A peña ten actualmente arredor de 30 membros

Ribeiro, celtismo entre callos e mexillóns

A peña de Ribadavia, fundada hai dous anos, caracterízase por desfrutar da súa afección entre boa comida


Vigo

Celtistas de sempre, aos membros fundadores da Peña Celtista do Ribeiro «o mundillo das peñas» éralles «completamente alleo», como lembra o seu hoxe vicepresidente, Tomás Cibeira. Pero en certo modo xa funcionaban como tal antes de selo: viaxando a Vigo para cada partido en Balaídos e facendo a previa no arredores do estadio. Alí, no Sobran os motivos -sede de varios colectivos celtistas, incluido o homónimo- foi onde lles deron a idea.

«O camareiro, Carlos, sempre nos dicía que por que non faciamos unha peña. A verdade é que tampouco é que nos tivese que insistir moito», rememora divertido. Crían que todo aquilo ía ser máis complicado do que realmente lles resultou, pero tamén debido en boa parte a que contaron con axuda. «Tamén el nos guiou cos trámites e durante a tempada de Luis Enrique comezamos xa a funcionar como peña oficial», di.

Asegura Cibeira que como son unha peña aínda nova, non teñen «moito que contar», pero deseguido comeza a ir revelando detalles que conforman a historia dunha agrupación xa perfectamente integrada na familia celtista. «Ao principio non coñeciamos a ninguén, pero agora todo é moi diferente. Xa pasamos polo The Movie antes do partido para estar con outros peñistas», sinala. O punto de inflexión foron as entradas do derbi do ano pasado. «O feito de que as de fóra non puidesemos acceder a elas creou moita unión». Tamén o torneo de peñas, onde eles teñen ido con dous equipos nas dúas edicións nas que participaron: «Gústanos ver fútbol e tamén nos gusta xogar».

Ampliar imagen

CEDIDAAs comidas están estreitamente vencelladas aos partidos do Celta

Outra cousa que lles gusta e que forma parte da actividade cotiá da peña é gozar de boa comida nos días de partido. Teñen a súa sede no bar A Parra, en Francelos, cuxo dono lles deixa un local enriba do negocio do que dispoñen para eles sós. Alí se xuntan para ver os partidos do equipo a domicilio. «Temos que agradecer ao dono, Óscar, que nos pón callos, paella- Todo pagando só o que bebemos», agradece. Tamén teñen desfrutado de manxares chegados desde algo máis lonxe. Un día tomamos mexilóns que nos mandou Bele, o presidente de Carcamáns», di en referenza ao cabeza visible da peña da Illa.

Polo de agora só teñen organizado unha viaxe, ao Bernabéu o ano pasado, e están tratando de repetir. Non descartan facer máis e de maneira máis habitual no futuro, pero aparte diso adoitan xuntarse con outros colectivos para estar representados en case calquera desprazamento do Celta. «Temos viaxado con Irmandiños, Beretes, Preferencia...». E a Balaídos prefiren ir en coche. «A Peña do Carballiño ás veces leva bus, pero van moi enriba da hora do partido e a nós gústanos moito desfrutar o ambiente das previas».

Ampliar imagen

CEDIDARadoja foi o xogador que os acompañou na súa inauguración

Actualmente andan polos 80 membros, a mayoría entre 20 e 30 anos, máis tamén algúns nenos e persoas maiores. «A seguinte idea que temos é xuntarnos os socios para un partido e unha pulpada a final de tempada, pero aínda temos que concretalo». Unha das maiores festas que tiveron polo momento foi a súa inauguración. «Daquela collemos simpatía a Radoja, que foi o que veu. Non falaba nada de español, pero o que sabía dicir moi ben era «jamón rico»», relata entre gargalladas. É o seu favorito xunto con Guidetti, que os conquistou desde o primeiro día igual que ao resto do celtismo.

Ampliar imagen

CEDIDADispoñen dun local habilitado para os socios

Votación
1 votos
Etiquetas
Zona celeste