Outra administración forestal xa!

Manuel Marey TRIBUNA

GALICIA

23 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A madeira é e vai ser o petróleo verde que mova gran parte da economía do século XXI en Europa. Na actualidade, dos montes galegos sae máis da metade da madeira de España. Temos unha situación privilexiada que debe servir para xerar máis riqueza e emprego en todo o noso territorio.

O sector forestal galego (propietarios, empresas de servizos e aproveitamentos, primeira e segunda transformación industrial) leva sendo demasiado tolerante cos xestores públicos, que dende hai máis de 25 anos, de forman case ininterrompida, regulan as dúas terceiras partes da superficie de Galicia. Transcorridos cerca de catorce anos dende a aprobación da Lei 43/2003 de Montes de España e cinco anos dende a aprobación da Lei 7/2012 de Montes de Galicia, nas que se establecían os plans de ordenación de recursos forestais (PORF) como os instrumentos técnicos, elaborados con participación pública e co obxectivo de organizar a actividade forestal integrada na ordenación do territorio, resulta inxustificable que en Galicia non se teña aprobado nin un só dos 19 plans que se tiñan que ter feito.

No momento actual non se pode estar elaborando unha renovación do Plan Forestal de 1992 sen ter ningún tipo de participación dos representantes do sector nin interlocución con eles, argumentando que xa foron escoitadas as súas achegas nas directrices aprobadas en decembro do 2015.

Finalmente, é intolerable o mantemento da ameaza dun decreto de prohibición de plantacións de eucalipto que afecta a 129 concellos de Galicia. Sen ningún tipo de rigor técnico nin fundamento científico. Coa oposición da totalidade do sector forestal e vulnerando os dereitos de ducias de miles de propietarios aos que se lles limitan as posibilidades de aproveitar as súas terras sen ningún tipo de explicación nin compensación. Precisamos unha administración forestal proactiva, moderna, dialogante, áxil e comprometida para resolver conflitos e xerar iniciativas que aporten valor ao enorme potencial que temos nos nosos montes.

Manuel Marey é profesor da USC e portavoz da Asociación dos Produtores dos Montes de Castroverde