Allariz Celeste, celtismo en forma de vídeo como carta de presentación

A localidade ourensá quedara sen peña celtista no 2012, pero xa ten unha nova que en pouco tempo se fixo un oco na familia celtista coas súas iniciativas audiovisuais

.

Vigo

As peñas que nacen nos últimos anos no seo do celtismo fano con ganas de sumar, e non só en número. Un exemplo é Allariz Celeste, colectivo ideado hai aproximadamente dous anos e xurdido hai un que neste tempo xa logrou converterse nunha agrupación moi recoñecible. E unha parte importante da culpa tena Diego Rodríguez Losada, autor de varios vídeos pensados para alentar ao celtismo e que teñen adquirido gran trascendencia.

.

«O balance deste tempo que levamos e moi positivo e o traballo de Diego axudou moitísimo», explica o seu presidente, Pablo Feijoo, sobre un dos seus socios máis activos pese a vivir o celtismo na distancia por estar estudando en Madrid. «Primeiro fixo un vídeo con motivo do derbi e hai pouco outro no que recompilou todos os derbis da tempada. Grazas ao seu esforzo puidemos darnos a coñecer máis entre o resto das peñas e entre o celtismo», agradécelle o seu compañeiro.

Pero non só se fan notar na rede e en modo online. O celtismo inunda en cada partido a súa sede, O Recuncho de Arnoia, e tamén acoden a Balaídos sempre que poden. Mesmo teñen viaxado a algúns desprazamentos do equipo co outras peñas da zona, unha colaboración que lles gustaría que fose máis alá. «Cremos que entre a nosa peña, Cigarrón de Verín, Cualedro ou as dúas de Ribadavia, entr outras, poderiamos encher un bus e é algo que nos gustaría intentar», subliña.

.

Allariz Celeste recolleu a testemuña da desaparecida Peña Alaricana, que caeu na inactividade tras un bo puñado de anos hai aproximadamente tres. «Eran xente maior e ao final cada un ten as súas cousas, así que se acabou deixando», sinala. Agora, uns cantos deses membros se integraron na nova peña, que xurdiu con enerxías renovadas. «Hai dous anos fixemos un grupo de WhatsApp de celtistas da vila, empezamos a falar da posibilidade de xuntarnos e formar unha peña e moi pouco a pouco fomos sumando». Agora son arredor de 25, a meirande parte entre 20 e 30 anos. «Ás veces temos as nosas discusións -confiesa-, pero ao final todo é Celta».

Entre os antigos membros que agora forman piña cos novos está o pai de Pablo. «No meu caso, o celtismo venme del, que desde pequeño me meteu o gusanillo e somos celtistas os cinco que somos na casa», revela. E engade que en Allariz o celtismo non é algo maioritario -tampouco o deportivismo, aínda que hai peña coa que teñen boa relación-. «Aquí pasa coma en todos lados, a maioría son do Madrid e do Barcelona. Despois, entre os que si son celtistas, tampouco todos se animan co tema da peña».

.

En adiante queren seguir facendo vídeos e dándose a coñecer como peña, pero cun fin último moi definido: «Queremos fomentar o celtismo entre a xente da zona e ser cada vez máis se se pode». Seguen dando pequenos pasos para medrar e o último e máis recente foi contar por fin coas bufandas que levaban tempo esperando. Un ano despois do seu nacemento -ou renacemento do celtismo federado en Allariz-, están convecidos de que isto non fixo máis que empezar.

.
Votación
0 votos
Comentarios