Proxectos escolares galegos

Jesús Garrido cursosrepeducador.es

CIENCIA

O 31 de maio, 60 profesores participantes nos 9 proxectos seleccionados na convocatoria de proxectos escolares educaBarrié compartiron metodoloxías e experiencias na sede da Fundación Barrié na Coruña. Os traballos abarcan distintos aspectos do patrimonio galego e da ciencia nos ámbitos rural e urbano e varios deles son iniciativas pioneiras no noso país en innovación didáctica e vangarda tecnolóxica. Presentamos algunhas nesta páxina.

12 jun 2013 . Actualizado a las 07:07 h.

1. REALIDADE AUMENTADA

IES Sabón-Ponte dos Brozos

Os alumnos de primaria xeolocalizaron e desenvolveron materiais en 3D e realidade aumentada estudando os monumentos castrexos e romanos da zona. Os alumnos da ESO, desenvolveron un percorrido literario xeolocalizado, baseado en audioguías en varios idiomas (francés, inglés, castelán e lingua de signos) nos lugares de interese na vida e obra de Manuel Murguía e Emilia Pardo Bazán. Os alumnos de ESO elaboraron unha serie en inglés e galego sobre nubes e especies do medio intermareal e fluvial. Todo iso cun forte carácter audiovisual, de vídeos nos dous idiomas, e tecnolóxico: uso de tabletas e móbiles, códigos QR, e programas de realidade aumentada.

2. SOBRE GALICIA INDUSTRIAL

Proxecto de tecnoloxía

Desenvolvido polas profesoras de Tecnoloxía e alumnos de ESO dos centros IES Menéndez Pidal, IES Salvador de Madariaga e IES Agra do Orzán da Coruña que, partindo do estudo dos materiais da exposición Galicia industrial pon en valor o patrimonio industrial galego, e profunda nos oficios e profesións así como na tecnoloxía e a industria.

3. AS BARXAS EMPRENDE: PRODUTORA AV

Produtora audiovisual

Unha actividade interdisciplinar e creativa que pretende fomentar a cultura emprendedora na educación secundaria a través da cultura audiovisual. Vídeos, curtos de cine, videopoemas, programas de televisión e tutoriais de todas as técnicas utilizadas.

4. POSIBILIDADES DA ROBÓTICA

CPI Dos Dices

Experiencia pioneira de introdución da robótica, desde educación infantil ata 4.º de primaria, no que os nenos montan e programan os seus propios robots. Estes robots son logo utilizados polas profesoras para ensinar matemáticas, aprenderlles aos nenos vocabulario en inglés e introducir a programación desde os primeiros anos.

5. PROXÉCTATE CONNOSCO

Manolo o morcego curioso e os faros de Galicia

Proxéctate connosco forma parte da serie As aventuras de Manolo, o morcego curioso. Trátase dunha coprodución entre alumnado de educación infantil e primaria: As anduriñas do val, do CEIP Manuel Sieiro (de Crecente, Pontevedra), Os ratiños do Milladoiro, da EEI Milladoiro (Ames, A Coruña) e Os golfiños do Miño, do CPR Luis Vives (Ourense).

6. A CIDADE GALEGA DOS MÚSICOS

Barrios musicais

Os alumnos e profesores de música do IES Ramón Otero Pedrayo (A Coruña), IES As Telleiras (Narón) e CPI Monte Caxado (As Pontes), coa colaboración do departamento de Composición (área didáctica de Expresión Musical) da Universidade da Coruña, deseñaron unha cidade a partir de imaxes de edificios de diferentes poboacións de Galicia. A cidade está constituída por distintos barrios que recollen a evolución da música culta: barrio medieval, barrio da idade moderna, barrio decimonónico, barrio do modernismo, barrio das décadas centrais do século XX e barrio actual.

7. TITANIA, S. A.

ConCiencia do noso pasado

ConCiencia é un proxecto coordinado pola Fundación Pondal e os centros educativos que participan nel, desde os niveis de educación infantil ata bacharelato, da zona de Cabana de Bergantiños, para a revalorización do patrimonio natural e cultural ao redor da figura de Isidro Parga Pondal, aproveitando o 50.º aniversario do peche da mina Titania, S. A. Máis de mil cen alumnos e cen profesores participaron en charlas, excursións e múltiples actividades sobre este tema.