Un espectáculo no mar

Antonio Sandoval asandovalrey@gmail.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

Pablo Gutiérrez

Miles de aves oceánicas pasan cada outono fronte a Galicia nas súas migracións

08 oct 2014 . Actualizado a las 11:49 h.

Un dos espectáculos da natureza máis impresionantes de Europa, a migración outonal das aves oceánicas, ten en Galicia o mellor balcón desde o que disfrutalo. Por iso cada ano son máis os afeccionados estranxeiros que acoden aos nosos cabos nestas datas para sentar a mirar o mar cos seus prismáticos e telescopios. Fronte a esas atalaias contémplase moitos días o paso de bandadas de aves que tanto veñen de lugares moi remotos como acoden a outros non menos afastados. Para elas parecen non existir as distancias.

Algúns días de vento do norte ou do noroeste, desde promontorios como Estaca de Bares, no extremo norte da provincia da Coruña e de España, a cantidade de exemplares en movemento sobre o océano é extraordinaria. Algunhas das especies pasan como verdadeiros ríos de aves, un fluxo que non cesa desde o amencer ata o atardecer. Outras forman apertadas bandadas. Outras máis voan en solitario. Quen alí as contan para estudar as súas migracións suman ao final desas xornadas cifras sen apenas comparación noutros cabos de Europa.

Ninguén debería perderse un espectáculo así. Outubro é un estupendo mes para gozalo. Basta con elixir un día de vento adecuado, que sopre de mar a terra para achegar as bandadas. E entón decidir a que cabo ir. O mellor é Estaca de Bares, pero outros como o cabo Burela, o de San Adrián (Malpica), ou os de Vilán (Camariñas), Touriñán (Muxía) e Silleiro (Baiona), entre outros, son tamén excelentes.

Todo canto necesitas é levar uns prismáticos, roupa de abrigo para o vento, auga e comida e un asento cómodo se non che apetece sentar directamente na herba ou nunha roca. Se podes conseguir un telescopio terrestre, mellor. Así poderás ver as aves máis afastadas. E non esquezas unha guía de aves, para identificar as que vaias vendo.

Os que máis chamarán a túa atención serán os mascatos. Os adultos son moi grandes e brancos, cos extremos das ás negros e a cabeza amarela. Os mozos son de cor chocolate. Hai días en que pasan centos e incluso miles deles cada hora. As bandadas de pentumeiros, patos moi negros que forman veloces e escuros grupos, tamén che resultarán moi fáciles de recoñecer. O mesmo que as de carráns, máis lentas e dispersas, e formadas por aves menores que as gaivotas, de ás grises que parecen case brancas de lonxe. As pardelas, de dorso escuro, voan alternando os planeos e aletexos entre as ondas. As palleiras parecen aves rapaces de ás afiadas. Adoitan atacar ás outras aves para roubarlles a comida.

Ao observar estas aves, pensa en como as súas viaxes son unha demostración máis de que este planeta é un fogar único, e as fronteiras entre países unha mera convención política froito da historia da humanidade. As súas idas e vidas polos océanos son unha boa ocasión para reflexionar ademais sobre moitas outras cousas, como o misterio da súa capacidade de orientación e da nosa fascinación por este tipo de fenómenos naturais.

> PARA SABER MÁIS

n Enciclopedia de las Aves de España: www.enciclopediadelasaves.es

n Sociedad Española de Ornitología SEO/BirdLife: www.seo.org

n Sociedade Galega de Ornitoloxía: www.sgosgo.org

n Paso de aves mariñas por Estaca de Bares: www.seawatchingtestaca.com

n Páxina web do fotógrafo de aves Pablo Gutiérrez: http://travellingbirds.blogspot.com.es/