A homenaxe do Colectivo Nós ao galego máis universal

M. V. F. VIGO

GRADA DE RÍO

CEDIDA

O celtista Alfonso López fotografiou a bufanda da peña na cama onde morreu en Arxentina Castelao, un dos emblemas da agrupación

28 mar 2017 . Actualizado a las 11:53 h.

Cando Alfonso López, membro do Colectivo Nós, programou unha viaxe a Arxentina canda a súa familia tiña claro que entre os lugares que non podía deixar de visitar estaba o Centro Galego de Bos Aires. Na súa equipaxe, como sempre que viaxa, estaba a bufanda da súa peña, que se converteu en protagonista dunha foto compartida nas redes sociais da agrupación e que chamou moito a atención do celtismo.

«Unha vez que estabamos alí comezamos coa visita ao centro. Dentro del amósanche a habitación onde morreu Castelao», introduce. E lembra que a súa imaxe é un dos emblemas do Colectivo Nós -autodefinido como celtista e galeguista a partes iguais-, de xeito que era algo que non podía pasar por alto. «Deixáronme tomar alí a foto, no que era tamén un sitio emblemático como a súa figura. E pensei que era algo que tiña que compartir, que igual que a min me parecía significativo, tiña que facelo chegar aos compañeiros como algo para ter na nosa memoria», relata.

Pero ademais quixo aproveitar para denunciar o «decrépito» que atoparon o Centro Galego. «A súa situación non é nada boa, e é unha pena, porque desde a miña perspectiva alí hai moito da nosa memoria», indica. Por non quixo deixar de poñer sobre a mesa o «estado comatoso» dun lugar «especial».

A Alfonso encántalle «facer gala do celtismo» alá onde vai e nesta viaxe as súas cores non pasaron desapercibidas. «No Centro Galego chamoulles moito a atención o meu interese por facer a foto con aquela bufanda. Non entendía a relación que podía haber con Castelao», di. El encargouse de expoñerlla, pero sobre o Celta en si mesmo si que non facían falta explicacións. «Seguen moito a Liga española e coñecen ao equipo, desde logo».

Entre as anécdotas vividas durante os seus días en Arxentina, está a do día que uns rapaces recoñeceron a camiseta e o pararon nos Andes patagónicos. Aínda que a lembranza non é de todo doce. «Estabamos nas rutas polas montañas, viron a camiseta e paráronnos. Falaron de que a ver se gañabamos ao Alavés e nos clasificabamos para a final, porque era a véspera da semi, pero por desgraza non puido ser», rememora.

Acompañado pola súa parella e os seus fillos, sen telo planeado chegaron a andar todos por Arxentina adiante coa camiseta do equipo. «Non estaba planeado, pero facía calor a coincidiu así. Case pareciamos un equipo de fútbol».