Realidades, soños e cintura

Xosé R. Castro FONDO NORTE

GRADA DE RÍO

23 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Un paso decisivo. O partido do Ciutat de Valencia era unha cita con moito risco. Malia que o furgón de cola continúe estancado, un desliz suporía un golpe estatístico e anímico. Porque máis aló dos catro puntos que quedarían de vantaxe voltarían as fantasmas da xeira do pasado, máxime cando o equipo puxo todo o esixible para gañar nun dos mellores partidos do ano a domicilio.

A vitoria, xunto antes do derradeiro parón da tempada, deixa ao Celta no mellor dos escenarios. Cun colchón importante para mirar para abaixo e cunha pequena raiola de esperanza para mellorar o noveno posto da temporada pasada, ese oitavo caixón ao que de súpeto lle saen unha recua de mozas. E ambolos dous extremos teñen confluencia de cara ao futuro: gañar partidos garante o primeiro e ilusiona co segundo. Non é o momento de desviar o obxectivo, pero tampouco de poñer cancelas con frases de manual. Na Liga dos dentes de serra para o cadro celeste todo é posible.

A cita fronte ao Levante tamén é unha materia aprobada para Berizzo, que non só acertou na aposta ofensiva malia o estado de campo, e no once, algo habitual salvo en casos illados, senón nos trocos, unha das contas pendentes do técnico arxentino. Un deles, ademáis, na resurrección do lunar das fichaxes do pasado verán.

Porque a recuperación do Tucu Hernández ten que ser algo esencial de cara á próxima tempada tendo en conta o contrato de longa duración que ten en Vigo.

Dentro desas boas decisións, tampouco está por demáis abrir o búnker da Madroa nunha semana sen fútbol. Non polos espias de lapis e papel, senón para que os siareiros se poidan achegar un pouco máis ao seu equipo. Un adestrador con cintura é un adestrador de futuro.