«Sen o fútbol non sería capaz de vivir»

Xosé Ramón Castro
x. r. castro VIGO / LA VOZ

GRADA DE RÍO

Montxo Touriño

O Gato, que vén de cumprir tres anos en Primeira, repasa a súa evolución na máxima categoría

12 oct 2015 . Actualizado a las 15:17 h.

Traballo, sacrifizo e esforzo. As tres palabras que marcan a traxectoria de Sergio Álvarez (Catoira, 1986) están presentes, pola mesma orde, no seu repaso aos tres anos que leva en Primeira dende o seu debut ante o Sevilla en outubro do 2012. Pensa que ao longo deste tempo colleu experiencia e aumentou as súas prestacións, pero sabe tamén que tan difícil como chegar é manterse. Por iso esta tempada quere seguir mellorando.

-Véñense de cumprir tres anos do seu debut en Primera, ¿qué lembranzas lle trae a efeméride?

-Debutar en Primeira División sempre é o soño cumprido. Era a miña ilusión dende cativo e a verdade é que estou feliz e orgulloso de seguir en Primeira e defendendo estas cores.

-¿Como foi a evolución dende aquel partido fronte ao Sevilla?

-Estes tres anos son anos de moito traballo, moito sacrifizo e moito esforzo. Pasei por etapas difíciles, de non xogar todo o que un quere, de estar aí aprendendo e tentando coller as cousas boas dos compañeiros e mellorar día a día aínda que non xogues. Estes tres anos servíronme para madurar e para seguir crecendo bastante a nivel profesional como futbolista.

-¿Cal foi o intre máis duro e máis dóce desta andaina?

-Os duros son cando non tes os minutos que desexas e tes que agardar a túa oportunidade. No colectivo foi duro cando estivemos a punto de descender o primeiro ano en Primeira, pero logo tamén foi unha ledicia grande acadar o obxectivo. A nivel persoal a tempada pasada foi das mellores porque tiven continuidade e puiden desfrutar de casi todos os minutos.

-¿Foi un pau non poder acadar o pleno que tivo tan preto?

-Cando eres ambicioso dende logo que che gustaría xogar todos os minutos. Unha xogada aillada impedime conquerilo, e aínda que agora se queda unha anécdota, no momento sí que quedas amolado.

-Esta campaña o pleno xa é imposible, pero leva 69 partidos co primeiro equipo e se xoga os 31 que quedan, será centenario.

-Non tiña ese dato, pero oxalá se poida cumprir e chegar aos 100 partidos, porque iso significaría que non tiven ningunha lesión, que é o máis importante para min.

-Dise que é máis difícil manterse que chegar. Agora tócalle manterse. ¿É máis complicado?

-É certo. A tempada pasada, con regularidade e moitos partidos, foi un ano a nivel persoal bo e a nivel colectivo igual, e agora o obxectivo é mellorar un pouquiño, pero sabemos que é difícil porque non sempre vas a estar á mesma altura. Hai que tentar crecer a nivel persoal e como equipo.

-Igual o comezo deste ano lle custou un pouco, pero logo xa colleu a onda...

-Nos primeiros partidos é difícil entrar en dinámica e ter un nivel alto porque son os partidos os que te levan a coller confianza e ter as distancias ben collidas. Creo que agora estou atopando o meu mellor nivel e quero seguir por ese camiño.

-Por agora leva seis goles encaixados e os seis por abaixo, polo sitio más difícil.

-É o sitio máis complicado. Os dianteiros de Primeira teñen moita calidade e saben definir. Hai que tentar mellorar e corrixir eses aspectos. Sempre miro cada xogada e cada gol, analizamos todo para ver o que se pode mellorar.

-14 paradas entre os tres paus, ¿unha boa cifra?

-Os porteiros estamos para iso, para axudar ao equipo, e iso faise parando o máximo posible.

-É o seu cuarto ano en Primeira, ¿considera que é un porteiro experimentado?

-Non sei se experimentado, pero sí con máis experiencia que o primeiro ano.

-¿En qué mellorou nestes anos?

-Á hora de competir, á hora de analizar os partidos e de concentrarme. Penso que os anos e a experiencia vanche dando todo.

-¿Percibe que ten o respecto do resto de colegas porteiros da categoría?

-Dende o primeiro momento. Sempre tento saudalos e falar con eles para intercambiar sensacións. Creo que o respecto é mutuo entre todos.

-Por ser unha persoa normal, ¿considérase un becho raro no mundo do fútbol?

-Sempre dixen que son unha persoa moi normal que tenta facer o que fai unha persoa calquera. Estar cos meus amigos, a miña xente e sobre todo coa miña familia. Non me considero un becho raro, só unha persoa normal e quero dicirlle á xente que hai moitos máis coma min, que os futbolistas non somos seres raros, nin moito menos.

-¿Para vostede que é o fútbol?

-Para min o fútbol é vida. Sen o fútbol non sería capaz de vivir. Levo dende moi cativo adicándome a isto e o fútbol para min é casi todo arestora.

-¿Vese algún día xogando noutro clube?

-Agora mesmo non. Estou feliz aquí, acabo de renovar e nunca se pode dicir que non porque o fútbol da moitas voltas, pero agora mesmo a miña cabeza só pasa polo Celta.

-Defina a tempada do equipo.

-Comezamos moi ben, facendo moi bo xogo, facendo goles, que é o difícil do fútbol, e, menos nun partido, tendo bastante solidez defensiva. O equipo aínda pode seguir medrando e coido que imos ser un equipo difícil de gañarlle.

-¿Europa ten que deixar de ser unha utopía?

-Primeiro, os 42 puntos, que é o máis importante, e logo miraremos máis alá. Hai que ter a tranquilidade e a paciencia de ir día a día. Pensar en Europa na xornada sete sería pensar moi lonxe.

-E iso de verse en posto de Champions, de ser o máximo goleador da Liga...

-Significa que se están facendo as cousas moi ben, que o equipo está nunha dinámica positiva e que hai que seguir, sen baixar os brazos, mantendo a intensidade que temos nestes partidos e logo ser realistas, que haberá momentos difíciles e será aí onde máis xuntos debemos estar.

-Vostede, que viviu os anos escuros, ¿como ve esta evolución?

-Dende o momento que entrou este presidente o clube foi nunha liña pasiño a pasiño, sen chamar moito a atención pero facendo as cousas moi ben e coido que o clube sigue nunha liña ascendente.