O vaso medio baleiro... ou medio cheo

> Ana T. Jack anatjack@edu.xunta.es

LA VOZ DE LA ESCUELA

PILI PROL

Reforzar condutas adecuadas é máis efectivo que castigar as inadecuadas

17 abr 2013 . Actualizado a las 12:15 h.

Miguel levantouse á súa hora, duchouse, axudou á súa nai a pór o almorzo e intentou charlar con ela acerca dun libro que lle está gustando moito. A súa nai, leada coas tarefas matutinas, non lle fixo demasiado caso. Ata que lle oe pelexarse, medio de broma medio en serio, coa súa irmá pequena. Entón si, reacciona e rifa con determinación: «¡Miguel, deixa á túa irmá en paz, que sempre estás igual! Debería de darche vergoña, nin que foses un bebé».

Os adultos tendemos a fixarnos máis nas condutas inapropiadas dos nenos que nas correctas. É dicir, ignoramos todo aquilo que fan ben, dando por feito que é o normal, e centramos toda a nosa atención nas condutas indesexables. O malo é que desta forma, e co tempo, no canto de extinguir os comportamentos inapropiados tendemos a reforzalos. «Como cambiou Miguel ?poida que estea dicindo a súa nai dentro dun tempo?. Antes axudábame moitísimo en casa, encantáballe ler, era responsable... Agora non hai xeito de que mova un dedo».

Está demostrado que dá mellores resultados ignorar as condutas inadecuadas (sempre que non excedan o límite do admisible, porque entón habería que recorrer ao castigo) e atender ás que queremos que se repitan. E non ao revés. De feito, os premios ou reforzadores positivos máis potentes que existen, moi por encima dos agasallos materiais, son:

1. A atención. Esta estratexia, que a primeira vista pode parecer demasiado básica, é a máis eficaz que existe para conseguir os comportamentos adecuados nos nenos. É dicir, hai que miralo, falarlles, chiscarlles un ollo ou sorrirlles cando se están portando ben. E mirar para outro lado cando gritan, se encaprichan con algo ou choromican. Isto non quere dicir que haxa que estar a lles atender todo o tempo. Un exceso de supervisión e control impide o desenvolvemento da autonomía e madurez persoal. E tampouco se trata diso.

2. O encomio. «Grazas por axudarme a pór a mesa», «Estou moi contento porque hoxe che puxeches afacer os deberes sen ter que avisarche». Con este tipo de encomios específicos estamos a dicirlles, exactamente, o comportamento que queremos deles. Outro tipo de comentarios máis xerais, como «Síntome moi orgulloso de ti» ou «Parabéns polo comportamento que tiveches esta semana», tamén reforza a conduta positiva e a autoestima.

Iso si, non vale utilizar o encomio de xeito esaxerado nin indiscriminado, porque os nenos son os primeiros en darse conta de que non é verdade o que oen de boca dos seus pais. Por exemplo, se sempre escoitan «Campión, es o mellor», ante as súas pequenas vitorias pero tamén ante os seus fracasos, esas palabras perderán toda a súa eficacia. Para que o encomio sexa efectivo debe cumprir varios requisitos:

n Ten que ser descritiva: «Gústame moito como ordenaches a túa roupa».

n Deben ser comentarios positivos e motivadores: «¡Fíxate, fixeches a redacción cunha letra preciosa, e ademais sen borróns! ¡Estupendo!».

n Debe centrarse en condutas en aparencia pouco importantes: sentarse á mesa correctamente, pórse a facer os deberes, asearse só...

n Deben evitar o sarcasmo: «¡Puxeches a mesa, non mo podo crer!».

n Sen incluír referencias de condutas negativas no pasado: «Hoxe portácheste ben, non como onte, que estabas inaguantable».

n Poden expresar satisfacción por que non apareceu a conduta inadecuada: «Estou orgulloso de ti porque non saltaches no sofá».

n E sen peros: non se pode encomiar dicindo «Ben, pero...». Sería prestar máis atención á crítica que ao encomio. É certo que moitas veces os nenos, na mesma tarefa, fan unhas cousas ben e outras mal. O adecuado é encomiar o que fan ben ou que tenden a estar ben. Despois fáiselle a indicación daquilo que ten que mellorar: «Hoxe puxeches os pratos e os vasos moi ben. Mira, o coitelo ponse á dereita do prato e o garfo á esquerda, así, moi ben».

n Esta estratexia pode combinarse co uso de recompensas materiais ou afectivas.

3. O contacto físico. Este tipo de reforzo é tremendamente poderoso e fácil de realizar. É moi importante abrazar e bicar aos fillos, sentarse con eles, darlles palmadiñas cariñosas, despeitealos, facerlles cóxegas...