Miguel Anxo Bastos: «Leo dous libros ao día»

GALICIA

Paga a pena sentar nunha terraza da cálida capital do sur e deixarse levar por todo o que sabe este profesor universitario e intelectual, que é moito

21 ago 2018 . Actualizado a las 08:25 h.

Onde atopar ao profesor Bastos na metade do mes de agosto? Na biblioteca, claro. Na do seu barrio do Calvario de Vigo, onde o singular politólogo galego se evade do estrés das vacacións lendo e lendo. No seu perfil de WhatsApp lese «Sen estado». Con iso, xa estaba case todo dito. Pero paga a pena sentar nunha terraza da cálida capital do sur e deixarse levar por todo o que sabe este home, que é moito.

-Que fai nas vacacións?

-Estudar. É cando teño máis tempo.

-Logo non son vacacións.

-Para min si, porque podo ler o que quero sen ter que preparar unha materia en concreto.

-Vostede dixo que le un libro ao día.

-Non. Leo dous libros ao día. Máis ou menos. Nunha semana leo 12, algunhas 14. É unha autodisciplina que me poño para estar adestrado no meu oficio.

-Que é ser profesor.

-Si, pero terei que ensinar algo, non?

-E non lle gusta viaxar, ir á praia...?

-Normalmente viaxo por traballo. Para min o relax é estar aquí tranquilo, tomar unha copa de albariño pola tarde... Nunca me gustou viaxar nin a praia. A min as viaxes estrésanme.

-Na información que circula sobre vostede hai unha palabra destacada: anarcocapitalismo. Que é iso?

-É levar o liberalismo económico extremo a todos os ámbitos. Privatizar ou liberalizar en todos os ámbitos. Unha especie de eliminación do Estado.

-Pero aí quedaría moita xente destapada.

-Non é fácil de explicar. É imaxinar como funcionaría o mundo sen Estado. A efectos teóricos serve para entender como funcionan os mecanismos do Estado e que solucións pode haber para prestar determinados servizos en ausencia del.

-Vostede é politólogo; como o está facendo Pedro Sánchez?

-É valente e ten certa capacidade de liderado, pero eu distingo ao político do gobernante, porque teñen habilidades distintas. Pode que Pedro Sánchez sexa un bo político, pero sospeito que vai ser un mal gobernante, aínda que non o vin en acción. De momento só fai xestos.

-E como ve a Pablo Casado?

-Parece unha persoa que ten ideas, programa. Despois pode que actúe coma case todos. Pode ser interesante. Polo menos que reabra debates.

-E non lle parece que se semellan moito Casado, Sánchez, Rivera...?

-Si. E Macron, Renzi... Son novos, mediáticos, correctos, melifluos. É o que se lle pide a un político, non a un gobernante. A min gústanme máis as xerontocracias. Pero mire, os políticos son só unha parte dos que gobernan e, algunhas veces, nin sequera os máis importantes.

-E que opina de Trump? Ese si que é favorable a cargarse as estruturas do Estado...

-Por iso queren acabar con el. Dende o minuto 1, sen empezar. É un populista, unha persoa que entende moi ben as necesidades dunha parte da poboación e quere cortocircuitar ás elites tradicionais. E iso non llo perdoan.

-Vostede, de pequeno, sería o que se di un chapón.

-Máis que chapón, lector. Lía tamén moitos cómics. Gustábame pasar os veráns lendo. Nunca me sentín moi cómodo no ambiente escolar.

-Non creo que ninguén da nosa xeración se sentise moi cómodo.

-Esa catalogación, dos mellores da clase... iso non é así. A ética que se aprende alí, moitas veces é negativa: o acusón está mal, todos contra o profesor... unha especie de lei do patio.

-Que opina dos seus alumnos?

-Son mellores persoas ca nós. Nós eramos moi malos.

-Sabería facer unha tortilla?

-Non. Non sei cociñar.

-Celta ou Dépor.

-Celta. Aí si me mollo. O fútbol non me atrae moito, pero son do Celta e do Gran Peña.

-Defínase en poucas palabras.

-Son unha persoa tranquila, que vive nunha época que ao mellor non é a miña. E son curioso, gústame observar por curiosidade intelectual.

-Defina agora a Galicia.

-Unha terra sen moita historia que contar. Quero dicir que é unha terra sen moitas guerras nin choques demográficos, por exemplo. Un lugar tranquilo.

-Fuma moito?

-Non, sete ou oito puriños. Aquí tamén aplico a autodisciplina.

-Ten afeccións?

-Teño unha vida bastante aburrida, pero teño, como dicían antes, unha rica vida interior, ha, ha.

-Vostede vai a un concurso da tele e «pétao».

-Pois non o sei. Nunca fun a ningún. Pero ás veces si respondo as preguntas cando os vexo pola tele.

-Arrepíntese de algo?

-Ao mellor de certo tempo perdido na xuventude, pero en xeral teño unha vida tranquila, pacífica e humilde. Nese sentido son un ser moi afortunado.

-Diga unha canción.

-Algo de U2. With or without you, por exemplo.

-O máis importante na vida?

-A tranquilidade. Que non pase nada. Igual son un nostálxico, pero gústanme as vidas de meus avós, ou meus tíos, que fixeron toda a vida o mesmo. Non son precisamente un aventureiro.