«As maiores desfeitas na paisaxe de Galicia non as fixeron os paisanos»

Juan María Capeáns Garrido
juan capeáns SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

O investigador defende a beleza do territorio galego, pero alerta de que as postais non agochan «as burradas»

11 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Está a un ano da xubilación nas aulas e por tal motivo será moito máis doado atopar a Pérez Alberti (Tortosa, 1947) perdido por calquera recuncho do mundo coa súa cámara fotográfica. Hai trinta anos, tamén tras un traballo de campo, dixo unha verdade ben grande: «Galicia non aguanta o zum». Referíase a un territorio «marabilloso, de postal, pero que de preto agocha auténticas burradas». O seu traballo de anos serviu para definir o Mapa das Grandes Áreas Paisaxísticas de Galicia, ao que nos últimos anos estanse a engadir outras estratexias, guías e regulacións coas que, por certo, é bastante crítico.

-Temos normas de máis?

-Normas houbo dabondo, de sempre, o que pasa é que non se cumpriron e agora xa é un pouco tarde.

-Busquemos culpables, que é algo moi humano.

-A Administración permitiu todo durante moito tempo, pero tamén houbo unha perda do gusto. Calquera comarca tiña unha riqueza tremenda en arquitectura popular: A Terra Chá, A Fonsagrada, no Navia, a zona da Queixa, as aldeas da raia...

-É un problema de pobreza cultural ou económica?

-Construímos moito mellor de pobres que, entre aspas, agora de ricos. Antes os protagonistas da paisaxe eran os nosos antepasados, que non eran nin arquitectos nin enxeñeiros, por iso penso que as maiores desfeitas en Galicia non as fixeron os paisanos.

-Quen, logo?

-Home, o granito e a lousa son recursos importantes, pero ninguén pensou que era mellor facer un gran polígono nunha zona. Non, degradamos toda a paisaxe con ducias de canteiras. Non podemos facer en cada recuncho unha piscifactoría e un parque eólico en cada monte. Agora temos que planificar mellor, porque faltou moita sensibilidade e educación ambiental.

-Pronto imos ter unha guía para suxerir cores e materiais nas casas, é unha solución?

-O problema non é so de cores e materiais, é que rachamos coa tipoloxía das vivendas, e iso non ocorre na Bretaña francesa, que para min é un bo exemplo do respecto á paisaxe. Non vexo tanto conflito en introducir novos materiais, porque non podes obrigar á xente a vivir no século XIX, e tamén ten lóxica ver mudanzas no estilo, pero o que non entendo é masacrar os muros do sistema de camiños que, por certo, aínda podes ver en Escocia.

-Que é peor, un pobo feo ou un pobo baleiro?

-Curiosamente, o abandono do rural trae consigo un aumento da dinámica natural. Hai unha colonización vexetal e constrúense paisaxes. Na Galicia interior nunca houbo tanto bosque nos últimos 50 anos. Agora ben, perdemos biodiversidade e toda a policromía agraria.

-Vostede é un experto no litoral galego, e sospeito que non lle gustan os paseos marítimos.

-Eu non estou en contra de vivir ao carón do mar, senón de vivir enriba do mar. Os paseos son normais nunha zona urbana, pero algúns fixéronse sen ter en conta a dinámica costeira. Con todo, gustaríame ver intervencións máis brandas, sen cemento, e máis retrasadas...

-Temos a teima de estar sempre na primeira liña.

-Xa, pero, onde estaban as aldeas costeiras? Agás as casas dos mariñeiros, a tendencia era construír fóra, lonxe do mar. O Valdoviño vello está arriba. Agora chove por alí e sorprenden as inundacións ao carón da lagoa. En Bertamiráns (Ames) construíuse na chaira do río. Ourense medrou cara o Miño, e non era necesario. Que pasou en Laxe? Que construíron enriba do sistema dunar e agora quéixanse da area. Home...

-Pero todo iso o firman supostos expertos co aval de varias administracións.

-Se nos fixeran caso aos que levamos tempo traballando na evolución paleoclimática do planeta non farían algunhas cousas. O nivel do mar muda, pero non é novo. O meu primeiro traballo sobre este tema é do ano 1978.

«O abandono do rural recupera a dinámica natural, pero perdemos a policromía agraria»

«Os arcos da praia das Catedrais van caer dentro de cen anos ou mañá, é a súa dinámica»

Galicia, como Barcelona ou Venecia, tamén ten os seus casos de saturación turística, só que no medio natural. Para un xeógrafo como Pérez Alberti non é un problema de agora.

-Nós manexamos dende hai tempo un concepto que é a capacidade de carga do sistema, e en Galicia hai que poñelo en marcha. Estiven hai pouco nas Galápagos, un lugar de enorme interese onde non entra todo o mundo, existe un número de visitantes que non se pode superar.

-Pero a Galicia só chegan cinco dos 75 millóns de turistas de España.

-Deses cinco millóns, moitos queren ir ás Illas Cíes e As Catedrais. Alí non poden entrar 4.000 persoas ao día, nin poden nin deben, porque un día cae un arco. De feito van caer, mañá ou dentro de cen anos, pero é a súa dinámica. Xa pasou en Malta e no Algarve. Eu estiven diante dos 12 apóstolos de Australia logo de caer un deles, ¡adeus postal!

-Non vaia tan lonxe. Que facemos coas Cíes, por exemplo?

-Son un recurso e hai que aproveitalo, pero están ben os límites. Temos que diversificar, e podemos facelo porque hai lugares marabillosos, pero aquí poñemos un banco, dicimos que é o mellor do mundo, e alá vai toda a xente, cando hai centos de lugares iguais ben preto.

-Hai risco de degradación agora mesmo para estes espazos?

-Se nos deixamos levar polo aproveitamento rápido dun recurso, o matamos. A Manga do Mar Menor é un exemplo moi ilustrativo: era un paraíso hai 60 anos e hoxe está cheo de merda, literalmente. E pasou aquí, en Corrubedo, onde unha pasarela espachurrou a duna. Arranxemos antes, non esperemos pola degradación. Eu do que estou certo é de que detrás de cada erro houbo un investigador advertíndoo, e ninguén fixo caso.