«Ter unha maioría absoluta non che dá a razón en todo o que fas»

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOAN A. SOLER

A deputada chama a todos a participar o 25 de xullo porque «Galicia está máis discriminada que nunca polo Estado»

22 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Moito mudaron as cousas no Bloque en apenas doce meses. En xullo de 2016, hai apenas un ano, viñan de perder a representación no Congreso por vez primeira dende 1996.

-Que lembra do ambiente do ano pasado?

-Era un momento moi distinto. Mantiven e manteño que este país necesita o nacionalismo; creo que acertamos cando apostamos por manter unha forza política propia, coa cabeza e co corazón neste país. E o tempo deunos a razón.

-Que mudou dende entón?

-Centramos as ideas forza do BNG nas necesidades do momento e nas alternativas, e puxemos en marcha un novo tempo no que hai novas persoas e no que actualizamos o noso discurso. Podo dicir que a xente se sinte cada vez máis próxima ao BNG.

-Vostedes convocaron un 25 de xullo para todos os galegos. Falaron co resto de forzas?

-Nesta mobilización hai persoas, organizacións e entidades sociais coas que mantemos contactos e que van estar presentes no Día da Patria; colectivos que loitan contra a banca, en defensa da lingua.

-Eu referíame a outras forzas políticas de corte galeguista ou nacionalista, como Anova...

-Hai cousas que non teñen lóxica. Nós respectamos as súas decisións, pero traballan noutro espazo. Son organizacións soberanas para enfocar o seu traballo.

-Que lle parece que o 25 haxa tantas convocatorias dende as forzas de esquerda?

-Cada quen sinte como ten que celebrar o Día da Patria. É evidente que hai unha gran mobilización que convoca o BNG, e que é aberta e será histórica. Nesta ocasión non só queremos reivindicar que somos un pobo, senón tamén poñer o acento na discriminación.

-A que se refire?

-A que Galicia está máis discriminada que nunca polo Estado. Cada día que pasa temos unha nova noticia que nos reafirma nese sentido. Hoxe lin como o Goberno central vai pedir un préstamo de mil millóns para acelerar as obras do AVE en Euskadi; en Galicia temos recortes e negativas a transferir a AP-9, cun veto vergoñento; isto ten que ver coa falta de disposición de quen nos goberna.

-No nacionalismo hai voces que pensan que o Bloque está cómodo con seis escanos, e que non pode aspirar a moito máis...

- Supoño que serán os mesmos que nos dicían que non íamos sacar representación no Parlamento galego. En fin, nós aspiramos a ser unha forza maioritaria, e queremos gobernar este país.

-Escoitando ao BNG a diario xurde unha pregunta: tan mal está Galicia?

-Penso que somos un gran país, nin mellor nin peor que outros; somos xente cunha gran capacidade pero fállanos o soporte político para toda esa iniciativa. Preocúpame que teñamos uns salarios tan baixos, que a xente teña que emigrar, unha crecente precariedade laboral. Esas non son as preocupacións da Xunta, que está instalada no 4.0. O PP non ten un proxecto para este país.

-Entón por que vota a Feijoo tanta xente?

-Funcionoulle xogar todo a unha carta, a da estabilidade; e funcionoulle nun contexto en que o favoreceu a política estatal; logo hai cousas internas como o peso histórico do PP en Galicia; non creo que todos os que lle votaron pensen que todo vai de marabilla. Ter maioría absoluta non che da a razón en todo o que fas.

-En que medida cre que o proceso catalán lle pode afectar aos cartos que recibe Galicia?

-O noso problema non é proceso catalán nin Euskadi. O Estado recibe en impostos 3.500 millóns máis dos que logo destina a Galicia para o seu financiamento. Tennos que preocupar como romper con iso e ter unha facenda propia.

-Aspira a que Galicia viva un proceso similar ao catalán?

-Cada pobo ten os seus ritmos, as súas realidades. E nós temos que traballar para conseguir unha capacidade de soberanía maior. Nós non imos renunciar ao dereito a decidir. O número de independentistas que había en Cataluña nos anos oitenta é moi similar ao de nacionalistas galegos hoxe.

-A actualidade vén marcada polo último plenario de En Marea, fondamente dividida, como seguiu ese proceso?

- Para facer oposición da oposición xa está Feijoo, que é a súa afección favorita. Mellor nos iría se canalizase toda esa forza para gobernar. Dito isto, é certo que En Marea ten unha situación complicada, e eu agardo que teñan a intelixencia para canalizar os seus propios problemas.

-Seguen as portas abertas para todos os que marcharon?

-Estaban e están abertas para todas as persoas que compartan con nós a idea de que Galicia é un pobo que necesita gobernarse e ofrecer un horizonte de benestar á xente.

-Que relación mantén o Bloque co resto das forzas da oposición?

-Cordial, como non podería ser doutro xeito, e dialogando sobre aquelas cuestións que teñen que ver co propio funcionamento do Parlamento e con aquelas cuestións de país. Acabamos de solicitar unha deputación permanente as tres forzas políticas. O que non é lóxico e que Feijoo se presentara á investidura ofrecendo diálogo e cada vez que nós queremos dialogar peche esa porta. Feijoo só escoita aos que lle dan a razón.