«O peche do restaurante A Estación foi unha decisión que tomamos os dous»

brais capelán A CORUÑA / LA VOZ

CARBALLO

MARCOS MÍGUEZ

Xunto co cercedense Juan Crujeiras, rexentaba o establecemento en Cambre, cunha estrella Michelin

15 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Con gran axilidade, Beatriz Sotelo vai enchendo as cuncas co xeado de crema inglesa e fariña que presentou a EFA Piñeiral, da que é mestra, no Fórum Gastronómico de A Coruña. Polo de agora, Sotelo aínda pode presumir de ter unha estrela michelín, pero o repentino anuncio do peche do restaurante A Estación de Cambre fará que o ano que vén a comarca da Coruña perda -salvo sorpresa- un destes prestixiosos distintivos. Pese a que Juan Crujeiras falou en singular para referirse ao cese do negocio, Sotelo prefire adoptar o plural e di que o decidiron «entre os dous». Beatriz, casada co baiés Braulio García, profesor no Centro Superior de Hostalería de Galicia, está tamén ligada á Costa da Morte.

-¿Que lle está parecendo o Fórum?

-Considero que é unha forma de xuntar á xente do gremio. Hai moito profesional, polo que puiden ver estes días. Hai bastantes rapaces das escolas tamén, que penso que teñen que vir para coñecer como é este mundo. Tamén está a haber moita afluencia de xente.

-O Grupo Nove foi un dos protagonistas do luns, precisamente.

-É moi emocionante. Somos un grupo que leva 14 anos e estás, a través dun vídeo, explicando o que es. Non só somos cociñeiros, somos amigos e iso é o que implica unha cociña.

-¿Que proxectos ten en mente tras o peche da Estación?

-O peche da Estación foi unha decisión persoal. Somos dous socios e decidímolo entre os dous. Polo de agora, eu non teño nada pechado, pese a ter varios proxectos abertos. Quero descansar un pouco porque xa levo moita guerra enriba e poder dedicarlle tempo á familia.

-¿Foi meditado ou repentino o peche da Estación?

-Eu non pensei que foramos a pechar. Pero ningún dos dous se decidiu a quedar con ela, así que o mellor era empezar unha nova etapa. É unha mágoa; sobre todo polo equipo. O restaurante funcionaba de marabilla, pero foi unha decisión nosa.

-¿Pode afectar ao Grupo Nove, onde tamén son compañeiros?

-A relación entre nós vai seguir sendo de cociñeiros. Non ten porque haber ningún malentendido.