Castróns 1923, o celtismo que non baixa da burra

ZONA CELESTE

CEDIDA

A peña con sede no triángulo entre Salceda, Porriño e Tui leva ese nome pola paixón dos seus membros polo Celta y a súa vehemencia á hora de defender as súas posturas

08 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Din que viven o celtismo sobre todo «con paixón, ás veces mesmo en exceso». E de aí, da característica que mellor os define, vén o nome da peña Castróns 1923, creada hai un par de anos, pero con orixe na etapa de Segunda. «Poñémonos moi tercos nas nosas posicións á hora de opinar sobre os xogadores, sobre unha determinada proposta do adestrador... Ninguén baixa da burra, poñémonos castróns e de dicírnolo os uns aos outros quedou ese nome», revela o seu presidente, Pablo González.

A peña inaugurouse no 2015 tras tempo en funcionamento
A peña inaugurouse no 2015 tras tempo en funcionamento

O nacemento desta agrupación comezou a xestarse «ao ano seguinte dos goles de Aspas para a salvación de baixar a Segunda B». Pero daquela xa eran xente que levaba anos acudindo xuntos a Balaídos. «Pensamos que se nos xuntabamos podiamos ter algunha vantaxe. Somos todos do triángulo Salceda-Porriño-Tui, aínda que tamén hai celtistas de Tomiño, de Salvaterra, de Caldelas... Hai un bar onde coincidimos, o Antoxo, que convertemos na nosa sede», sinala.

Na actualidade son arredor de 50 peñistas, 30 dos cales son aboados. «Fomos cinco amigos os que impulsamos a peña. Pero desde que empezamos a barallar o tema ata que a montamos pasou tempo. E cando a inauguramos -en maio do 2015, coa presenza de Sergio e Álex López- xa levabamos dous anos en funcionamento», lembra. A súa media de idade anda polos 35 anos, aínda que teñen adolescentes e tamén xente que supera os 50.

Os membros son na súa meirande parte da comarca da Louriña
Os membros son na súa meirande parte da comarca da Louriña

Os peñistas que son aboados acoden sempre a Balaídos. Ademais, non fan un uso indiscriminado dos carnés da peña, senón que lles dan unha función moi concreta que é outra das cousas que lles caracterizan. «Prestámolos a estudantes e a persoas que están desempregadas; normalmente sempre son para eles». É a súa maneira de «dinfudir o celtismo», obxectivo último co que puxeron en marcha a peña, especialmente entre aquelas persoas con menos dispoñibilidade económica.

Son habituais na súa rutina como peña as ceas de confraternidade -«sempre contanto co horario do partido para velo antes ou despois»- e tamén os desprazamentos. Aínda que nos últimos tempos están tendo trabas para manter algúns dos seus clásicos. «Un era Vallecas, que co equipo en Segunda xa nada, e despois Bilbao, que co horario que temos este ano tampouco». Están á espera do derbi, no que tamén estiveron presentes a pasada campaña. Tamén lles queda a espiña de Europa. «Por motivos laborais non puidemos ir a ningún partido, a ver se máis adiante en caso de clasificarnos».

No bar onde se reúnen nas ocasións especiais e en calquera partido do Celta xa teñen «un recuncho reservado aparte» que empregan en exclusividade e que encheron de bandeiras e de bunfandas do resto das peñas. «Penso que das máis activas, das que van normalmente a Balaídos, xa as temos todas. Xa perdemos a conta», presume. Fóra do establecemento hai pintado un escudo do Celta e que vaia alí á hora dun partido xa sabe o que vai atopar. «Todo o mundo sabe cal é o que equipo que ten preferencia e se buscan outra cousa non veñen porque saben que non é o seu sitio».

Lembra Pablo González que son da terra de Jonathan Vila e por iso o xogador é un dos excélticos aos que máis agarimo lles gardan. «Tamén Denis pasou algunha vez polo noso bar antes de marchar a Barcelona. Logo tamén lle temos cariño a Álex López, a Sergio... E dos de fora non é que teñamos ningún fetiche, pero lémbrome moito de Gudelj e Ratkovic e dos máis recentes, Nolito ou Guidetti». Ata hai pouco, admite, facían «quinielas» sobre cando lles faría unha visita Hugo Mallo, outro dos seus predilectos e outro o obxectivo cumprido.