A utilidade dos símbolos

Xosé R. Castro FONDO NORTE

GRADA DE RÍO

12 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Oubiña fixo o tránsito igual que viviu dentro do campo. Pensando que podía facer para mellorar el e que a súa mellora fixese mellores aos demais. Dende pequeno xa traía de serie o sentimento de clube. Foi referencia e desbrozador de camiños malia que o seu carácter non o colocase como un icono do celtismo. Tivo que gañarse á xente pouco a pouco, cos seus feitos e coas súas obras fóra do campo. Rematou sendo un gran capitán, pero á súa maneira. Como á súa maneira quixo escoller o seu futuro dende o momento en que o Celta lle abriu as portas a outra vida deportiva. A Borja seríalle doado acollerse ao ofrecemento de Mouriño e elixir un posto con pedigrí, pero só pensou en colocarse nun sitio onde sumase e lle fose útil. Igual que no campo, pero nun despacho.

O Celta, sabedor da personalidade de Oubiña, soltou carrete. Deulle tempo para que decidise. Consciente de que co Borja traballador da secretaría técnica ficha a unha referencia do celtismo que segue o camiño de clásicos como Santi Castro, Atilano, Gudelj, Ratkovic, Bermejo, que quedaron facendo celtismo máis aló de Balaídos. E nestes tempos de voráxine nunca está de máis unha cara coñecida que refresque o pasado. Por moi inmediato que sexa. Borja sempre levou o fútbol na súa cabeza. Como se tivese un campograma (palabro de David Vidal). Por iso, imaxino a Oubiña tomando mil notas de calquera reportaxe do famoso programa que Torrecilla desempolva na xunta xeral cada ano. Seguro que no Celta do futuro, o catro aportará o seu grao de area. Dende fóra, como antes fixo dentro. Porque os símbolos sempre son impresdincibles, sobre todo, cando son útiles.