Un ano de ciencia por diante

> Susana Pérez

LA VOZ DE LA ESCUELA

A revista «New Scientist» publica a principios de ano a lista das dez ideas científicas que destacarán no 2013

30 ene 2013 . Actualizado a las 12:59 h.

Xa en xaneiro de 2012 a publicación sinalou a procura do bosón de Higgs, unha escorregadiza partícula subatómica, como un dos máis probables achados do ano. E así foi, xa que no mes de xullo os físicos do laboratorio de partículas CERN, en Suíza, puideron anunciar o seu descubrimento, 40 anos despois de que se expuxese a súa teórica existencia.

Para este 2013 un dos feitos científicos que se espera que teña máis relevancia, no que ao clima se refire, é o desxeo do Ártico, superando incluso en protagonismo ao quecemento global. Os rexistros de récord de desxeo do verán pasado confirmarían unha tendencia que xa se vén observando desde hai 30 anos, a dun aumento progresivo da su1perficie de xeo mariño que se derrete na época estival. A rexión ártica adoitaba estar cuberta de xeo a maior parte do ano; perdía no verán máis ou menos a metade da súa extensión debido ao desxeo, e recuperábaa ao finalizar a estación cálida. Pero os datos de observación dos satélites constataron que a superficie de xeo derretida é cada ano maior, e que nun momento concreto de xullo de 2012 chegou a alcanzar o 97 por cento, un preocupante récord.

Supercometa á vista

Este ano terá lugar tamén un acontecemento astronómico singular, pois se espera o avistamento dun cometa que no seu pico de maior intensidade podería brillar máis que a Lúa. Trátase do cometa C/2012 S1, ou ISON. Dous astrónomos rusos descubrírono no mes de setembro pasado, rastrexaron a súa ruta e calcularon a súa traxectoria. Así, dete rminaron que avanza case directamente cara ao Sol, e que entre o 28 e 29 de decembro pasará a menos de 2 millóns de quilómetros del. Nese momento, podería desenvolver unha ampla cola moi luminosa, que superaría en brillo á lúa chea. De todas as maneiras, haberá que esperar a esa data e ver se se confirma a predición, xa que o comportamento dos cometas, como recordan os astrónomos, ás veces é impredicible.

A exploración de Marte

A aterraxe da sonda Curiosity en Marte o pasado agosto foi outra das noticias con maior impacto no 2012. Pero a súa misión non finalizou aínda, e alí continúa percorrendo o terreo e realizando as tarefas para as que foi programada. Espérase que en setembro deste ano chegue á base dunha montaña, Aeolis Mons, que os científicos consideran o mellor candidato para conservar signos da existencia de vida neste planeta.

E ademais?

Os paleontólogos dirixirán a súa mirada cara a Asia na procura das orixes da especie humana; o recente achado nesa rexión do planeta de fósiles dun primate antropomorfo, ao que se lle calcula unha idade de 37 millóns de anos, apunta á posibilidade de que fose nese continente onde se orixinou a nosa especie, e non en África, como ata agora se pensou.

Tamén a investigación biomédica prevé para este ano o primeiro ensaio nunha persoa con células nai reprogramadas a partir de células adultas; constituiría un fito na capacidade de xerar tecidos, ou incluso órganos, a partir de células propias.

n Descobre o resto das dez ideas na dirección: http://www.newscientist.com/special/smart-guide-2013