«Cando o virus acada a unha porcentaxe da poboación diana, enlentece»

S. C. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

Xurxo Hervada, subdirector xeral de Epidemioloxía do Sergas,  asegura que o virus non sempre responde ás expectativas

24 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xurxo Hervada non lle estraña moito que a gripe este ano tivese un comportamento diferente ao previsto. «As ondas son así», explica. Este médico especialista en medicina preventiva leva trinta anos na Consellería de Sanidade, e sabe perfectamente que ás veces os virus non responden ás expectativas.

-O ano pasado a onda de gripe comezaba na semana do 25 de xaneiro, e neste ano esperábase que fora o pico, pero o virus adiantouse e agora parece que marcha antes do esperado.

-As ondas víricas son así. Hai unha poboación susceptible, e cando o virus acada unha certa porcentaxe desa poboación, enlentece, é máis difícil que siga a expandirse, porque nesa poboación diana hai xente inmunizada, por ter sufrido o virus ou porque puido defenderse del, e esa xente ten máis dificultade para contaxiar a outros.

-Canto dura unha onda de gripe, habitualmente?

-As ondas duran tres ou catro semanas subindo e outras tantas baixando, aínda que este ano subiu moi rápido, en dous ou tres semanas acadou o pico.

-Se está a baixar a onda, cal é o balance da gripe deste ano? Non parece un mal inverno, sobre todo despois de algúns como o do 2010-11...

-Se os datos que recollamos entre hoxe e mañá mércores indican que a onda está a baixar, o certo é que o balance non está moi mal. No número de ingresos e mortos estamos moi na media dos últimos anos, non é nada diferente se os comparamos cós dos anos pasados.

-E a campaña de vacinación? Aínda non hai datos oficiais, pero xa terán unha idea de como foi.

-Penso que estaremos no 56 % de cobertura, moi lonxe diso non será. Son dous puntos máis que o ano pasado, así que non podo dicir que sexa unha suba espectacular, pero se mantén. Hai que ter en conta que, como cada ano hai máis xente entre os maiores de 65, que é o principal grupo de poboación ao que vai destinada a campaña, ese 56 % supón moitas máis vacinas, para manter a mesma cobertura hai que vacinar a moita máis xente, temos 20.000 vacinas máis.