¿Porías un microondas no cuarto do neno?

Non tería moito sentido, ¿verdade? Da mesma forma, o computador nunca debería estar situado no dormitorio do menor. Favorece o illamento, a falta de comunicación e o acceso ás agachadas a páxinas inadecuadas. É preferible que estea instalado nun cuarto de uso común onde poida haber un mínimo de supervisión.

3. ¿A túa casa é unha cidade sen lei?

Entón é un caos. Empeza por pór as regras do xogo, tamén para usar as pantallas. Do mesmo xeito que o neno ten unha hora para chegar a casa ou autorización para ir a determinados lugares, con Internet hai que fixar unhas normas ben claras: horario, tipo de contidos, realización previa de tarefas escolares... E en caso de incumprimento destas normas debe haber unhas consecuencias.

4. ¿Que é peor, que rompa o computador ou que rompa o neno?

Un virus pode arruinarche a computadora, pero o acceso do teu fillo a determinados contidos inapropiados pode danar o seu cerebro. Do mesmo xeito que é importante utilizar antivirus no computador para protexelo de ataques informáticos, é necesario instalar filtros capaces de bloquear determinados contidos (sexuais, violentos, xenófobos...).

5. ¿Déixaslle andar só por calquera barrio da cidade?

Para ensinar a un neno que non se cruza a rúa co semáforo en vermello hai que esperar con paciencia a que se poña en verde. Da mesma forma, para que aprenda o que se pode facer e o que non en Internet hai que sentarse con el e orientarlle canto antes. Non esperes a que cumpra os 15, porque seguro que a esa idade xa non se deixará asesorar...

6. ¿Deixaríaslle que dese as chaves de casa a un descoñecido?

Seguro que non. Tampouco lle deixes facelo en Internet. É importante ensinar aos fillos en que consiste a privacidade. Explicarlles que os datos persoais que facilite (nome, dirección, colexio, fotos...) poden ser utilizados na súa contra. E que en Internet non todo o mundo é o que parece.

7. ¿É o mesmo un solombo que unha hamburguesa?

Non, do mesmo xeito que non todas as webs teñen a mesma credibilidade nin a mesma calidade. Hai que ensinarlles a valorar a cantidade de publicidade, o tipo de información que ofrecen, a súa fiabilidade, nivel de seguridade e valores que transmite.

8. ¿Seica o teu fillo non ten unha hora de chegada a casa?

Tamén hai que pór un límite ao tempo de conexión. Como en calquera outra actividade, o exceso de horas de dedicación tradúcese nun menor espazo para o desenvolvemento de destrezas sociais, para cumprir coas obrigacións escolares ou para descansar.

9. ¿Coñeces aos seus amigos?

Do mesmo xeito que na vida real, na virtual é importante coñecer aos ciberamigos do neno: quen son, as súas afeccións... Non é ningunha intromisión converterte ti tamén en ciberamigo seu ou de cando en vez manter algunha conversación en liña.

10. ¿Quen é aquí o responsable?

Os pais son os responsables da información á que accede o menor desde o computador e do uso que lle dá. Exactamente igual que na vida real, na virtual hai cousas que están ben e cousas que están mal. Insultar, roubar, falar con descoñecidos... Hai que ensinarlles a que respecten as normas da Rede e a que se queden só coas súas vantaxes, ¡que son moitas!

Ficha Escuela de Padres

  • Tema do mes: Os menores e Internet.
  • Etapa: Infancia e adolescencia
  • O dato: O 70 % dos nenos españois de 12 anos ten teléfono móbil con conexión a Internet. (Dato do estudo «Menores de idade e conectividade móbil en España», 2014).
  • Comportamentos que se deben evitar: Crer que os fillos o saben todo sobre Internet e que non temos nada que ensinarlles.
  • Algunhas claves: Educar nas novas tecnoloxías desde os primeiros anos de vida, acompañándoos nese proceso e axudándoos a manexarse con seguridade e responsabilidade.
  • Para saber máis: «Cariño, conectei aos nenos». Esta guía de saúde dixital de Guillermo Cánovas pretende facilitar a pais e educadores unha ferramenta práctica para afrontar con éxito a relación dos menores con móbiles, tabletas e Internet: http://guiasaluddigital.com/