O Gato, a peña que un porteiro chamado a ser centenario «merecía»

ZONA CELESTE

Familiares e amigos de Sergio nutren a peña xunto con máis veciños de Catoira e arredores
Familiares e amigos de Sergio nutren a peña xunto con máis veciños de Catoira e arredores MONICA IRAGO

O colectivo de Catoira que leva o nome de Sergio ten catro anos de vida e vén de vivir un momento moi especial ao acadar o gardameta os cen encontros co primeiro equipo

22 mar 2016 . Actualizado a las 10:27 h.

O neno que non moito despois de comezar a camiñar xa xogaba ao fútbol co seu irmán José chegou o domingo aos cen partidos do Celta en Primeira. É o porteiro do equipo, Sergio Álvarez, e ese irmán que desde cativo xogaba con el e co balón, José, foi quen xa moito antes, no 2011, decidiu que o gardameta merecía ter a súa propia peña, Sergio Álvarez, O Gato, polo alcume que lle puxo un compañeiro no Arousa «por como estaba sempre a tirarse», lembra José.

Sergio, rodeado de canteiráns do equipo na inauguración da peña, en febreiro do 2011
Sergio, rodeado de canteiráns do equipo na inauguración da peña, en febreiro do 2011 R. C. CELTA

Cando o irmán maior de Sergio fala dos cen partidos, da peña e de todo o bo que lle foi pasando a Sergio nos últimos anos da súa carreira futbolística non se cansa de repetir unha palabra: «Meréceo». Convencidos diso, el e máis un grupo de familiares e amigos, arredor de oito persoas, decidiron crear o colectivo que leva o seu nome. «Anímanonos entre varios e aínda que foi bastante papeleo e follón, por el tiñamos que facelo. Pensamos que se outros xogadores do equipo tiñan as súas peñas, el non podía ser menos».

A súa é a primeira peña celtista de Catoira, polo menos que José teña noticia. Pero aínda que está claro que a presenza do Gato no equipo foi un impulso para o celtismo na vila, alí sempre se respirou un ambiente celtista. «Hai moita tradición. De feito temos xente que me fala de que coñeceu a Revivo e de xogadores de hai moito tempo», di. A proba é que, aínda que na peña hai moitos parentes e amigos de Sergio, os integrantes van moito máis alá, chegando á cifra de 200 veciños do pobo e arredores que a convirten nunha das peñas celtistas máis multitudinarias. «Uns cantos si que somos, ¡non nos podemos queixar!», sinala Álvarez.

Pancarta da peña en Balaídos, onde sempre están representados cando hai partido
Pancarta da peña en Balaídos, onde sempre están representados cando hai partido CEDIDA - TWITTER

Entre tanta xente, hai un pouco de todo. Desde os máis cativos -o menor ten catro anos- ata os maiores. «Pois podo dicirche unha idade, ¡pero non sei cal terán os máis vellos!», recoñece divertido. Quizais non os máis vellos, pero si os máis orgullosos son os avós de ambos, José e Evangelina, que acoden a Balaídos a ver en directo ao neto. «Estivemos hai uns días de visita en Vigo e eles disfrutano moito, como toda a familia», conta o irmán de Sergio.

O propio José asegura que acaban de vivir un momento moi especial ao ver como o meta celeste acadaba a cifra dos cen partidos co primeiro equipo. «É moi emocionante ver que chega a ese número. Pero eu dígoche ben claro que se está aí é porque o merece», comenta taxante. Aínda que tamén sabe que, malia a telo gañado a pulso, non era doado. «Era imposible imaxinalo. Sabiamos que era bo, que podía chegar alto. Pero estar onde está é un soño para calquera».

MONICA IRAGO

E ese soño chegou non sen atrancos polo camiño, como por exemplo as tempadas nas que non tivo tanto protagonismo e lle tocou sumar partidos, pero no banco. «Un dos obxectivos da peña é estar aí sempre para el apoiándoo e animándoo en todo momento e recordándolle cando fai falta que o mellor sempre está por chegar». De aí que, xa sexa desde Marcador -onde están os peñistas aboados- ou desde a sede da peña -o bar Conde- pensen seguir moi pendentes de Sergio e ser testemuñas de moitos máis soños cumpridos.

Sergio e o seu irmán, José, xogaban xuntos ao fútbol desde moi cativos
Sergio e o seu irmán, José, xogaban xuntos ao fútbol desde moi cativos