Google tamén fala en esperanto

Carlos Ocampo - carlos.ocampo@lavoz.es

LA VOZ DE LA ESCUELA

RICARDO SUAREZ

O metabuscador máis empregado do mundo facilita unha ferramenta de tradución a esta lingua

04 may 2012 . Actualizado a las 17:40 h.

Os máis expertos en navegación virtual seguramente coñecen unha das habilidades de Google, o metabuscador de Internet máis empregado no mundo: a de detectar a lingua na que está escrita unha páxina web e propor o usuario a súa tradución automática á lingua na que está empregando por defecto o seu buscador. Vale, é certo que non funciona perfectamente, dá unha pista do que di o texto traducido.

Se, por exemplo, queres saber como van as primarias en Estados Unidos e buscas a web do candidato Mitt Romney, atoparala, evidentemente, en inglés. Pero podes obter unha tradución ao galego e, aínda que non sexa boa (pois se len cousas como «ver unha problema» ou algunhas frases sen traducir), o certo é que a ferramenta pódenos sacar do paso.

Unha tecnoloxía nova

Pero ¿a que se deben os erros de tradución? Igual estamos afeitos a que as cousas funcionen ben sen dármonos conta da súa complexidade. A facilidade coa que poñemos en marcha un motor e viaxamos sobre catro rodas, quentiños ou frescos segundo queiramos, escoitando música e guiados polos mapas do GPS non nos debería esquecer que todo comezou con máquinas que ían pouco más rápido co paso do home, imposibles de manexar sen saber mecánica e incapaces de percorrer distancias que para un tiro de cabalos non eran problema.

A tradución automática que hai detrás de enxeños como o de Google para servir textos noutra lingua non ten máis que algúns anos e... ¡xa lle estamos esixindo máis ca a un Ferrari! Aínda que nos anos cincuenta fixéranse experimentos con éxito, o desenvolvemento consistente da tradución mediante ordenador chegou nos oitenta coa popularización do pecé.

A principal dificultade para obter unha boa tradución ten a súa causa na natureza das linguas naturais, que son en si mesmas polisémicas, ambiguas e inexactas. En realidade, e exceptuando talvez algúns textos formais, cada vez que escoitamos o que nos di outra persoa facemos un exercicio de interpretación completamente creativo, que comeza por poñer en xogo o noso coñecemento do mundo, e da situación comunicativa e o emisor, e toda a nosa capacidade de relacionar o que escoitamos co que xa se ten dito para contextualizar a mensaxe. Esta multitarea permítenos desfacer en fraccións de segundo ambigüidades, reducir polisemias e solucionar homonimias, amais de completar os déficits informativos, nada infrecuentes.

E aínda nos queda por resolver a cuestión da capacidade prevaricadora da linguaxe, é dicir, captar o sentido das ironías, das indirectas, dos xogos de palabras ou das simples falacias e..., como non, valorar a emotividade do emisor. Fenómenos todos eles que afectan non só ás palabras, senón tamén a construcións maiores como sintagmas e oracións, e mesmo á entoación.

Por outra banda, un tradutor non se pode considerar acabado nunca, pois as linguas evolucionan. Cando as linguas que se traducen son similares (como pode ocorrer co galego e o español), estes cambios non teñen tanta importancia, porque as novas palabras poden ser parecidas nas dúas e a evolución sintácticas vai más despezo. Pero, con linguas moi diferentes entre si, a cousa cambia.

Pode desanimar o que queda por facer no eido da tradución automática, desde logo, pero tamén podemos pensar que o home pisou a Lúa e máis ou menos chegou a Marte.