Cincuenta anos do asasinato de JFK

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

HANDOUT

O presidente de Estados Unidos foi abatido a tiros o 22 de novembro de 1963 nunha xira electoral por Texas

18 nov 2013 . Actualizado a las 17:33 h.

Os acontecementos que se sucederon en Dallas no breve período de tempo que vai desde o 22 ao 24 de novembro de 1963 non só parecen incribles, senón que foron os primeiros pasos que introduciron a todo aquel país, e con el a todo o mundo, nunha época marcadas por graves turbulencias e revoltas.

Un mozo John Fitzgerald Kennedy chegara á presidencia en 1961, creando ao seu redor grandes esperanzas. A batalla electoral con Nixon fora encarnizada, e a vitoria, por moi escasa marxe. Kennedy enfrontárase con éxito ao inconveniente do seu catolicismo. Nunca houbera ningún presidente que non fose protestante e iso era sentido como unha grave ameaza para moitos. A súa elección converteuse así nunha superación do medo. Kennedy venceu anunciando a promesa dun futuro mellor no que el chamou a Nova Fronteira. Os Estados Unidos forxáranse como nación vencendo unha fronteira física na súa expansión cara ao Oeste. El propuxo aos norteamericanos loitar por superar unha nova fronteira, esta vez moral, a da igualdade e o progreso. No seu discurso inaugural dixera: «Non preguntes o que o teu país pode facer por ti; pregunta o que ti podes facer polo teu país». No seu programa estaba conseguir o acceso e a igualdade de todos na educación, mellorar a atención sanitaria e pór fin á discriminación racial. Era un ambicioso programa que podía producir un cambio histórico na sociedade norteamericana.

Historia do crime

Pero todo aquilo tivo un final inesperado e traumático o 22 de novembro de 1963. Chegaba Kennedy a Dallas nunha xira electoral por Texas, porque o ano seguinte serían as eleccións. A comitiva presidencial circulaba lentamente polas rúas principais. Kennedy e a súa muller, Jacqueline, compartían o coche co gobernador Connally e a súa esposa. Soaron uns disparos; unha bala atravesou as costas do presidente, cerca do pescozo, e outra lle esnaquizou a cabeza. O gobernador de Texas tamén resultou gravemente ferido.

Un home chamado Lee Harwey Oswald foi detido unha hora e media despois, nun cine. Acababa de matar a un policía que tratou de identificalo. Este home foi acusado de ser o único francotirador responsable dos disparos que puxeran fin á vida do presidente. Realizounos desde a fiestra dun depósito de libros no que traballaba. Norteamérica e o mundo enteiro acolleron a noticia con estupor e preparáronse para vivir o funeral do presidente asasinado, unha das cerimonias máis emotivas do século XX. Pero as sorpresas non terminaron aí. Lee Harvey Oswald fora ingresado no primeiro momento en dependencias policiais do Concello pola policía local e debía ser trasladado ao cárcere do condado, máis seguro. O cambio organizouse para o día 24, pero non se tomaron as medidas de precaución máis elementais. A zona pola que debería pasar o prisioneiro estaba ateigada de xornalistas e de público sen identificar.

Cuando dous policías saíron, levando a Oswald en medio, achegouse a eles o dono dun cabaret, Jack Rubi. Armado cun revólver, disparou dous tiros sobre el. Todo no máis rigoroso directo da televisión. Deste xeito o mundo foi testemuña de como o presunto asasino era silenciado para sempre.

As sospeitas inacabables

Desde entón a controversia sobre o magnicidio non tivo fin. A versión oficial, certificada pola chamada Comisión Warren, que recibiu o encargo de investigar todo o ocorrido, estableceu que tanto o asasino do presidente, Lee Harvey Oswald, como o seu propio asasino, Jack Rudi, actuaran de modo independente, por propia iniciativa. Todo fora obra de dous exaltados incontrolados.

Con todo, moitos outros viron unha conspiración que implicaba no asasinato do presidente a máis tiradores e a poderosos grupos de opositores políticos aos programas de Kennedy. Aínda hoxe, cincuenta anos despois, non se disiparon as sospeitas e o tema volve de forma recorrente ás primeiras páxinas dos xornais.

As datas máis importantes da súa presidencia

É posible que a clave para despexar todas as incógnitas estea nos acontecementos históricos que se viviron durante a curta carreira presidencial de Kennedy. Entre eles destacamos os seguintes como máis importantes:

Invasión de Cuba. O 15 de abril de 1961 produciuse un intento errado de invasión da illa de Cuba por tropas anticastristas axudadas polos Estados Unidos. Algúns botaron a culpa do fracaso ao presidente Kennedy porque recortou as axudas militares inicialmente planeadas.

Viaxe á Lúa. O 25 de maio de 1961, Kennedy empeñou a súa palabra ante o Congreso de que a NASA poría un home na Lúa antes de que terminase a década. Comezara a carreira espacial e, aínda que a vantaxe inicial era da URSS, o obxectivo de Kennedy cumpriuse o 20 de xullo de 1969.

O muro de Berlín. O 13 de agosto de 1961, a República Democrática de Alemaña sorprendeu coa construción a medianoite dun muro que dividía Berlín en dúas zonas absolutamente incomunicadas entre si. O 26 de xuño de 1963, Kennedy pronunciou en Berlín un famoso discurso no que el mesmo se definía como un berlinés.

Loita polos dereitos civís. O 1 de outubro de 1962 James Meredith, o primeiro estudante negro da Universidade de Misisipi presentouse no campus para formalizar a súa matrícula e foi rexeitado por manifestantes brancos e pola policía enviada polo gobernador. Kennedy respondeu ocupando a Universidade coa Garda Nacional e o Exército para obrigar á policía local e aos manifestantes a retirarse. A integración racial se levaría a cabo aínda que fose necesario utilizar as tropas.

Crisis dos mísiles. O 15 de outubro de 1962 estalou a crise dos mísiles entre Estados Unidos e a URSS que puxo ao mundo ao bordo da terceira guerra de mundial. Estados Unidos descubriu mediante a acción de avións espías que a URSS estaba a montar en territorio cubano ramplas de lanzamento de mísiles con cabezas nucleares. Kennedy ordenou o bloqueo inmediato da illa e enviou un ultimato a Kruschev esixindo o desmantelamento das ramplas. O mundo nunca estivo tan preto da terceira guerra mundial.

A trampa de Vietnam. Kennedy continuou coa axuda iniciada polo anterior presidente Eisenhower na loita de Vietnam contra o réxime comunista de Ho Chi Minh, en Vietnam do Norte. Durante o seu mandato, os soldados americanos estiveron alí en calidade de asesores militares, pero alcanzaron a cifra de 60.000. A implicación faríase moito maior en tempos do seu sucesor, o presidente Johnson.

Actividades

1. Completade, investigando en Internet, as diversas teorías que aparecen sobre o asasinato do presidente Kennedy. Debatede sobre cal vos parece máis críble.

2. A familia de John F. Kennedy constitúe unha saga de grandes e influentes políticos en Estados Unidos. Facede unha relación de todos eles e investigade que cousas importantes fixo cada un.