Celso Sánchez: «Nunha porcentaxe elevada de consultas a parte máis importante é a anímica»

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

MIGUEL VILLAR

O vocal de Medicina Rural no Colexio de Médicos de Ourense cre que hai xente que vai de máis aos centros de saúde, e xente que vai de menos

19 feb 2017 . Actualizado a las 08:47 h.

Celso Sánchez coñece a case todos os seus doentes. É médico de familia no concello de Coles (Ourense), e asegura que hai xente que vai de máis, e xente que vai de menos. Pero, aclara, non existe unha hiperfrecuentación intencionada, senón xente que realmente cre que o necesita.

-É vostede médico dunha zona rural, coñece á maioría dos seus doentes?

-Do meu cupo pódese dicir que coñezo practicamente ao 90 %. Levo máis de vinte anos aquí, polo que entre os que coñezo da consulta e os de velos fóra, ao final son case todos.

-Hai xente que vai de máis e xente que debería ir e non o fai?

-Por suposto. Hai uns datos obxectivos, pero tamén unha carga subxectiva moi importante. As persoas que van de máis pensan que van o xusto, non teño a sensación de que a xente veña á consulta por amolar, ao mellor son cuestións sociais e anímicas. O que si se observa ultimamente é que hai consultas en poboación máis nova, por debaixo dos 50, por cuestións que deberían saber que son banais. E na xente máis vella vese o contrario, xente que debía vir e non o fai. Non é doado para un doente saber discernir se algo ten importancia ou non. Non hai un abuso intencionado, salvo excepcións, e en termos xerais hai un uso racional. Cando hai hiperfrecuentación non é intencionada, senón que a persoa pensa que o necesita.

-Di que hai doentes que terían que ir antes ao médico.

-Si, ás veces aparece unha patoloxía aguda e a persoa non a recoñece como tal, ou non lle dá a importancia que ten, e tamén ocorre que en enfermidades crónicas nas que hai que facer revisións, o doente ao mellor ao principio faino, pero despois a adherencia é defectuosa, hai de todo.

-O profesional de familia ten unha labor sanitaria evidente, pero tamén fai de conselleiro, psicólogo...?

-Si, loxicamente. Hai unha porcentaxe moi elevada de consultas nas que a parte máis importante é, digamos, a anímica. Se tes unha patoloxía e animicamente estás peor, vaslle dar máis importancia. Por exemplo, unha dor de costas que vai e vén, nun doente que está ben de ánimo non lle vai dar a mesma importancia que se este está mal. Nesta sociedade hai unha idea de que todo diconfor ten que ter solución. E, por outro lado, hai que ter en conta que mesmo patoloxías físicas como a cardiopatía isquémica ou os infartos ás veces se desencadean cando a persoa pasa por unha situación de estrés, ou por problemas persoais e mesmo familiares.

-E que trata máis no día a día?

-A carga do día a día é a patoloxía digamos crónica. E despois hai moita que ten que ver co envellecemento, como a artrose, e tamén psicosomática ou patoloxía psiquiátrica menor, como ansiedade ou depresión. A nosa función, polo menos para os que nos gusta isto, é a parte máis bonita da medicina porque ves de todo e non é nada monótono. Agora acabo de ver unha escordadura, logo venche unha persoa máis grave... Realmente é moi variado.