Carmen Santos: «Os inscritos decidirán en cada lugar se imos sos ou en coalición ás municipais»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

M.MORALEJO

Reforzada tras a última asemblea do seu partido, a secretaria xeral de Podemos Galicia xa traballa pensando nas eleccións locais do ano 2019

18 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Carmen Santos (Porto do Son, 1981) regresa hoxe de Madrid logo de participar na constitución da nova directiva de Podemos tralo proceso de Vistalegre, no que gañou a tese de Pablo Iglesias, pola que ela apostou claramente.

-Sae vostede reforzada de Vistalegre?

-Máis que saír eu reforzada, sae reforzado o modelo de partido e sae reforzado Podemos. Por unha banda, a figura dos secretarios xerais, non só o estatal, porque son os elixidos polos inscritos para representar ao partido e hai que mimar esas figuras, pero porque foron o que eles votaron. Queren uns secretarios xerais que sexan respectados e que consulten ás bases. E sae reforzado un proxecto de unidade e humildade. Non hai familias en Podemos, hai un proxecto de cambio e de persoas que traballan xuntas na mesma dirección.

-Vai haber agora asembleas autonómicas?

-De entrada non hai previsión de ter asembleas autonómicas porque, de feito, o documento político organizativo de Podemos Galicia está en total sintonía co documento que se acaba de aprobar da candidatura de Pablo Iglesias. Son os documentos de Podemos, de todos e todas. Haberá que facer algunhas adaptacións de funcionamento interno, pero sen grandes cambios. Non fixemos un ano de vida e consideramos que os documentos están en vigor. Unicamente haberá que facer algunha adaptación de cara ás eleccións municipais.

-Decidiuse como vai ir Podemos ás municipais?

-Podemos vaise presentar ás municipais de distintos xeitos, iso vaino decidir a vontade dos inscritos nos concellos, dos militantes activos.

-De que maneira en cada un dos municipios?

-Dependerá das asembleas de inscritos en cada concello. Segundo cada caso, que foi o que quedou aprobado no documento de Vistalegre que gañou, Podemos poderá presentarse só ou poderá presentarse en coalición, ou se poderá presentar baixo outras siglas segundo o que os inscritos decidan. Será unha aposta heteroxénea, non pechada, porque cada concello vai ter unha realidade distinta. Hai unha aposta maioritaria por tecer alianzas, pero, se non fose posible, pois hai a opción de presentarse coa nosa marca. Non hai unha soa forma de unidade popular.

-Que se fixo mal nas autonómicas?

-Eu creo que o explicamos mal, que non o expomos ben. Había unha opción que votaron os inscritos que era a de presentarnos coaligados pero sen que quedara diluída a nosa marca no proceso autonómico, e logo había outra opción maioritaria onde nos pedían ir xuntos. Como non se pechou a forma con carácter previo á votación, pois penso que non o explicamos ben, pero a decisión estaba ben tomada. Os inscritos o que querían era que nos presentáramos xuntos e o que temos que aprender é a explicalo mellor.

-Vostede está satisfeita de que se fixera así e está contenta coa relación que mantén con En Marea?

-Nós cremos que se fixo o que era máis acorde coa vontade dos inscritos, outras posibilidades non sabemos como sairían porque non podemos ter unha bola de cristal para saber o que pasaría, pero era o que máis se acercaba, e incluso os militantes que estaban máis doídos polo tema de que se diluíse a marca co partido instrumental o e grupo parlamentar, hoxe están contentos co resultado, polo tanto o balance é positivo.

«¿Marchar ao Grupo Mixto? Non o temos previsto»

Carmen Santos descarta levar a cabo unha purga de errejonistas dentro de Podemos Galicia.

-Sempre estivemos abertos a traballar de maneira conxunta e nós sempre o quixemos facer dese xeito; a primeira vez que o intentamos non funcionou pero nós seguimos querendo que os compañeiros traballen de forma consensuada na estrutura. A todos os que queiran traballar con nós dentro da lealdade ao proxecto atendendo ao que votaron os inscritos, desde logo imos a recibilos con alegría e de feito xa estamos mantendo conversas para traballar nesa dirección.

-Os resultados van influír na relación con En Marea?

-Eu sempre apostei pola alianza con En Marea, é algo que foi a miña aposta estratéxica cando me presentei á secretaría xeral. Pero ese sentir maioritario nada ten que ver coa desaparición de Podemos. As alianzas coas mareas foron exitosas e hai que seguir traballando en sintonía.

-Pero segue a haber críticos con esa alianza.

-Hai un grupo pequeno que fai moito ruído e non son representantivos de nada. Son tres persoas, e darlles voz a tres persoas non é representativo do sentir da militancia. Non teñen cargos orgánicos nin representación nos círculos. As persoas que pensaban así e son leais ao proxecto de Podemos, en canto a militancia votou, aceptaron o resultado e seguen a traballar con nós.

-Están parados os círculos?

-No momento en que se empece a traballar nas candidaturas para as municipais retomarase o traballo. De feito, moitos xa están traballando con ese obxectivo con total autonomía.

-Que pasou esta semana no Parlamento que non a deixaron actuar como voceira?

-Eu creo que foi un malentendido, unha falta de coordinación. Pensaban que Antón Sánchez, que era o que tiña preparada a intervención, ía retrasarse menos e foi todo produto dese momento de descoordinación.

-Podería Podemos ir ao Grupo Mixto?

-Nós non contemplamos en absoluto esa posibilidade. Non se pode predicir o futuro, pero non o temos previsto.

-Peca Podemos dun exceso de presenza nas redes sociais?

-As críticas non deberían saír dos espazos orgánicos, temos que facer esa reflexión.

-Pero aínda acaba de ter un debate en Twitter con Dobao...

-Si, foi unha broma e rematamos dicindo que nos temos que tomar unhas cañas, pero hai que ter coidado nas redes sociais, si.

-Hai Carmen Santos para longo, contra vento e marea?

-Si, por suposto que si.