María Xosé Porteiro: «No Valedor temos que ser eficaces e non ser nós o obxecto das queixas»

Domingos Sampedro
Domingos Sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Porteiro celebra a orientación feminista que a nova valedora do pobo quere dar á institución
Porteiro celebra a orientación feminista que a nova valedora do pobo quere dar á institución SANDRA ALONSO

A adxunta á nova valedora do pobo cre que a crise da institución xa está superada e que o cambio hai que aproveitalo «para mellorar»

24 ago 2019 . Actualizado a las 12:05 h.

Na política tivo moitas facianas: concelleira en Vigo, deputada autonómica e delegada da Xunta en Bos Aires, sempre da man do PSOE. María Xosé Porteiro (Madrid, 1952) tamén é xornalista, escritora e feminista, e agora regresa a Santiago, proposta polos socialistas, como adxunta á nova valedora do pobo.

-Que pode aportar agora vostede no Valedor do Pobo?

-Pois creo que unha experiencia polifacética en todo que ten que ver coa administración pública, e tamén unha enorme ilusión.

-Comparte o que dixo a valedora, que o feminismo debe ser o sinal de identidade da institución?

-Non o podo compartir máis. Estamos nun tempo novo, é a primeira vez que nunha institución galega se fai unha proclama deste tipo como declaración de intencións e estou en todo de acordo.

-E como se traslada esa declaración ao día a día?

-Na Conferencia de Pequín falouse de ver o mundo con ollos de muller, e penso que esa mirada é necesaria para ter en conta as desigualdades específicas por pertencer a un sexo ou outro. Incorporar iso paréceme civilizador, e vai na liña de garantir a igualdade entre todos os cidadáns sen distincións por razón de sexo, como di a Constitución. Iso, e xusto iso, é o feminismo.

-Que pode facer o Valedor na loita contra a violencia machista?

-Ás veces hai demoras nas respostas ás cidadás, e son cuestións que si se resolveran antes incluso poderían evitar situacións indesexables ou feminicidios. Podemos contribuír a que as mulleres non se sintan desprotexidas e axudar a crear un clima de opinión para que saiban que en nós hai un aliado. É un asunto que vai levar persoalmente a valedora do pobo, así que imos agardar a que presente o seu plan de traballo.

-Dende o 2012 dimitiron dous valedores por varios escándalos. Está en crise a institución?

-Neste momento non, a crise no Valedor xa se superou e este cambio pode servir para mellorar. En realidade, a crise só consistiu nun relevo dunha persoa e dunha equipa, porque o traballo diario séguese facendo e aquí o primeiro sempre é o cidadán.

-Non terían que facer algo para recuperar a confianza?

-Hai que facer algo moi importante que é traballar no día a día con coherencia. No Valedor temos que ser eficaces e non ser nós o obxecto das queixas.

-Daquela houbo algunha queixa contra a propia valeduría?

-Non se chegou a iso, polo menos que eu saiba, pero temos que ser exquisitos no trato e no traballo para que non ocorra.

-Asturias, Castela-A Mancha ou Murcia suprimiron a figura do defensor autonómico. Por que é necesaria en Galicia?

-Temos un Estatuto de Autonomía diferente, non o esqueza, un Estatuto de primeiro rango. Do mesmo xeito que non renunciamos a ter unha televisión na nosa lingua, un Consello da Cultura, pois tamén temos a figura do Valedor. Outra cousa é que algún día se faga unha auditoría desta casa e se conclúa que é inútil, que o dubido moito, pero aínda así teríamos que modificar o Estatuto.

-Daquela pensa que é útil?

-Xa o creo, e a proba está nos informes anuais, nas estatísticas de persoas que requiren axuda e as que conseguen o que querían.

-Fálase moito de que hai institucións que teñen que ser independentes e logo vemos como chegan cargos da política como vostede. Non é contraditorio?

-A condición para estar aí é non ser militante de ningún partido, e eu cúmproa. A miña traxectoria e o meu pasado está á vista, e o meu compromiso co feminismo, os dereitos humanos e a defensa da cultura galega, tamén. Eu penso que podo aproveitar toda esa experiencia coa madurez e serenidade que se esixe nun cargo como este.

-Doeulle que o seu nomeamento non tivera o apoio de En Marea ou do BNG, pese a que a recoñeceron como muller progresista?

-Malia non poder votarme, por una formalidade política, hónrame moito o que dixeron de min e agradezo esa confianza.