Luís Villares: «Non lle gañei ningún pulso a Xulio Ferreiro, en absoluto, non o vexo así»

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOAN A. SOLER

O exmaxistrado aposta por unha dirección coral, que recolla a pluralidade, pero que teña tamén un referente

21 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As consecuencias do que é estar na primeira liña da política cada día apenas sorprenderon a Luís Villares (Lugo, 1978), o actual portavoz parlamentario de En Marea, que non se arrepinte do paso dado antes das autonómicas.

-Síntese vostede reforzado co acontecido no plenario desta fin de semana?

-Co do sábado sae reforzado todo o espazo político de En Marea, non eu. Nós tiñamos un desafío, que era sacar en prazo o plenario despois de tres procesos nun ano. E, claro, pedirlle á xente que participe.

-Eu preguntáballe por vostede...

-Pois eu, como persoa que cría neste proxecto político, saio moi contento. E supoño que moitos outros que tamén confían na marea.

-Pero había algunha desas persoas que non o querían a vostede como posible portavoz. É o caso de Xulio Ferreiro. Gañoulle a partida?

-Nós temos que facilitar a participación, facela o máis ampla posible. E, polo tanto, establecer limitacións que sexan razoables, que non supoñan restrinxir. Atopamos un punto de equilibrio, no que converxeu todo o mundo.

-Pois semella que lle gañou vostede un pulso ao alcalde coruñés...

-Non, en absoluto. Non había nada nin que gañar nin que perder. Non o vexo así.

-Pero había unha limitación que afectaba ao seu futuro como líder político de En Marea e esa, que era clave, non saíu adiante.

-Non saíu. A cuestión era saber se alguén que ocupa un espazo no Parlamento podía contribuír a formar En Marea como organización. E saíu que si.

-Que papel xogou Beiras no desenlace do sábado? A primeira hora posicionouse a favor do seu liderado...

-Beiras sempre fala claro. É unha virtude máis del. Dende as eleccións mantivo un perfil baixo. Os seus consellos son sempre ben recibidos. Sobre todo porque liderou AGE no 2012, que é o referente do espazo de confluencia, antes que Podemos, tal e como recoñece Pablo Iglesias. Non creo que a súa opinión condicionase.

-Houbo moita cociña interna antes do plenario do sábado?

-O que houbo foron emendas ao texto orixinal. Por certo, están publicadas na web. E tamén un traballo da coordinadora de En Marea que apostou por unha vía ponderada para que todos os espazos se sentiran cómodos.

-Deduzo que vostede vai presentar unha lista...

-Eu non vou presentar unha lista, senón que vou participar activamente nunha que procure integrar todas as sensibilidades e toda a territorialidade. É importante que se sintan representadas.

-Preguntáballe se vai encabezar...

-Non teño ningún problema en encabezar, pero ese non é o debate. Unha dirección política é algo colexiado, somos 35 persoas, e ten que ser plural, integradora.

-En Marea terá que contar cun referente, como se vai chamar ese cargo?

-Aquí temos o reto de combinar a coralidade coa referencialidade. A coralidade é un elemento de discurso, dun espazo plural. Pero precisamos tamén un referente. Nós somos máis un espazo político que un partido político.

-Hai quen cre que o rexeitamento ás listas abertas é unha volta á vella política...

-Non hai ningunha relación de causalidade entre listas e novas e vellas organizacións. As listas abertas son idóneas para a conformación dun proceso de primarias, pero este non é o caso. Estamos a escoller unha dirección política. E o noso obxectivo agora é recoller o máximo elenco de sensibilidades. Se facemos unha lista aberta co voto individual pode non conseguirse. Esa é a razón; e ter en conta o territorio e a variable de xénero.

«Non teño ningún problema en encabezar unha lista, pero ese non é o debate agora»

«Beiras sempre fala claro, é unha virtude máis del, e os seus consellos son ben recibidos»

«As mareas están cumprindo con creces as expectativas xeradas»

O grupo parlamentario de En Marea leva pouco tempo. Pero as mareas gobernan tres das sete cidades galegas.

-Pensa que os gobernos da Coruña, Santiago e Ferrol están á altura das expectativas creadas?

-Creo que si. E cumprindo con creces. Era algo difícil asumir moitos compromisos de campaña e están saíndo adiante. Hai políticas que se ven no curto prazo, no medio e no longo.

-Que está distinguindo esa xestión?

-Primeiro, un esforzo en transparencia. E logo en participación cidadá, con rendición de contas. Tamén unha aposta pola xustiza social, o que leva a un esforzo de redistribución de renda.

-Íñigo Errejón ou Pablo Iglesias?

-Os dous son bos referentes dunha alianza que temos co espazo de Podemos. Non me vexo obrigado a escoller.

-En que poden afectar estas tensións á marea galega?

-Podemos representa a nivel de Estado o espazo de ruptura e, polo tanto, o que pase con eles é importante no Estado, pero En Marea é unha organización soberana.

-No PSOE había felipistas e guerristas. Non cre que ese pulso de errejonistas cos partidarios de Iglesias nos devolve a tempos pretéritos, á clásica loita polo poder de todas as organizacións?

-Non creo que sexa unha dialéctica entre a nova e a vella política, senón que estamos ante un proceso novo. Pensar un novo espazo político significa tamén que hai ensaio e hai erro. Tamén resolver a morfoloxía e a estratexia dese proxecto. O noso percorrido en favor da unidade popular xa é algo máis dilatado que a propia historia de Podemos. Temos avanzado en cousas e dado pasos pioneiros á hora de consolidar a capacidade de traballar da xente que temos procedencia diversa e nos unen valores e soños.