Castróns 1923 pasa a engrosar a lista de peñas do Celta

M. V. F. VIGO

ZONA CELESTE

Foto de familia dos membros da peña na inauguración, celebrada onte.
Foto de familia dos membros da peña na inauguración, celebrada onte. CEDIDA

Activo desde hai preto de tres anos, o colectivo con base en Salceda foi inaugurado onte coa presenza de Álex López e Sergio Álvarez

21 may 2015 . Actualizado a las 16:50 h.

Castróns 1923 é desde onte peña oficial do Celta. Está formada por un grupo de amigos de Tui, Porriño e Salceda de Caselas, aínda que é neste último municipio onde teñen a súa sede, que acolleu o acto de inauguración ao que acudiron os xogadores do primeiro equipo Álex López e Sergio Álvarez. «En realidade a peña non é nova, naceu xa no ascenso entre un grupo de amigos de Cerquido, que é onde conflúen os tres concellos», explica o seu presidente, Pablo González. A eles fóronse sumando ademais persoas de Tomiño e Mos, entre outras localidades.

Sergio e Álex acudiron en representación do clube.
Sergio e Álex acudiron en representación do clube.

A demora en oficializar a súa situación veu dada por un cúmulo de circunstancias. «Por unha banda queriamos darlle un aire celtista á nosa sede, o Antoxo -propiedade dun dos directivos-, ter o merchandising listo... Despois estaban os trámites, que estivemos a piques de dar marcha atrás, pero a Federación de Peñas animounos a seguir», comenta. Ademais, tamén quixeron esperar «a que non houbera nada en xogo» para organizar a inauguración.

Un nome que os define

Os integrantes de Castróns 1923 son neste momento arredor dunha trintena, con idades que van desde os 20 aos 40 anos. O nome escollido non é casual. «Temos uns posicionamentos futbolísticos moi claros e sempre retopamos coas mesmas ideas. Se nos poñemos a defender un adestrador determinado ou unha variante táctica, é moi complicado baixarnos da burra», recoñece Pablo.

Castróns leva funcionando de maneira informal preto de tres anos.
Castróns leva funcionando de maneira informal preto de tres anos.

A partir de agora propóñense seguir reunindo a máis castróns coma eles. «Queremos medrar e darnos a coñecer entre o celtismo, sobre todo o da na nosa zona». Tamén lles gustaría seguir viaxando un par de veces ao ano como xa levan feito nas últimas tempadas e, por último, se reúnen á xente suficiente, solicitar o servizo de autobús, xa que a maioría dos compoñentes son aboados do clube.