Miguel Ángel Vázquez: «A sociedade sepárase dos maiores e os maiores sepáranse da sociedade»

Tamara Montero
TAMARA MONTERO SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Oscar Vazquez

O presidente da Sociedad Galega de Xerontoloxía e Xeriatría defende que as persoas vivan soas ata que queiran, sempre que se articulen mecanismos de protección

23 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, Miguel Ángel Vázquez, quere romper clixés no que ás persoas maiores se refire, clixés que están moi presentes na sociedade e que teñen un sentido negativo. «A maior parte dos maiores están fenomenal», afirma.

-Que problemas se asocian a que os maiores vivan sós?

-Sobre a soidade e a vellez hai que deixar algunhas cousas claras. A asociación entre persoa maior e soidade non é correcta, porque non hai máis persoas de 65 ou máis anos soas que de 30. A soidade é un fenómeno humano, fundamentalmente subxectivo, que acontece en calquera grupo de idade. Onde hai conflito é nas persoas maiores vulnerables que viven soas, que é unha situación de risco e creo que hai que incrementar as políticas sociais que teñan que ver coa protección das persoas en situación de risco. A sociedade debería establecer sistemas con accións de voluntariado, de telemedicina e teleasistencia, que permiten que as persoas que queiran seguir vivindo soas teñan un certo soporte. E Galicia está á cola da teleasistencia en España.

-De que tipo?

-Emocional, pero tamén nutricional e de saúde, tamén mental. Non teñen xente que lles dea soporte, apoio, incluso a medicación. Este é o gran problema e creo que ademais de ser unha cuestión de política social, é de solidariedade social. Hoxe en día non é razoable que unha persoa maior morra soa. Non deberiamos quedar tranquilos como sociedades vendo a unha persoa maior que morre soa. Hai un 25 % de maiores e o único papel que teñen é o de ser avós e ocuparse de si mesmos. Temos que desenvolver espazos para permitir que os maiores sexan parte da sociedade, para que se convertan en importantes. Creo que os maiores teñen que desenvolver voluntariado. A vellez non pode ser vista como un elemento absorbente de recursos, ten que ser provedor de recursos.

-Os maiores quedan socialmente illados?

-As sociedade sepárase das persoas maiores e as persoas maiores sepáranse da sociedade. E falamos de «eles», os maiores, e «nós», os non maiores. Falamos de que un de cada catro galegos ten máis de 65 anos e ningunha sociedade pode soportar ter ao 25 % dos seus membros excluídos.

-É certo que hai un cambio social no que a familia deixa de ter peso e os maiores están máis desatendidos?

-Tratar de identificar persoas maiores con fraxilidade, soidade e dependencia forma parte dos estereotipos negativos que van en contra dos propios maiores. É certo que hai un 19 % de fogares unipersoais e pode que o 20 % deles o sexan porque non teñen máis remedio. Pero a maioría das persoas maiores están gozando da vida. O avellentamento activo ten que ser con saúde física, pero tamén emocional, e para ter felicidade teñen que sentirse parte da sociedade, recoñecidos por ela. Tivemos a sorte, entre aspas, de que esta crise fixera que os maiores nuclearan a estabilidade familiar en moitos casos e foron postos en valor por iso, pero cando se supere a crise teremos outra vez unha situación dramática con parques cheos de maiores dando de comer ás pombas.

-Centrámonos demasiado na natalidade e pouco no avellentamento activo?

-Aquí hai un cambio social que require sentar e ver as estratexias que temos que abordar. Creo que estamos sendo lentos nas respostas. Sería desexable que sobre todo en Galicia, que neste momento é a comunidade máis avellentada, sentaramos a planificar que é o que vai acontecer en breve.

-En que momento unha persoa maior non pode vivir soa?

-Cando ela queira. É moi fácil de responder, porque sempre estamos tomando decisións por eles. Cando ela queira porque vive nunha sociedade que pode artellar mecanismos de protección. Pero ten que ter autonomía para vivir soa. Tamén hai maiores vulnerables que queren seguir vivindo sós, e están no seu dereito e temos un país rico para que protexa aos individuos vulnerables.