Sergio Álvarez, porteiro do Celta: «Un quere acabar onde sempre quixo, ogallá poida rematar aquí»

Xosé Ramón Castro
x. r. castro VIGO / LA VOZ

GRADA DE RÍO

touriño

O porteiro, que remata no 2016, deixa claro que o Celta é a su primeira opción

21 abr 2015 . Actualizado a las 10:02 h.

Sergio Álvarez (Catoira, 1986) está recollendo os froitos de anos á sombra e de traballo. En Ipurúa, fronte ao Éibar, volveu a ser un dos destacados. De volta, fai público o seu desexo de rematar os seus días como futbolista no Celta. Se o clube quere, o arranxo para prolongar o contrato máis alá de xuño do 2016 non será problemático.

-¿Houbo algún contacto para a ampliación do contrato?

-Non se falou nada, pero estou moi tranquilo. Coñezo ao clube, o clube coñéceme a min, sabemos como nos movemos e non haberá ningún problema. Cando queiran falar eu estarei aberto, teño un ano máis de contrato.

-O venres o presidente lembrou que vostede era un home da casa, pero que o Celta ten bos porteiros dabondo.

-Os porteiros que estamos aquí somos todos da canteira e será para recalcar o bo traballo que se está facendo na base cos porteiros. Cando queiran falar comigo eu estarei disposto, a miña primeira opción sempre será estar aquí, onde levo moitos anos. Agora estou desfrutando de xogar co Celta en Primera División, que é o que sempre quixen.

-¿O seu desexo é rematar a sua carreira no Celta?

-Un sempre desexa acabar onde sempre quixo estar, e ogallá se poida cumprir o desexo de rematar aquí, senón haberá que mirar.

-¿No persoal, como avalía o que vai de tempada?

-Como todo o equipo, diría que positiva. Estou xogando, estoume atopando a gusto, están saíndo as cousas ben. Unha tempada moi boa para min a nivel persoal.

-¿Está recollendo o que antes sementou?

- Igual si, foron moitos anos de traballo e de sufrimento, de non xogar e de ter unha lesión e agora mesmo estou desfrutando logo de anos á sombra traballando por detrás. Agradézollo moito a miña xente, que me apoiou durante todo ese tempo.

-En Éibar non tivo moito traballo, pero si paradas complicadas.

-Non foi un partido de moitas chegadas pero si algunha que outra con perigo. Eles colgaban balóns arriba, segundas xogadas e houbo tres ou catro balóns complicados pero solventámolos ben. Ao equipo hai que darlle tranquilidade cando o rival ten esas ocasións para que se sinta cómodo.

-¿Que significado lle da a ter 42 puntos a estas alturas?

-O obxectivo está cumprido e agora xogas por outras metas que a principios de tempada quizais non esperabas. Non tes esa presión de loitar pola permanencia, pero nós mesmos imos a autoesixirnos para acadar o posto máis alto posible para deixar a este clube o máis arriba posible. Debémosllo á afección.

«Gañarlle ao Real Madrid sería poñerlle a guinda á tempada e mirar máis cara arriba»

Sergio defendeu a portería do Celta no triunfo ante o Real Madrid do ano pasado en Balaídos. O Gato apunta que repetilo agora dispararía as expectativas do equipo de cara á recta final. Nega que vaian a ser os xuices da Liga.

-¿Como afrontan o partido co Real Madrid?

-O Madrid sempre é complicado, porque en calquera momento che pode facer gol, pero sabemos que nós demos a cara contra todos os equipos, incluidos os de arriba, conseguimos gañarlle a algúns deles e o domingo ante a nosa afección queremos facer un gran partido, estar ao máximo nivel e tentar gañarlle a todo un Madrid, que sería poñerlle a guinda a esta tempada.

-¿Que lle preocupa do rival?

-Calquera dos de arriba teñen moito gol, poden facer un gol con facilidade e íso é o difícil no fútbol, e eles teñeno. Hai que estar moi atentos.

-¿Un triunfo dispararía as expectativas?

-Seguro, porque no momento da tempada no que estamos e no momento de xogo no que está o equipo, se somos capaces de sacar un resultado positivo seguro que se resaltaría todo e o equipo estaría con máis gañas e miraría máis cara arriba.

-¿Síntense os xuices da Liga?

-Nós facemos o noso traballo e tentamos ser honestos con nós mesmos, son dos que pensa que cada equipo é xuiz de si mesmo.