Psicotécnicos: aliados nas estradas

Eva Muíño TRIBUNA

GALICIA

23 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A condución é unha actividade humana compartida por todos, de aí a súa importancia. A proposta de que os centros de recoñecemento de condutores poidamos ter acceso ao historial clínico abre un debate delicado cun moi nobre obxectivo: o de mellorar a seguridade nas nosas estradas. Os psicólogos, como facultativos que diriximos moitos destes centros psicotécnicos, xunto cos nosos compañeiros médicos, concordamos con que precisamos incrementar os mecanismos de control sobre aquelas persoas que están a tomar medicación para poder realizar revisións máis axustadas.

Moitas persoas que chegan aos centros non lembran os fármacos que están a tomar, confúndense ou tentan ocultar algunha patoloxía, por medo a que non se lle renove o permiso de conducir. A intención das revisións non é retirar carnés, senón garantir unha maior seguridade nas estradas. Pero non precisamos acceder ao historial clínico, que sería un sistema moi complicado por cuestións como a protección de datos, ademais de por definir un procedemento único coa rede pública de saúde e as aseguradoras privadas.

O que si precisamos é un compromiso real por parte da poboación condutora na que se nos facilite a información precisa, en colaboración tamén coas familias. Ademais, ás veces sitúanse os maiores como o colectivo máis perigoso na circulación, pero as estatísticas non sustentan que provoquen máis accidentes, así que cómpre que os liberemos deste estigma.

Existe moita desinformación das consecuencias legais de conducir co carné caducado ou ocultando información médica. Por exemplo, un condutor con diabete diagnosticada que o oculta no seu recoñecemento, de ter un accidente de tráfico ocasionado por unha baixada de azucre, podería ver como o seguro non cubre o sinistro. Así pois, canto maior sexa a información da que dispoñamos nos centros de recoñecemento, maior calidade terán as nosas revisións e mellor axustaremos as restricións, no caso de ser precisas. Non somos os inimigos, senón que somos aliados nas estradas.